Fender Jazz Bass

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fender Standard Jazz Bass do 2003

O Fender Jazz Bass (Jazz Bass ou J-Bass) foi o segundo modelo oficial de baixo presentado por Fender. Apareceu en 1960 como unha especie de versión Deluxe do Precision Bass. O modelo debe o seu nome a que foi presentado como a versión "en baixo" da guitarra Jazzmaster de Fender, que á súa vez pertencía á gama alta do catálogo de Fender, dirixida a músicos avanzados da técnica de jazz.[1]

Características técnicas[editar | editar a fonte]

O instrumento presenta un corpo lixeiramente diferente ao do do Precision, asimétrico e contornado,[2] e conta cun mastro notablemente máis estreito que o do Precision, co obxectivo final de facilitar máis a execución aos baixistas e guitarristas que adoptaban o novo instrumento. Para a construción do modelo recorreuse desde o principio ás mesmas madeiras que se empregaban para o Precision: ameneiro para o corpo e pradairo para o mastro[3][4]

O Jazz Bass presenta dúas pastillas de bobinado simple con oito polos magnéticos cada unha, e tres rotores de control situados sobre unha placa metálica na parte inferior dereita do corpo do instrumento: dous controlan o volume individual de cada pastilla e o outro controla o ton de ambas. A pastilla máis próxima á ponte entrega un son brillante, compacto e definido, mentres que a do mastro dá un son máis grave e redondo. A posibilidade de mesturar os volumes de ámbalas dúas pastillas outorga ao J-bass unha maior versatilidade sonora respecto ao P-bass, e o feito de que estean conectadas en paralelo e presenten unha polaridade inversa, contribúe a reducir o ruído de masa e permite un son máis rico en frecuencias medias e menos agresivo que o do Precision bass.

Baixista usando un Modelo Jazz Bass.

Valoración[editar | editar a fonte]

O Fender Jazz Bass é un instrumento clásico e, pola súa versatilidade, foi un dos instrumentos máis usados por músicos de todos os xéneros. Paradoxalmente, foi precisamente no jazz onde tivo que esperar máis para lograr a súa total aceptación: o primeiro músico de relevancia en usar un J-bass foi, neste campo, Jaco Pastorius. Sentou cátedra na fabricación de baixos eléctricos e aínda hoxe, é un modelo co que se comparan os novos deseños.

O modelo orixinal Jazz Bass foi deseñado e continua sendo producido por Fender, mais o termo úsase hoxe en día para facer referencia a calquera instrumento fabricado seguindo o deseño básico de construción e electrónica. De feito, existen innumerables marcas e luthieres que, inspirados no modelo orixinal, construíron instrumentos que, respectando a estética, melloran, nalgúns casos, as súas prestacións sonoras. Como exemplos podemos citar os instrumentos fabricados por Roger Sadowsky ou Mike Lull

Evolución[editar | editar a fonte]

O deseño básico do modelo non mudou moito nestes últimos 50 anos de historia, alén de Fender introducir e elimir unha serie de pequenas modificacións e melloras debidas ás esixencias dos tempos. Estas pequenas diferenzas son esenciais para datar os instrumentos.

Cronoloxía
  • 1960: O Jazz Bass orixinal de 1960 presentaba un total de catro controis, organizados en dous grupos de dous controis (volume e ton) para cada pastilla. Estes primeiros instrumentos son moi apreciados polos coleccionistas, pois fabricáronse moi poucos exemplares con esta configuración. Este modelo orixinal presenta cobrepastillas metálicas. Á parte da súa función decorativa, estes cobrepastillas contribuían a illar electricamente as pastillas, reducindo o ruído de masa. Tamén dispoñía de dispositivos de goma para mutear as cordas. Daquela, o baixo eléctrico era de recente aparición, e o concepto que se tiña do instrumento era moi diferente ao que temos hoxe en día del: supoñíase que o son do baixo eléctrico tiña que emular o "punch" xordo do contrabaixo.
  • 1961: A maioría dos instrumentos eran xa fabricados seguindo a configuración de pastillas que actualmente consideramos estándar, isto é, dous controis de volume (un para cada pastilla) e un terceiro de ton xeral. Comézanse a incluír instrumentos de cores no catálogo (os primeiros Jazz bass eran exclusivamente sunburst). Póñense números de patente baixo o logo.
  • 1962/63: Desaparece definitivamente a configuración de controis orixinal. Abandónanse os muteadores e engádese o prefixo "L" ao número de serie, localizado na placa metálica da parte posterior do corpo.
  • 1964: O logo "Offset contour body" desprázase ao extremo do caravilleiro. Substitúese o material dos marcadores sobre diapasón e das bobinas.
  • 1965: CBS adquire Fender, dando fin ao "período clásico" de Fender.
  • 1966: Ofrécense opcionalmente diapasóns de pradairo sobre o mastro, que agora presenta liñas sobre o bordo. Empréganse por primeira vez marcadores rectangulares sobre o diapasón e substitúense os trastes con trastes de dimensións maiores (medio jumbo). Introdúcese un deseño de caravillas de afinación distinto: as caravillas son agora fabricadas pola propia Fender,[5] de forma oval, e que se xiran en sentido normal[6]
  • 1969: Desaparece o parafuso da parte posterior do caravilleiro. Substitúese o logo por un de maiores dimensións. Empréganse acabados en poliéster.
  • 1970: Ofrécense acabados Thick skin e en natural (sobre instrumentos de corpo de freixo)
  • 1972/73: Desprázase a pastilla da ponte a unha posición lixeiramente máis próxima a esta.
  • 1975: Desprázase o bloque do polgar á parte superior do corpo. Nos instrumentos con diapasóns de pradairo úsanse marcadores en bloque de nácara e liñas laterais brancas. Úsanse tres parafusos para fixar o mastro ao corpo (antes usábanse catro) e introdúcense por primeira vez golpeadores de cor negra.
  • 1976: Métense novas caravillas fabricadas por Schaller. O número de serie pasa da placa de suxeición do mastro ao caravilleiro, baixo o logo, que é reducido de tamaño. Elimínase o logo "Offset contour body" da pa.
  • 1977: Cambian os rotores de control, agora mostran as etiqueta "volume" dúas veces e "tone".
  • 1981: Vólvese á fixación do mastro con catro parafusos.
  • 1982: Fender introduce reedicións dos seus modelos clásicos, entre eles, o Jazz bass do '62. Abandónanse os marcadores rectangulares. Squier Japan comeza a súa produción.
  • 1983: Elimínase a placa metálica de control, a liña de decoración, as placas cobrepastillas e os bloques pousapolgares para abaratar custos de produción.
  • 1984: Fender ponse en venda.
  • 1985: Bill Schultz merca Fender e inicia a produción en Corona, inicialmente moi limitada. Aprovéitanse restos de stock para a produción de instrumentos de serie.
American Deluxe J-bass do 2005.
  • 1987: Preséntase o modelo Jazz Bass Plus, primeiro modelo producido na nova factoría de Corona. Fender inicia a súa Custom Shop
  • 1989: O novo Jazz bass de serie presenta importantes modificacións: 22 trastes, un corpo levemente agrandado e redeseñado, novas caravillas e un novo logo.
  • 1990/91: Introdúcense opcionalmente pastillas "Lace sensor". A Custom Shop ofrece o modelo "Jaco Pastorius Signature".
  • 1995: Redeséñase toda a gama estándar, volvendo ao deseño tradicional, con 20 trastes e cordas a través do mastro. Ofrécese o Jazz Bass de 5 cordas. Aparece a serie "Deluxe", con corpo reducido e electrónica activa, que busca fusionar unha estética tradicional con sons máis modernos.
  • 1996: Sácase o "Jazz Bass 50th Anniversary", en edición limitada.
  • 1997: Introdúcense os diapasóns de pradairo para as series "Standard" e "Deluxe", así como a opción fretless.
  • 1998: Renoméase a serie "Deluxe" como "American Deluxe", con logo cromado, marcadores de abalone, novas caravillas "lite" e golpeadores en menta. Aparecen as pastillas "Jazz Noiseless".
  • 1999: Aparece o "Jazz Bass American Deluxe V" e faise unha reedicón americana do modelo "'75 Jazz Bass".
  • 2000: A serie "Standard" rebautízase como "American Standard" e sofre pequenas modificacións. Os modelos "Jazz Bass Standard" son fabricados en México.
  • 2001: Introdúcense os modelos "FMT" e "QMT" na serie "Amercian Deluxe", que presentan tapas de pradairo flameado ou "quilt", e que se abandona no 2007.
  • 2003: Introdúcese o swicht "S-1" no modelo "American Standard", que permite usar as pastillas en serie, obtendo un son similar ao do do Precision.
  • 2004: Aparece o "Jazz Bass 24", de 24 trastes, fabricado en México ou Corea.

Versións do Jazz Bass[editar | editar a fonte]

A continuación hai unha lista exhaustiva das diferentes versións que se coñecen do J-bass, segundo ano e orixe de fabricación. A non ser que se mencione o contrario, as características de cada versión corresponden coas do modelo base, isto é:

  • Mastro aparafusado ao corpo con catro parafusos.
  • Diapasón sobre o mastro.
  • Escala de 34 polgadas.
  • 22 trastes.
  • Catro caravillas de afinación metálicas en liña no caravilleiro.
  • Hardware de níquel ou cromado.
  • Tres controis, dous de volume para cada pastilla e un de ton xeral.

Modelos estadounidenses[editar | editar a fonte]

Modelos estadounidenses regulares[editar | editar a fonte]

  • J-bass, primeira versión (1960-62): catro controis montados en dous stacks (volume e ton para cada pastilla); Muteadores de goma sobre a ponte.
  • J-bass, segunda versión (1962-75): tres controis; Opción de diapasón en pradairo; Marcadores rectangulares desde 1966.
  • J-bass, terceira versión (1975-81): o axuste da alma faise no caravilleiro ("Bullet" trus-rod); Unión do corpo ao mastro con tres parafusos.
  • J-bass Standard, primeira versión (1981-83): axuste da alma na base do mastro; pastillas brancas; marcadores redondos.
  • J-bass Standard, segunda versión (1983-85): os controis e o jack sitúanse directamente sobre o golpeador.
  • American Standard J-bass, segunda versión (1995-2000): 20 trastes; cordas a través do corpo.
  • American J-bass (2000-07): 20 trastes; golpeador de plástico en cor crema; Control Switch-1 desde 2003.
  • American Standard J-bass, terceira versión (2008-): 20 trastes; ponte reforzada.
  • Highway one J-bass, primeira versión (2003-06): acabado satinado. Axuste da alma desde o caravilleiro.
  • Highway one J-bass, segunda versión (2006-): acabado satinado. Axuste da alma desde o corpo. Logo estilo '70.

Modelos estadounidenses de reedición[editar | editar a fonte]

  • 62 J-bass (1982-98): Réplica do modelo J-bass, primeira versión (1960-62).
  • 62 J-bass Limited Edition (1987-89): réplica do modelo J-bass, primeira versión (1960-62), versión "deluxe".
  • American Vintage '62 J-bass (1998-): réplica do modelo J-bass, primeira versión (1960-62).
  • American Vintage '75 J-bass (1999-): réplica do modelo J-bass, terceira versión (1975-81).
  • 64 J-bass (1999-): réplica do modelo J-bass, segunda versión (1962-75).
  • Relic '60 J-bass (1996-98): réplica con acabados "Relic" do modelo J-bass, segunda versión (1962-75)

Modelos estadounidenses revisados[editar | editar a fonte]

  • American Classic J-bass (1995-96): corpo e caravilleiro máis miúdos; Marcadores rectangulares; Catro controis.
  • American Classic J-bass FMT (1995-96): como o anterior modelo, pero con tapa de pradairo flameado.
  • American Classic J-bass V FMT (1995-96): versión en cinco cordas do modelo anterior.
  • Deluxe J-bass (1995-97): Corpo e caravilleiro reducidos; catro controis; Electrónica activa.
  • American Deluxe J-bass (1998-): corpo máis pequeno e redeseñado; Catro controis; Electrónica activa.
  • American Deluxe J-bass V (1998-): versión en cinco cordas do modelo anterior.
  • American Deluxe J-bass FMT ou QMT (2001-06): corpo reducido; tapa en madeiras de luxo; Hardware bañado en ouro.
  • American Deluxe J-bass V FMT ou QMT (2001-06): versión en cinco cordas do modelo anterior.
  • American J-bass V (2000-07): cinco cordas, 20 trastes, cordas a través do corpo, unha soa guía para as cordas sobre o caravilleiro.
  • American Standard J-bass, primeira versión revisada (1988-94): corpo redeseñado, co corno superior prolongado; 22 trastes; marcadores redondos.
  • American Standard J-bass V, primeira versión (1995-2000): cinco cordas, 20 trastes, cordas a través do corpo, dúas guías de suxeición.
  • American Standard J-bass V, segunda versión (2008-): como o anterior modelo, pero con ponte reforzada.
  • Custom Classic J-bass (2001-): deseño de corpo revisado; marcadores rectangulares. Fabricados na Fender Custom Shop.
  • Custom Classic J-bass V (2001-): versión en cinco cordas do modelo anterior; caravillas en formato 4+1.
  • Gold J-bass (1981-83): Corpo dourado; Pastillas brancas; Hardware bañado en ouro.
  • Jaco Pastorius J-bass (1999-): Réplica do J-bass, segunda versión (1962-75) de Jaco Pastorius. Sen golpeador.
  • Jaco Pastorius Tribute J-bass (1999-): idéntico ao modelo anterior, pero en formato relic. Fabricado pola Fender Custom Shop.
  • J-bass Plus (1990-94): corpo redeseñado e reducido; sen golpeador nin placa de controis; pastillas completamente negras; logo redeseñado; cinco rotores de control montados directamente sobre o corpo; electrónica activa.
  • J-bass Plus V (1990-94): versión en cinco cordas do modelo anterior.
  • Marcus Miller J-bass V (2003-): similar ao J-bass, terceira versión (1975-81), pero con golpeador e electrónica redeseñadas; "Five Strings" e sinatura de Marcus Miller no logo; axuste da alma no corpo; deseño de caravilleiro 4+1.
  • Reggie Hamilton J-bass (2002-): corpo redeseñado; 21 trastes; Swicht activo-pasivo; D-Tuner na cuarta corda; cinco controis; entrada do jack lateral; electrónica activa-pasiva; configuración de pastillas P-J. Fabricado pola Fender Custom Shop.
  • Reggie Hamilton J-bass V (2002-): versión en cinco cordas do modelo anterior. Diapasón de pau-ferro. A-Tuner na quinta corda. Producido pola Fender Custom Shop.
  • Victor Bailey J-bass (2001-): tapa e caravilleiro en madeira de koa. Sinatura de Victor Bailey sobre o caravilleiro; sen golpeador; corpo redeseñado; Hardware bañado en ouro.
  • Victor Bailey J-bass V (2001-): versión en cinco cordas do modelo anterior. Formato 4+1.
  • 50th Anniversary J-bass (1996): edición conmemorativa, similar ao J-bass, segunda versión (1962-75); Placa conmemorativa.
  • 50th Anniversary J-bass V (1996): versión en cinco cordas do modelo anterior.
  • 60th Anniversary J-bass (2006): edición conmemorativa, similar ao American J-bass (2000-07); Placa conmemorativa; Emblema cun diamante; Control Switch S-1; Ponte especial que permite axustar o espazo entre cordas.
Caravilleiro estándar do J-bass.

Modelos mexicanos[editar | editar a fonte]

Modelos mexicanos regulares[editar | editar a fonte]

  • Standard J-bass (1991-): Logo prateado sobre o caravilleiro; Coñecido no Reino Unido como Special Jazz.
  • Traditional J-bass (1996-97): Logo negro sobre o caravilleiro; Controis e jack situados directamente sobre o golpeador de plástico.
  • Squier Series J-bass (1994-96): Como o modelo Traditional J-bass (1996-97), pero co logo "Squier Series" engadido sobre o caravilleiro.

Modelos mexicanos de reedición[editar | editar a fonte]

  • Classic '60s J-bass (2004): Réplica do modelo americano J-bass, segunda versión (1962-75).

Modelos mexicanos revisados[editar | editar a fonte]

  • Deluxe Active J-bass (1997-): electrónica activa; Cinco controis; Axuste da alma no caravilleiro; Entrada do jack lateral.
  • Deluxe Active J-bass V (1998-): versión en cinco cordas do modelo anterior. As cinco caravillas son postas en liña.
  • Deluxe Power Jazz (2006-): similar ao Deluxe Active J-bass (1997-), pero o axuste da alma faise na base do mastro; inclúe sistema piezoeléctrico na ponte.
  • Duff McKagan J-bass Special (2007-): acabado en negro, cun deseño dunha caveira sobre o diapasón. Sen golpeador. Corpo estilo Precision Bass.
  • Reggie Hamilton Standard J-bass (2005-): configuración de pastillas P-J. Catro controis e mini-swicht activo-pasivo.
  • Standard Jazz V (1998-): similar ao Standard J-bass (1991-) mexicano, pero con cinco cordas, diapasón de pau-ferro e configuración de caravillas en liña.

Modelos xaponeses[editar | editar a fonte]

Modelos xaponeses regulares[editar | editar a fonte]

  • Standard J-bass (1988-91): logo prateado en spaguetti sobre a pa; substituído pola versión mexicana Standard J-bass en 1991.

Modelos xaponeses de reedición[editar | editar a fonte]

  • Fender Squier Vintage Series '62 J-bass (1982-83): Réplica do modelo americano J-bass, segunda versión (1962-75), cun pequeno logo "Squier Series" engadido sobre a pa. Substituído polos modelos Squier en 1983.
  • 60s J-bass (1989-94): Réplica do modelo americano J-bass, segunda versión (1962-75).
  • 75 J-bass (1992-94): Réplica do modelo americano J-bass, terceira versión (1975-81).

Modelos xaponeses revisados[editar | editar a fonte]

  • Aerodyne J-bass (2003-): Cor negra; Co nome completo do modelo sobre a pa; Sen golpeador.
  • Foto Flame 60s J-bass (1994-96): similar ao 60s J-bass (1989-94) xaponés, pero cun acabado en imitación de pradairo rizado.
  • J-bass Special (1985-91): nome do modelo sobre a pa; Corpo de Precision Bass; Sen golpeador; Hardware negro. Tamén coñecido como Contemporary J-bass ou Contemporary J-bass Special.
  • Power J-bass Special (1988-91): nome do modelo sobre a pa (de grafito); Corpo de Precision Bass; Sen golpeador; Hardware negro.
  • Geddy lee J-bass (1998-): similar ao 75 J-bass (1992-94) xaponés, pero con corpo e marcadores rectangulares negros, liñas transversais negras sobre o mastro e ponte reforzada.
  • Marcus Miller J-bass (1998-): similar ao 75 J-bass (1992-94), pero con golpeador e electrónica redeseñados, catro controis e mini-swicht sobre o golpeador, coa sinatura de Marcus Miller sobre a pa.
  • Noel Redding J-bass: similar ao 60s J-bass (1989-94) xaponés, coa firma de Noel Redding sobre a pa.
  • Power J-bass Special (1988-91): nome do modelo sobre a pa (de grafito); Corpo de Precision Bass; Sen golpeador; Hardware negro.
  • The Ventures J-bass (1996): logo de The Ventures sobre a pa e -opcionalmente- sobre o corpo; Hardware bañado en ouro.

Modelos coreanos[editar | editar a fonte]

  • J-bass 24: corpo redeseñado; 24 trastes; Sen golpeador.
  • J-bass 24 V: Versión en cinco cordas do modelo anterior. Formato 4+1.
  • Fender Squier Series J-bass (1992-94): "Squier series" engadido ao logo sobre a pa; Controis e entrada do jack situados directamente sobre o golpeador.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bibl., "How the Fender Bass Changed the World", pp.66
  2. Fender utiliza o termo "Offsett contour body" para referirse ao deseño orixinal do corpo do Jazz Bass
  3. O Jazz orixinal contaba ademais cun diapasón de paurrosa, que se creara para o Precision un ano antes, en 1959
  4. Ao longo dos anos, Fender usou moitas outras madeiras para a fabricación destes instrumentos (por exemplo, o freixo intercambiouse co ameneiro frecuentemente na fabricación dos corpos), mais as madeiras "clásicas" son as citadas no texto
  5. anteriormente utilizábanse caravillas Kluson
  6. As caravillas "Kluson" xiraban en sentido inverso

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]