Fender Duo-Sonic

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fender Duo-Sonic II

A Fender Duo-Sonic é unha guitarra eléctrica fabricada por Fender como un instrumento de estudio. Conta con dúas pastillas sinxelas e un interruptor vertical no corno inferior do corpo para seleccionar a pastilla ou unha combinación de ámbalas dúas. A Duo-Sonic conta coas típicas técnicas de fabricación de Fender, cun mastro de pradairo parafusado ao corpo. A ponte é fixa e ten unha escala menor que os modelos estándar ao estar destinado a guitarristas principiantes máis novos e a intérpretes con mans máis pequenas.

Deseño orixinal (1956-1959)[editar | editar a fonte]

A Fender Duo-Sonic foi introducida en 1956. Ao igual que a Musicmaster, intruducida poucos meses antes, ten unha estrutura básica pero efectiva e unha escala de 22,5 polgadas (as guitarras estándar de Fender tiñan unha escala de 25,5) e custaba 149,50 dólares. O modelo orixinal só estaba dispoñible nunha cor marrón clara chamada "Desert Sand" (area do deserto) e tiña un diapasón de pradairo con 20 trastes e un mastro cun leve perfil en "V". Tamén levaba un placa de aluminio anonizado dourada que axudaba a apantallar as pastillas e a electrónica das interferencias.

Segunda versión (1959-1964)[editar | editar a fonte]

En 1959 a Duo-Sonic pasou por un lavado de cara. O cambio máis significativo foi o cambio do diapasón de pradairo por un de palisandro, seguindo os cambios realizados noutros modelos de fender dese tempo. Outro importante cambio foi a substitución da placa de aluminio anonizado por un golpeador de plástico. Nun principio esta segunda versión só estivo dispoñible en "Desert Sand", porén, o cor canela usado agora era significativamente máis escuro que o usado no primeiro modelo. En 1961 estivo dispoñible unha nova cor, "Sunburst". A mediados de 1961 a cor "Desert Sand" foi descartada e en 1963 a "Sunburst" correu a mesma sorte, sendo substituída polo branco.

Terceira versión - Duo-Sonic II (1964-1968)[editar | editar a fonte]

En 1964 a Duo-Sonic foi re-deseñada baseándose na Fender Mustang, que se engadira recentemente á liña de modelos de estudo, pero sen o seu vibrato. As guitarras para estudantes agora contaban con corpos máis grandes e lixeiramente desprazados, mastros con diapasóns de palisandro e caravilleiros máis grandes, e con golpeadores de plástico cos controis de ton e volume montados en placas diferentes. A selección de pastillas foi movido e colocado enriba das mesmas tanto na Duo-Sonic como na Mustang, e utilizaba dous interruptores de tres posicións. A este re-deseño tamén se lle engadíu a opción da escala de 24 polgadas, ademais da de 22,5. O novo modelo foi bautizado como Duo-Sonic II, e ademais de en branco estivo dispoñible nas cores "Daphne Blue" e "Dakota Red".

Reedicións[editar | editar a fonte]

En 1993 Fender lanzou unha reedición fabricada en México da Duo-Sonic nunha escala de 22,5 polgadas. Estivo dispoñible en negro, "torino red" e "arctic white" e custaba 259.99 dólares. Deixouse de fabricar no ano 1997 pero lanzouse novamente como un modelo Squier Affinity de fabricación chinesa dende 1998 ata 1999.

En [[2008] a Duo-Sonic foi lanzada novamente por Squier dentro da súa serie de guitarras Classic Vibe. Asemellábase moito ao modelo dos anos 50, e tiña un diapasón de pradairo semellante ao do modelo orixinal, un golpeador dourado e un corpo en cor "Desert Sand". Entre as diferenzas estaba o material usado para o corpo, que desta vez era de tilo ou o mastro de 24 polgadas con forma de "C".