Fender

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fender Musical Instruments Corporation
Fender guitars logo.svg
Tipo privada
Fundación 1946
Localización Scottsdale, Arizona Flag of the United States.svg
Fundador Clarence Leonidas Fender
Industria instrumentos musicais
Páxina web http://www.fender.com/

A Fender Musical Instruments Corporation, baseada en Scottsdale, Arizona, Estados Unidos, é o primeiro fabricante mundial de instrumentos de corda, e en Estados Unidos é o principal fabricante de guitarras eléctricas de corpo sólido, con deseños que inclúen as famosas Stratocaster e Telecaster. Fender tamén se considera a inventora dos baixos eléctricos de corpo sólido, que agora son fundamentais no rock, jazz, country, funk, e moitos outros tipos de música popular.

A compañía fabrica instrumentos como guitarras acústicas, baixos eléctricos, mandolinas, banjos e violíns, así como amplificadores de guitarra e baixo e equipos de directo. Tamén fabrican pianos eléctricos, os famosos Fender Rhodes. Outras marcas de Fender son: Guild (guitarras acústicas e eléctricas), Rodriguez (guitarras clásicas), Benedetto (guitarras de jazz), SWR (amplificación de baixos) e Squier (modelos económicos).

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

A compañía comezou a funcionar co nome 'Fender's Radio Service a finais de 1938 en Fullerton, California. Como técnico de electrónica cualificado, a Leo Fender non só lle encargaron arranxar radios, tamén reparou fonógrafos, amplificadores de audio domésticos, sistemas de PA e amplificadores de instrumentos musicais (nese tempo a meirande parte destes aparellos eran só variacións dun sinxelo circuíto de válvulas). Todos os deseños estaban baseados nas investigacións da compañía Western Electric nos anos 30, e usaban válvulas para a amplificación. O negocio de Fender tamén alugaba sistemas de PA deseñadas e construídas poe el mesmo. Leo empezou a interesarse polos fallos de deseño dos amplificadores de instrumentos e comezou construíndo un feixe de amplificadores baseados nos seus propios deseños ou en modificacións súas de modelos existentes.

A comezos dos anos 40 aliouse con outro entusiasta local da electrónica, Clayton Orr "Doc" Kauffman, e xuntos formaron unha compañía chamada K & F Manufacturing Corp. para deseñar, fabricar e vender instrumentos eléctricos e amplificadores. A produción comezou en 1945 con guitarras lap steel hawaianas (que incorporaban unha pastilla patentada) e amplificadores. cara finais do ano Fender estaba convencido de que fabricar daríalle máis beneficios que reparar, e decidiu concentrarse nese negocio. Kauffman non estaba convencido e marchou amigablemente da compañía a principios de 1946. nese momento Leo cambiou o nome da empresa, pasando a chamarse Fender Electric Instrument Company. O taller de reparacións permaneceu aberto ata 1951, aínda que Leo Fender deixou de supervisalo persoalmente en 1947.

A primeira gran serie de amplificadores fabricouse en 1948. Estes foron coñecidos como "tweed amps", debido a que estaban cubertos do mesmo tipo de tela usados nas maletas nese tempo, e ese tipo de tela chámase tweed. Eses amplificadores tiñan unha gama de potencia de saída que ía dos 3 aos 75 watts . Ese período foi un dos que tiveron máis innovacións e cambios. Leo fixo o Tweed Princeton en 1948 para a súa guitarra lap steel Professional de 8 cordas (cunha vida moi curta, xa que posteriormente se centraría nos modelos de 6 cordas para estudantes), e máis tarde o Princeton converteríase nun amplificador de válvulas push-pull de clase AB. Ese mesmo ano tamén construíu un amplificador single-ended clase A semellante ao Fender Champ, co transformador de saída montado no bastidor do altofalante e sen ningún tipo de retroalimentación negativa.

Primeiros instrumentos de corpo sólido[editar | editar a fonte]

No ano 1949 Fender comezou a sentir interese sobre as vantaxes dos corpos sólidos para os instrumentos eléctricos, e en 1950 comezou a desenvolver unha guitarra eléctrica de corpo sólido. Os primeiros exemplares vendidos, cunha pastilla sinxela, foron coñecidos como Esquire, e despois de menos de 50 exemplares construídos foron substituídos debido a problemas de fabricación. A Esquire deixou de fabricarse e deu paso a un modelo con dúas pastillas bautizado como Broadcaster. Ese nome era usado por unha gama de baterías de Gretch e Fender decidiu cambialo nacendo así a Fender Telecaster, a primeira guitarra de corpo sólido fabricada en serie e un dos modelos máis populares de Fender.

Esquema da patente do Precision Bass

Tamén en 1950 Leo Fender comezou a traballar no prototipo do Precision Bass. Aparecido ao ano seguinte, o Precision Bass converteuse no primeiro baixo eléctrico en ser amplamente utilizado. Foi un instrumento revolucionario para a súa época e tivo un gran impacto na música popular.

En 1954, despois do éxito da Telecaster, Leo Fender, xunto con Freddie Tavares e George Fullerton, deseñou a Fender Stratocaster. Moitos dos primeiros guitarristas en usar o seu anterior modelo desexaban unha guitarra máis elaborada que puidese usarse no jazz e na música folk, e seguindo as súas recomendacións nacería a Stratocaster, converténdose na guitarra eléctrica máis popular ata a actualidade e unha referencia no deseño e construción deste tipo de instrumentos a partir de entón.

A mediados da década apareceron as guitarras para estudantes Fender Musicmaster e Fender Duo-Sonic, basicamente o mesmo modelo pero cunha e dúas pastillas respectivamente. En 1958 lanzaría ao mercado a Fender Jazzmaster, unha guitarra máis cara que a Startocaster destinada ao mercado dos guitarristas de jazz. Pero Fender non conseguiu chegar ao seu público obxectivo e a comezos dos 60 acabaría sendo usada por músicos de surf rock. Deixou de estar de moda nos 70, rematando a súa produción en 1976. Nos anos 80 os músicos indie popularizarían a Jazzmaster e volvería a fabricarse novamente.

Venda á CBS[editar | editar a fonte]

A comezos de 1965, debido á súa delicada saúde, Leo Fender vendeu as súas compañías á Columbia Broadcasting System (CBS) por 13 millóns de dólares[1]. CBS entraba así no campo da fabricación de instrumentos ao adquirir todas as compañía de Fender (Fender Sales, Inc., Fender Electric Instrument Company, Inc., Fender Acoustic Instrument Company, Inc., Fender-Rhodes, Inc., Terrafen, Inc., Clef-Tronix, Inc., Randall Publishing Co., Inc., and V.C. Squier Company), ademais de Electro-Music Inc., baterías Rogers, pianos Steinway, frautas Gemeinhardt, arpas Lyon & Healy, órganos Rodgers e órganos Gulbransen.

A venda foi considerada positiva, pero significou unha redución na calidade dos produtos de Fender. Realizáronse cambios estéticos nos instrumentos, como un caravilleiro máis grande despois de 1965/1966 en certos instrumentos, ou marcadores de trastes en forma de bloque en 1966. Un logo negro nos caravilleiros ou placas de aluminio con etiquetas de cor azul ou vermello nos amplificadores convertéronse en estándares a partir de 1968. Nas guitarras, a unión do mastro e o corpo de catro parafusos pasou a tres.

Durante a época con CBS a compañía presentou novos modelos de instrumentos e amplificadores. A Fender Starcaster foi particularmente inusual debido ao seu corpo semi-sólido e ao seu caravilleiro completamente distinto ao do resto dos modelos de Fender. A Starcaster tamén incorporaba unha pastilla humbucking deseñada por Seth Lover. Esta pastilla tamén deu lugar a aparición de 3 novas encarnacións da Telecaster. Aínda que recentemente o uso por parte de Jonny Greenwood de Radiohead aumentou o status da Starcaster, os instrumentos da era da CBS son polo xeral menos codiciados que os modelos anteriores creados por Leo Fender antes de 1965.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

En 1985, nunha campaña iniciada polo entón presidente da división CBS Musical Instruments, William Schultz, os empregados da Fender Electric Instrument Manufacturing Company mercaron a compañía á CBS e renomeárona como Fender Musical Instruments Corporation.

Na venda non estaban incluídas as instalacións e a maquinaria, polo que a compañía tivo que empezar case de cero. O trato incluía só o nome, a propiedade intelectual e algunhas pezas sobrantes, polo que nun principio importou as guitarras a fabricantes estranxeiros. Co obxectivo de ter un maior control sobre a calidade dos instrumentos abriuse unha fábrica en Corona, California ese mesmo ano, e outra en Ensenada, México en 1987.

En 1991 a empresa trasladou as súas oficinas centrais de Corona a Scottsdale, Arizona, tendo oficinas tamén en Inglaterra, Francia, Alemaña, Xapón, México, Países Baixos, España e Suecia.

Fender fabrica as súas guitarras de mellor calidade na súa factoría de Corona, e outros instrumentos de calidade media-alta en Ensenada. Fender tamén contrata a fabricantes asiáticos para que realicen as guitarras da marca máis económicas Squier. As guitarras antigas e as fabricadas nos Estados Unidos son as mellor consideradas, pero as feitas en Xapón antes dos anos 90 tamén se consideran boas guitarras. As Fender construídas en Ensenada destínanse principalmente para a exportación, un rol que antes tiñan as Fender xaponesas. Estas últimas na actualidade fabrícanse especificamente para o mercado xaponés, con só un pequeno número para a exportación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Day, Paul (1979). The Burns Book. pp Publishing. pp. 36.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fender