Feixoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Feixoa
Acca sellowiana Fruit MHNT Fronton.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Myrtales
Familia: Myrtaceae
Subfamilia: Myrtoideae
Tribo: Myrteae
Xénero: Acca
Especie: A. sellowiana
Nome binomial
Acca sellowiana
(Berg. 1855) Burret 1941
Non confundir con feixón

A feixoa (Acca sellowiana, sin. Feijoa sellowiana), tamén chamada goiaba do Brasil, é unha especie botánica arbustiva ou arboriña de flor da familia das mirtáceas, nativa das zonas elevadas do sur do Brasil, leste do Paraguai, o Uruguai, o norte da Arxentina e mais de Colombia. Cultívase a miúdo coma árbore froiteira no sur de Galicia e noutras zonas coma Nova Zelandia ou California, así coma árbore ornamental en Australia, Acerbaixán, Xeorxia, algunhas zonas do sur de Rusia e en Sudáfrica.[1]. En Galicia popularizouse nos últimos anos coma cultivo, especialmente nas Rías Baixas.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O botánico alemán Otto Karl Berg chamouna feijoa en honra a João da Silva Feijó, un botánico portugués nacido nas colonias do Brasil no século XVIII que foi director do Museu de História Natural de S. Sebastião, no Brasil. O nome galego de feixoa[Cómpre referencia] viu a través do portugués feijoa. Nada ten que ver co feixón, aínda que o apelido Feijó, do que colleu o nome a planta, si tería esta etimoloxía. Tanto planta coma froita reciben o mesmo nome.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un arbusto de folla perenne, cunha altura que vai de 1 a 7 m. Ten a casca de cor cinsenta pálida, áspera e escamenta. As poliñas son rexas. As follas son perenne, duras, simples, opostas, pecioladas, cun pecíolo de 4 a 8 mm, ovoides ou elípticas, de cor verde escura, brillantes pola face superior e abrancazadas pola face oposta. As flores son solitarias con 4 sépalos e 4 pétalos de cor branca rosácea; os estames son numerosos coas anteras de cor amarela intensa ou avermelladas, que a fan ornamental. A polinización é realizada por paxaros e por insectos, especialmente as abellas.

Flores da feixoa.

A froitificación require clima fresco. O froito é unha baga oblonga de 4 a 6 cm × 3 a 5 cm, arredondado, do talle dun ovo de galiña, verde escuro na madureza. É comestíbel, rico en vitamina C e serve para preparar bebidas, xeleas, xeados e marmeladas. Madura a finais do verán e no outono; ten un recendo e un sabor doce e aromático. A magalla é zumarenta e fica dividida nunha polpa xelatinosa e chea de sementes e unha parte máis firme, opaca e granular achegada á codia. A froita cae no chan cando está máis madura e saborosa, pero pode apañarse antes da árbore para evitar esmagaduras.

A polpa da froita lembra á da goiabeira Psidium guajava L., especie achegada, cunha textura areenta. De feito, a magalla da feixoa emprégase coma exfoliante nalgúns produtos cosméticos. O ulido é fino e perfumado, este aroma dállo o éster metil benzoato e outros compostos relacionados que ten a froita.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Feixoas maduras, enteira e cortada

É unha planta que medra ben dende os climas temperados mornos a subtropicais, podendo medrar tamén nos trópicos, Require de alo menos 50 horas de frío invernal. Resiste o frío, aínda que non por debaixo dos -12°C. Cando se planta de semente, medra moi de vagar os primeiros dous anos, e malia ser tolerante ás xeadas, pode ser moi sensíbel ao vento. No hemisferio norte, cultívase até o oeste de Escocia, mais nestas condicións non soe froitificar cada ano, xa que cando na primavera as temperaturas baixan dos -9ºC moitas das flores tenden a abortar o morren os botóns florais. É sensíbel a temperaturas moi elevadas e á excesiva secura do ar; temperaturas no verán por riba dos 32ºC fan que o froito non calle. Soen ser resistentes á seca e á salinidade dos solos, porén a produción pode verse diminuída. Aturan bem a sombra parcial, a rega regular é esencial mentres a froita está a madurar.

Consumo e usos[editar | editar a fonte]

O froito adóitase comer partíndoo pola metade e despois tirando a polpa cunha culler.[2] A froita ten unha polpa zumarenta, doce e chea de sementiñas cunha carne máis areenta na parte achegada á pela. Tamén pode cortarse á metade e espremirse ou cortarse en cachos e raspar cos dente até a pela, resultando menor desperdicio do froito.

Plántula nova de feixoa

A feixoa pode tamén usarse como um bo ingrediente nos batidos de froitas, tamén para facer viño, sidra ou vodka de feixoa. O gusto é aromático, forte e complexo, moi semellante ao da goiaba, a framboesa, o ananás, ou as bagas de Gaultheria', unha ericácea. Tamén existe nalgúns países coma Nova Zelandia, o iogur, os zumes, a confeitura ou os xeados de feixoa. Outra opción é usala en pratos coma froita cocida, chutney, mollos ou em combinación com outras froitas e verduras para obtermos sabores fortes, creativos e complexos.

Corte da froita xa chegada

Moitas veces non se pode saber aparentemente se a froita está ben chegada ou madurecida, xa que ten practicamente a mesma cor verde cando fica inmatura que cando está xa podre. Pode saberse se a froita está chegada se apachocamos con suavidade a pela e a presión responde do mesmo xeito que faría unha banana que está madura. Xeralmente podemos dicir que a froita está perfectamente chegada cando cae da árbore, mentres estea na póla soe ter un sabor agre, que logo muda a doce cando cae no chan.

Cando a froita está aínda inmatura, a polpa ten un branco opaco que se torna claro e xelatinoso ao madurar. A froita está perfectamente chegada cando a polpa que ten as sementes se vira coma unha marmelada clara sem ningunha mancha escura. Unha vez que escurece, xa comeza a avelloarse, pero aínda pode consumirse, especialmente para facer zumes.

Os pétalos das flores tamén son comestíbeis, cun sabor un chisco doce con notas de canela. Acostúmanse engadir as ensaladas. Os paxaros adoitan comelos.[3][4][5]

A feixoa tamén é común no Acerbaixán, onde ademais do consumo da froita em si, é sonada a marmelada e mais a compota, tanto caseiras coma industriais.[6][7]

Venda e exportación[editar | editar a fonte]

A froita madura é moi propensa as esmagaduras, polo que a vida post colleita é curta; isto xunto ao curto período de maduración óptimo, explica que non sexa unha froita moi exportada, e que soe venderse soamente preto das zonas de cultivo.

As feixoas pódense almacenar en frío durante aproximadamente un mes e tamén poden ser conxeladas durante un ano se que se perda calidade.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Flor da feixoa

Algunhas cultivares enxertadas de feixoa son autofecundadas. Mais moitas non, e requiren dun polinizador. As plántulas poden ou non ser de calidade, e poden ou non ser autopolinizadas. As feixoas poden madurecer en arquitecturas prostradas e con moita ramallada, mais poden darse ben nun vaso grande, sempre que sexan dun tamaño acorde á planta e que garante a produción de froita. Tamén poden medrar ben en invernadoiros en rexións temperadas-frías, e en solo en moitas outras zonas, especialmente costeiras ou pouco extremas, coma as Rías Baixas (Vigo, O Condado, O Baixo Miño, O Morrazo, O Salnés). Nos Estados Unidos dáse ben na beiramar de Xeorxia, Carolina do Sur, California, na zona do Pacífico noroeste, na zona sur dos Montes Apalaches e nas costas dende Carolina do Norte até Delaware. En California, as abellas participan na polinización e moitas especies se alimentan dos pétalos e tamén facilitan esa polinización como o esquío gris (Sciurus griseus) e moitos paxaros americanos como os paporrubios, os colibrís, os estorniños, Aphelocoma californica, Melozone crissalis, etc.

No sur do Cáucaso, a feixoa cultívase na costa sur do Acerbaixán dende 1928 e está a incrementar o seu cultivo na veciña Xeorxia.[8]

En Nova Zelandia, abellas, abesouros, e aves de tamaño medio son os polinizadores frecuentes. O paxaro Zosterops lateralis é un polinizador habitual nas partes frías do sur da illa, mentres que o merlo común (Turdus merula) ou o Acridotheres tristis son os habituais ao norte, alimentándose dos pétalos carnosos e doces. Nalgunhas rexións onde se introduciron as feixoas, estas son improdutivoas por mor da falla de polinizadores. Non soe ter moitas pragas, agás algúns problemas fúnxicos.

Coidados no cultivo[editar | editar a fonte]

  • Pódese manter dende pleno sol á semisombra.
  • Atura o frío mais non o frío extremo (-10/-12 °C).
  • Nas zonas de invernos moi fríos cómpre cultivala en vasos e resgardala do frío nun invernadoiro ou dentro da casa.
  • Abeirala do vento.
  • Atura os solos salineiros e atmosferas mariñas, requerindo solos ben drenados.
  • Rega semanal
  • Non soporta ben a poda, aínda que se pode levar a cabo. As súas consecuencias poden ser o paro na produción de froita de até dous anos.
  • Propagación mediante sementes, mais a multiplicación por esgallos axiña dá resultados. Tamén por porbaixa en primavera.

Variedades[editar | editar a fonte]

Téñense desenvolvido numerosos cultivares de feixoa.

  • Apollo
  • Choiceana
  • Coolidge
  • Edenvale Improved Coolidge
  • Edenvale Late
  • Edenvale Supreme
  • Gemini
  • Mammoth – Chamada así polo talle considerábel dos seus froitos.
  • Moore
  • Nazemetz
  • Pineapple Gem
  • Smilax
  • Trask
  • Triumph
  • Vista Long – Chamada así pola longura dos froitos. Dáse en California.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

  • Orthostemon sellowianus O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 467 (1857).
  • Feijoa sellowiana (O.Berg) O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 615 (1859).
  • Orthostemon obovatus O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 468 (1857).
  • Feijoa obovata (O.Berg) O.Berg in C.F.P.von Martius & auct. suc. (eds.), Fl. Bras. 14(1): 616 (1859).
  • Feijoa schenckiana Kiaersk., Enum. Myrt. Bras.: 186 (1891).
  • Feijoa sellowiana var. rugosa Mattos, Loefgrenia 70: 4 (1976).
  • Acca sellowiana var. rugosa (Mattos) Mattos, Loefgrenia 99: 3 (1990).
  • Feijoa sellowiana f. elongata Voronova, Sborn. Nauchn. Trudov Prikl. Bot. Genet. Selekts. 139: 79 (1991).[9]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Feixoa
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Feixoa

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]