Federica de Hannover

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Federica de Hannover
Raíña consorte de Grecia
Frederika of Greece 1.jpg
Reinado 1 de abril de 1947 - 6 de marzo de 1964
Nome completo Friederike Luise Thyra Viktoria Margarete Sophie Olga Cecile Isabelle Christa
(en grego: Φρειδερίκη του Αννοβέρου)
Outros títulos
  • Princesa de Hannover
  • Duquesa de Brunswick e Luneburgo
Nacemento 18 de abril de 1917
Blankenburg, Alemaña Alemaña
Falecemento 6 de febreiro de 1981
Madrid, España España
Sepultura Palacio Real de Tatoi
Predecesor Sofía de Prusia
Sucesor Ana María de Dinamarca
Cónxuxe/s Paulo I de Grecia
Descendencia
Casa Real Casa de Hannover
Pai Ernesto Augusto III
Nai Vitoria Luisa de Prusia

Federica de Hannover, nada en Blankenburg, Alemaña o 18 de abril de 1917 e finada en Madrid o 6 de febreiro de 1981, foi a raíña consorte de Grecia desde 1947, logo de casar con Paulo I en 1938. Era princesa de Hannover e duquesa de Brunswick e Luneburgo. Foi a nai de Sofía de Grecia, actual raíña de España.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Federica naceu o 18 de abril de 1917 en Blankenburg, Harz, Alemaña. Filla de Ernesto Augusto III, Duque de Brunswick e da princesa Vitoria Luisa de Prusia, a única filla do emperador Guillermo II de Alemaña e Augusta Vitoria de Schleswig-Holstein.

Polo seu avó materno, Federica era bisneta do emperador alemán Federico III e de Vitoria de Saxonia Coburgo Gota. Como descendente do rei Xurxo III do Reino Unido, ela, no momento do seu nacemento, ocupaba o trixésimo cuarto posto na liña de sucesión ao trono británico.

Os reis Paulo e Federica de Grecia.
Estandarte persoal da Raíña Federica

Casou co príncipe Paulo o 9 de xaneiro de 1938 en Atenas. Durante parte do seu matrimonio, residiron en Psychiko, un barrio residencial de Atenas. Dez meses logo da súa voda, o 2 de novembro de 1938, naceu o primeiro dos seus fillos; Sofía, futura Raíña de España. O 2 de xuño de 1940, naceu o seu fillo Constantino. Durante a Segunda Guerra Mundial tiveron que emigrar a Creta e logo a Sudáfrica, onde naceu a súa terceira filla, Irene, o 11 de maio de 1941. Posteriormente trasladáronse a Londres.

O 1 de setembro de 1946, Grecia decidiu mediante plebiscito restaurar ao rei Xurxo II no trono. Deste xeito Paulo e Federica convertíanse en príncipes herdeiros. Un ano máis tarde, o 1 de abril de 1947, o rei Xurxo II morría, e Federica e o seu marido ascendían ao trono.

Tras a guerra civil (1946-1949) os reis, en calidade representativa, loitaron por reconstruír un país empobrecido tras unha gran inestabilidade política. Naqueles anos, a raíña Federica impulsou en todo o país a creación dunha rede de 53 orfanatos, para acoller a orfos e a nenos de familias empobrecidas e desestructuradas pola guerra civil, procedentes na súa maioría da rexión de Macedonia.

A principios dos anos 60, parte da opinión pública próxima á oposición empezou a reprochar á familia real os gastos suntuosos que a coroa orixinaba ao Estado, nun país cuxa recuperación económica aínda dependía en boa medida da axuda estranxeira. O rei morreu o 6 de marzo de 1964 e Federica converteuse en raíña nai do seu fillo Constantino II. Durante o reinado do seu fillo, Federica foi criticada en numerosas ocasións por inducir en exceso ao novo rei. En 1967, tras o golpe dos coroneis, Federica fuxiu de Grecia xunto á familia real despois de que fracasase o contragolpe intentado por Constantino. Federica instalouse en Roma e, posteriormente, a familia real trasladouse a Londres.

Logo da caída da ditadura e a restauración da democracia en 1974, o goberno provisional liderado por Konstandínos Karamanlís organizou un referendum a fin de que o pobo grego pronunciásese sobre a permanencia da monarquía. Constantino prometeu entón que se volvese reinar, mantería á súa nai afastada do país e da vida política. Os partidarios da república gañaron con ampla maioría (70%), e a familia real decidiu permanecer no exilio. Federica, coa súa filla Irene, foise a vivir a Madrás, na India. Pasou longas tempadas en España, país onde reinaba desde 1975 a súa filla Sofía, sen chegar a vivir definitivamente en Madrid.

Federica morreu o 6 de febreiro de 1981 en Madrid. Faleceu dun infarto masivo logo dunha operación por unhas acumulacións de colesterina nas pálpebras. Foi enterrada en Tatoi, en Grecia.[1]

Predecesor:
Sofía de Prusia
Raíña consorte de Grecia
19471964
Sucesor:
Ana María de Dinamarca

Notas[editar | editar a fonte]