Federal Radio Commission

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zonas nas que a Lei da radio dividía aos Estados Unidos, cada unha delas estaba representada por un comisario na FRC

A Federal Radio Commission (FRC) foi o órgano gobernamental norteamericano encargado de regular as emisións de radio nos Estados Unidos instituído por disposición da Lei da radio do 23 de febreiro de 1927 (Radio Act). En 1934 a recén creada Federal Communications Commission (FCC) pola Lei de comunicacións federais asumiu as súas funcións.

Historia[editar | editar a fonte]

A lei da radio de 1912 atribuía as competencias sobre a radio ao Departamento de Comercio dos Estados Unidos e non mencionaba ningún sistema de regulación das emisión de radio, prohibindo todas as comunicacións privadas de radio no que agora é a AM, diversas sentenzas xudiciais impedían a denegación de licenzas a calquera que o solicitara, como resultado as emisións de radio interferíanse constantemente facendo insufrible moitas veces escoitalas[1]. Para resolver a situación era preciso unha intervención gobernamental, que se concretou na Lei da radio de 1927 que creou a FRC que tiña competencias para outorgar e denegar licenzas de radio, asignar frecuencias e establecer a potencia das emisoras, e aínda que non tiña competencias oficiais sobre a programación, si que podía tela en conta para renovar licenzas; tamén podía revogar licenzas en certos casos, como no caso dunha emisora non dar as mesmas oportunidades aos diferentes candidatos dunhas eleccións.

A FRC estaba formada por cinco persoas, cada unha representaba a unha zona nas que a lei de 1927 dividía os Estados Unidos, o primeiro presidente foi o almirante William H. G. Bullard pero morreu pouco despois, o 27 de novembro, substituído por Ira E. Robinson. Cando comezou a actuar a FRC eliminou nunha primeira criba moitas emisoras de independentes de pouca potencia, mantivéronse moitas das emisoras educativos pero coa frecuencia compartida con outras comerciais que emitían no horario de máis audiencia.

Un dos casos máis notorios, estivo na revogación da licenza á emisora de John R. Brinkley, a KFKB, que propagaba através da emisora operacións cirúrxicas de dubidosa eficacia e receitaba lendo as cartas dos oíntes, en 1930 a FRC denegou a renovación da súa licenza, Brinkley recurreu a decisión perante os tribunais alegando censura, a Corte de Apelación deulle a razón a FRC alegando que podía ter en conta o contido da programación nas súas decisións sen considerarse censura. Con todo Brinkley seguiu a operar desde a fronteira mexicana coa emisora XER-AM cunha potencia de 50 Kw e despois desde XERA-AM que tiña unha potencia de 500 Kw, enorme para a época.

En 1932 tiñan licenza de emisoras de radio 625 estacións. Ademais da radio comercial tamén tiña competencias na radio afeccionada, con 30.000 licenzas en 1932, a radio marítima, con 2000 licenzas, e aínda a FRC outorgou o 25 de febreiro de 1928 a primeira licenza de televisión nos Estados Unidos, oficialmente licenza experimental, a Charles Jenkins Laboratories, que o 2 de xullo comezou a operar a W3XK.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lori A. Brainard "Television: the limits of deregulation", p. 23