Fausto Coppi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fausto Coppi nado en Castellania o 15 de setembro de 1919 e finado en Tortona o 2 de xaneiro de 1960 foi un ciclista italiano, o primeiro en gañar o Giro de Italia e o Tour de Francia no mesmo ano (1949), o que repetiría en 1952. Gañaría cinco Giros malia a interrupción sufrida por causa da Segunda Guerra Mundial.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Iniciouse como profesional en 1939. Ademais dos Giros mencionados (1940, 1947, 1949, 1952, 1953), onde gañou 22 tiradas e tres veces o premio da montaña, ten no seu amplísimo palmarés dous Tour de Francia (1949 e 1952), onde gañou 9 tiradas e dúas veces o premio da montaña. Adxudicouse tamén un campionato do mundo de fondo en estrada (1953), dúas vitorias no Gran Premio das Nacións, ademais de varias clásicas entre as que destacan as tres vitorias na Milán-San Remo, unha na París-Roubaix e cinco no Giro a Lombardía. Foi record mundial da hora en 1942 (45.871). Marca que resistiu 14 anos ata que foi superada por Jacques Anquetil.

Coñecido en Italia como il campionissimo, o país estaba dividido entre os seguidores do seu vello xefe de filas Gino Bartali e os partidarios de Fausto Coppi. No Giro Bartali relegouno á segunda posición en 1946, postos que se invertirían en 1947 e 1949. Ese mesmo ano Coppi sería primeiro e Bartali segundo nun Tour de Francia onde impuxeron o seu dominio.

Durante a guerra foi alistado e feito prisioneiro en África polos británicos o que incrementou a súa popularidade. En 1950 unha caída no Giro mantívoo fóra de competición gran parte da tempada. A partir de 1953 a publicidade da súa vida sentimental complicaríalle a súa vida deportiva. En 1954 sería cuarto no Giro e en 1955 segundo.

Unha malaria mal curada contraída nunha cacería no antigo Alto Volta (Burkina Faso) acabaría coa súa vida aos 40 anos de idade.