Falun Gong

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Falun Gong, en chinés 法輪功 ("Práctica da Roda da Lei"), é un sistema que consistía en cinco exercicios de meditación, destinado ó cultivo da mente e do corpo. Foi introducido por Li Hongzhi en 1992.

Dende o 20 de xullo de 1999, o Goberno de China prohibiu Falun Gong. A versión oficial é que o fixo porque mantiña actividades ilegais; segundo o propio grupo, o Goberno de China temía que a popularidade de Falun Gong puxese en perigo a estabilidade do réxime comunista no país. Occidente considera esta prohibición contraria ós Dereitos Humanos.

O número de membros de Falun Gong antes da súa ilegalización oscilaba entre os 70 millóns (segundo o New York Times o 27 de abril de 1999) e os dous millóns cen mil estimados polo Goberno chinés.

Orixe[editar | editar a fonte]

O 13 de maio de 1992, en Changchun, China, Li Hongzhi establecía a práctica dun sistema de "cultivación do corpo e da mente" mediante cinco exercicios de meditación. Durante tres anos, adicouse a ensinar estes exercicios; dende entón, este sistema esténdese grazas ó labor dos practicantes, moitos dos cales se dedican a ensinarllo a máis xente. A súa popularidade creceu moi rapidamente en China, e axiña se estendeu a outros países.

Crenzas e ensinanzas[editar | editar a fonte]

Falun Gong baséase na "Lei de Buda" que, segundo as súas ensinanzas (recollidas en dous libros escritos por Li Hongzhi: Falung Gong e Zhuan Falun), se pode resumir en tres palabras: sinceridade, bondade (ou compaixón) e tolerancia.

Os cinco exercicios básicos[editar | editar a fonte]

Son:

  • O Buda das Mil Mans.
  • A Postura de Pé Falun.
  • Entrando nos dous Extremos Cósmicos.
  • O Circuito Divino Falun.
  • A Meditación Falun, sentado.

A mellora da saúde nos practicantes[editar | editar a fonte]

Un estudo levado a cabo por Quan Zhen Li, Richard Johnson e outros expertos determinou que os membros de Falun Gong tenden a ser máis resistentes ás enfermidades.

Críticas[editar | editar a fonte]

Dende o principio, houbo grandes críticas cara a Falun Gong.

En primeiro lugar, dubídase de que as súas prácticas deriven, como proclama o grupo, das ensinanzas budistas antigas. En segundo lugar, moitos critican que Li asume o papel dunha divindade (aínda que nunca proclamou abertamente que o fose). Ademais, afirma que os homosexuais "teñen un corazón negro, case demoníaco"

A prohibición de Falun Gong[editar | editar a fonte]

Cando, en Xullo de 1999, o Goberno chinés prohibiu Falun Gong, aínda se recordaba como, o 25 de abril dese mesmo ano, unhas 10.000 persoas da organización fixeron unha protesta fronte á sede central do Partido Comunista Chino. Sospéitase que quizais isto tivo relevancia na decisión e que o Goberno temía que o grupo se fixese demasiado poderoso.

A prohibición tivo numerosas repercusións internacionais, non só polo feito de non permitir ós cidadáns exercer a súa liberdade de pertencer a un grupo relixioso, senón porque moitos dos seguidores de Falun Gong foron sometidos a tortura e pena de morte (acusacións formalizadas polo grupo que aínda non foron confirmadas).

A controversia de Falun Gong, xunto coa referente á independencia do Tíbet e de Taiwán, é un dos asuntos máis espiñentos dentro da política chinesa.