Falseamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Falseabilidade")

O falseamento, falsabilidade, falseabilidade, falsacionismo, refutabilidade, refutacionismo ou principio de falseamento, que de todas estas formas, entre outras, pode verse escrito,[1] son termos que son diferentes adaptacións do alemán Fälschungsmöglichkeit.

O falseamento ou refutabilidade é un importante concepto da epistemoloxía descrito polo filósofo austríaco Karl Popper. Para este, contrastar unha teoría significa intentar refutala mediante un contraexemplo. Se non é posíbel refutala, dita teoría queda corroborada, e pode aceptarse provisionalmente, aínda que non verificada.

"Este corvo é negro"

O falseamento ou refutación resolve á vez o problema da demarcación e o da validez:

  • Unha proposición refutábel pode ser considerada unha hipótese científica. Se é refutada, deixa de ser válida.
  • Pola contra, unha proposición non refutábel (irrefutábel no sentido lóxico) categorízase como metafísica (o que non significa necesariamente que sexa ilexítima).
  • Por exemplo, a afirmación "todos os corvos son negros" podería ser refutada se observamos un corvo branco.
  • Pola contra "todos os humanos son mortais" non é refutábel e, por tanto, non científica, porque constatar a inmortalidade dun humano, única observación susceptíbel de refutala, é unha experiencia tecnicamente imposíbel.

Por esta razón Popper introduce o falseamento como criterio de demarcación científica.[2]

Dentro do falseamento metodolóxico, pódense diferenciar o falseamento inxenuo inicial de Popper, o falseamento sofisticado da obra tardía de Popper, e a metodoloxía dos programas de investigación de Imre Lakatos.

Características[editar | editar a fonte]

O falseamento, fundado por Karl Popper nos anos 1930 en oposición á teoría verificacionista da significación (verificacionismo) sostida polo positivismo lóxico, tivo un grande impacto na historia da ciencia e na filosofía da ciencia. A escola de pensamento que subliña a importancia do falseamento ou refutabilidade en tanto que principio filosófico coñécese co nome de falseacionismo ou refutacionismo.[3]

O problema da indución nace do feito de que non se pode afirmar algo universal a partir dos datos particulares que ofrece a experiencia. Por moitos millóns de corvos negros que se vexan, non será posíbel afirmar que "todos os corvos son negros". En cambio, basta encontrar un só corvo que non sexa negro para poder afirmar: "Non todos os corvos son negros".

Popper en realidade rexeita o verificacionismo como método de validación de teorías. A súa tese central é que non pode haber enunciados científicos últimos, é dicir, enunciados que non poidan ser contrastados ou refutados a partir da experiencia. A experiencia segue sendo o método distintivo que caracteriza á ciencia empírica e a distingue doutros sistemas teóricos.

Para Popper nin existen puntos de partida incuestionábeis nin a racionalidade científica os require. O asunto da verdade é, pois, cuestión do método de buscala e do método de recoñecer a falsidade. Aínda que a ciencia é indutiva en primeira instancia, o aspecto máis importante é a parte dedutiva. A ciencia caracterízase por ser racional, e a racionalidade reside no proceso polo cal sometemos a crítica e reemprazamos, ou non, as nosas crenzas. Fronte ao problema da indución, Popper propón unha serie de regras metodolóxicas que nos permiten decidir cando debemos rexeitar unha hipótese.[4]

Popper propón un método científico de conxectura polo cal se deducen as consecuencias observábeis e se poñen a proba. Se falla a consecuencia, a hipótese queda refutada e debe entón rexeitarse. En caso contrario, se todo é comprobado, repítese o proceso considerando outras consecuencias deducíbeis. Cando unha hipótese sobreviviu a diversos intentos de refutación dise que está corroborada, pero isto non os permite afirmar que quedou confirmada definitivamente, senón só provisionalmente, pola evidencia empírica.

O método falseacionista[editar | editar a fonte]

Para os falseacionistas o científico é un artista en tanto que debe propoñer audazmente unha teoría que logo será sometida a rigorosos experimentos e observacións. O avance na ciencia está en falsear sucesivas teorías para así, sabendo o que non é, poder acercarse cada vez máis ao que é.

As hipóteses que propoñen os falseacionistas deben ser falseábeis. Isto significa que deben ser susceptíbeis de seren falseadas. Para cumprir con esta condición, as hipóteses deben ser o máis xerais posíbeis e o máis claras e precisas posíbeis. Unha hipótese non falseábel sería "mañá talvez chova", xa que en ningún caso se pode falsear ("mañá talvez non cova").[5]

Unha hipótese falseábel sería "o planeta Mercurio xira nunha órbita". Unha hipótese máis xeral (e polo tanto máis falseábel) sería "todos os planetas xiran nunha órbita". E unha hipótese máis precisa (e polo tanto tamén máis falseábel) sería "todos os planetas xiran nunha órbita elíptica".[6]

Os falseacionistas sempre prefiren as hipóteses ou teorías que sexan máis falseábeis, é dicir, máis susceptíbeis de que sexa demostrada a súa falsidade, mentres que non sexan xa falseadas. Así a ciencia progresaría a base de ensaio e erro.

O falseamento apóiase no método hipotético dedutivo.

Críticas[editar | editar a fonte]

As críticas sobre a proposta de Popper versan máis ben sobre a pertinencia histíorica e/ou prescritiva do falseamento ou refutacionismo, que non sobre o concepto mesmo.

Kuhn e Lakatos[editar | editar a fonte]

En The Structure of Scientific Revolutions Thomas Kuhn examina con detalle a historia das ciencias. Kuhn afirma que os científicos traballan nun paradigma conceptual que inflúe poderosamente na maneira de como eles ven os feitos. Os científicos están dispostos a batirse para defenderen o seu paradigma contra a refutación, achegando hipóteses ad-hoc e referíndose ás teorías existentes. Cambiar de paradigma é difícil porque iso implica que un individuo rompa cos seus pares e defenda unha teoría heterodoxa.

Algúns falseacionistas viron o traballo de Kuhn como un ataque, porque achega unha proba histórica de que a ciencia progresa rexeitando as teorías inadecuadas, e que é a decisión dos científicos de aceptar ou rexeitar unha teoría o que é o elemento crucial.

Imre Lakatos tratou de explicar o traballo de Kuhn afirmando que a ciencia progresa por refutación de programas de investigación máis que polos enunciados universais do falseamento inxenuo. Seguindo a aproximación de Lakatos un científico traballa no contexto dun programa de investigación que corresponde grosso modo ao que Kuhn chama un paradigma. Mentres que Popper considera as hipóteses ad hoc como non científicas, Lakatos acéptaas no desenvolvemento das teorías.

Feyerabend[editar | editar a fonte]

Paul Feyerabend considera que o traballo de Kuhn mostra que son factores sociais, máis que a adhesión a un método racional, o que decide cales son as categorías xeralmente aceptadas. Kuhn mesmo contesta este punto de vista.

Feyerabend elexiu[7] expoñer un punto de vista extremadamente radical consistente en rexeitar calquera metodoloxía prescritiva. Segundo el a ciencia progresou historicamente facendo uso de todos os métodos dispoñíbeis para impoñer unha teoría ou outra e se ten que establecer unha regra metodolóxica universalmente válida, a única susceptíbel sería o anarquismo epistemolóxixo ou dadaísmo, ou aínda "todo é bo".

Sokal et Bricmont[editar | editar a fonte]

En Impostures Intellectuelles, os físicos Alan Sokal e Jean Bricmont critican o refutacionismo porque non describe a maneira en que funciona a ciencia. Afirman que as teorías se utilizan a causa dos seus éxitos, non a causa dos fracasos dos seus propoñentes. Segundo eles, os científicos consideran que unha teoría que resiste a refutación está confirmada, mentres que Popper sempre se opuxo á noción de confirmación ou incluso de probabilidade dunha teoría.

Afirman por exemplo que a refutabilidade non pode facer diferenzas entre a astroloxía e a astronomía, porque ambas as dúas producen predicións que son ás veces falsas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En portugués: falseabilidade, falsificabilidade, refutabilidade; en castelán: falsacionismo, refutacionismo, principio de falsabilidad; catralán: falsabilitat; italiano: falsificabilitá; francés: refutabilité, falsifiabilité; inglés: falsability, refutability, etc.
  2. Letralia.com ("No todos os corvos son negros", de Miguel A. Schmucke P.). (en castelán)
  3. Parece que Popper mesmo pediu que en francés se empreguen os derivados de réfuter (refutar) máis que os de falsifier (falsificar), que significa "encontrar a verdadeira natureza das cousas ou contradicila", pero que non expresa (en francés, contrariamente a en inglés) a capacidade de xogar como falso.
  4. Hiru.com ("O racionalismo crítico"). (en castelán)
  5. Mail×mail.com (Tipos de enunciados). (en castelán)
  6. Madrimasd.org (Exemplos de enunciados falseábeis).
  7. Contre la méthode debía ser inicialmente un diálogo entre Feyerabend e Lakatos que debería presentar o abano completo dos puntos de vista posíbeis. Coa morte de Lakatos Feyerabend decidiu continuar a redacción do único punto de vista anti-refutacionista que inicialmente lle correspondera.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Angeles, Peter A. (1992): Harper Collins Dictionary of Philosophy, 2ª ed. New York: Harper Perennial. ISBN 0-06-461026-8.
  • Feyerabend, Paul K. (1975): Against Method: Outline of an Anarchistic Theory of Knowledge, Londion: Humanities Press. Reimpresión: London, Verso, 1978.
  • Kuhn, Thomas S. (1962): The Structure of Scientific Revolutions. Chicago: University of Chicago Press. 2ª ed. 1970. 3ª ed. 1996.
  • Popper, Karl (1959): The Logic of Scientific Discovery. New York: Basic Books.
  • Popper, Karl (1963): Conjectures and Refutations. London: Routledge.
  • Runes, Dagobert D. (ed.)n (1962): Dictionary of Philosophy. Totowa, NJ: Littlefield, Adams, and Company.
  • Sokal, Alan & Bricmont, Jean (1998): Fashionable Nonsense. New York: Picador.
  • Theobald, D.L. (2006): 29+ Evidences for Macroevolution: The Scientific Case for Common Descent. The Talk.Origins Archive. Version 2.87.
  • Wood, Ledger (1962): Véxase "Solipsism" in Runes, D. D. (ed.): Dictionary of Philosophy, Totowa NJ: Littlefield, Adams, and Company.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]