FIRST Lego League

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lego Mindstorms RCX
Kit de robots Lego

A FIRST Lego League, ou FLL ("Liga de Lego da FIRST") é unha competición para os primeiros niveis do ensino secundario promovida pola organización FIRST, fundada en 1989 para desenvolver camiños que animen ao estudantado a interesarse pola enxeñaría e a tecnoloxía. Cada ano a competición céntrase nun tema diferente relacionado coas ciencias. Os estudantes procuran solucións aos diversos problemas que se lles presentan e reúnense en competicións rexionais para compartir os seus coñecementos e mostrar as súas descobertas.

A competición ten catro aspectos principais. En primeiro lugar, un xurado avalía a capacidade de traballo en equipo de cada grupo. Logo, deben demostrar que o robot que construiron pode afrontar as tarefas asignadas. En terceiro lugar, deben realizar un proxecto de investigación relacionado co tema e facer unha presentación breve. Por último, teñen que utilizar os robots que deseñaron para competir na realización dunha serie de tarefas nun campo de xogo. Na actualidade participan uns 5.000 institutos de varios países do mundo, o que significa 20.000 rapaces.

A Liga de Lego da FIRST utiliza os Lego Mindstorms para construir pequenos robots autónomos que se desprazan polos campos de xogo oficiais (un tapete con obxectos colocados encima) e levar a cabo as tarefas que se lles asignen. A organización resulta da colaboración entre a FIRST e o Grupo Lego.

A competición implica equipos de profesores, asesores e estudantes de instituto que colaboran no deseño e construción dun robot e no seu proxecto de investigación en seis semanas; pasan entón a competir en reunións da FLL. Os desafíos de anos anteriores estiveron relacionados coas discapacidades (2004), o envío de sondas a Marte (2003) ou a exploración das cidades e os seus problemas (2002). O primeiro de todos celebrouse en 1999 e chamábase "Pánico Volcánico". O centro de interese para o desafío de 2005 é o mundo mariño, no que se denomina "Odisea Oceánica".