Fútbol de mesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Figuriñas de subbuteo coa camisola arxentina

O fútbol de mesa, tamén coñecido como subbuteo, é un xogo de mesa consistente en recrear un partido de fútbol por medio de equipos de once figuriñas de plástico sobre unha peaña de base cóncava. Estas figuriñas, que representan xogadores de fútbol, reciben o impacto do dedo do participante, e á súa vez impulsan un pequeno balón que deben introducir nunha portería, a semellanza do fútbol ao aire libre.

A Federación Internacional do Fútbol de Mesa (FISTF) é o organismo oficial internacional que regula o xogo. Subbuteo é unha marca comercial (propiedade de Hasbro) do primeiro fabricante das figuriñas.

Regras[editar | editar a fonte]

Xógase sobre un tapete de 120x90 cm, con once figuriñas, incluído o porteiro (ademais hai un porteiro "saínte"). A primeira posesión do balón é para quen gañe o sorteo inicial (coma nun partido de fútbol), e non perde a posesión do mesmo mentres toque o balon coas súas figuriñas. Non se lle pode dar máis de tres veces seguidas ao balón coa mesma figuriña. Ademais, reprodúcense tódalas infraccións do fútbol, xa que hai faltas, saques de banda, saques de esquina, mans etc.

Distribución[editar | editar a fonte]

O xogo foi creado por en 1947 polo ornitólogo (de aí o nome de Subbuteo, na honra do Falco Subbuteo, de feito foi o símbolo da marca comercial) Peter A. Adolph, en Inglaterra. Ademais practícase en Italia, España, Bélxica, Portugal, Inglaterra, Alemaña, Francia, os Estados Unidos, o Canadá, Australia e nalgúns países de América do Sur, como a Arxentina, por poñer algúns exemplos.

En Galicia, na década de 1980, o subbuteo chegou a ter unha certa expansión, coa creación do Club Folerpa na Coruña, con noventa asociados. En 2010 só había un galego federado[1], que xogaba no equipo valenciano AFT Turia 1981.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Santi R. Escudero, afeccionado ao fútbol de mesa, A Nosa Terra 1/7/2010

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]