Expansión da Antiga Confederación Suíza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A expansión da Antiga Confederación Suíza é o período da Historia de Suíza que abrangue aproximadamente dende a creación das primeiras alianzas entre rexións, en 1291, até a entrada da Reforma protestante na xa madura Antiga Confederación Suíza, en 1516.

Esta época caracterizouse nos territorios alpinos polo estabelecemento de alianzas, nun principio febles, entre un número crecente de rexións e o seu progresivo fortalecemento até formar un estado independente do resto das potencias. Comezou como unha alianza entre as comunidades dos vales dos Alpes centrais para facilitar a satisfacción dos intereses comúns como o libre comercio e para asegurar a paz ao longo das importantes rutas comerciais a través das montañas. A finais da Idade Media, esta rexión pertencía ao Sacro Imperio Romano Xermánico e, por mor da súa importancia estratéxica, os emperadores Hohenstaufen garantíronlle a condición de reichsfrei (reino libre) a principios do século XIII. Como rexións reichsfrei, os cantóns (ou rexións) de Uri, Schwyz e Unterwalden ficaron baixo a autoridade directa do emperador, pero fóra do control intermedio de señores feudais, así que gozaban dunha ampla autonomía. Co auxe da dinastía dos Habsburgo, os reis e duques de Habsburgo buscaron estender a súa influencia sobre esta rexión e situala baixo o seu dominio. En consecuencia producíronse conflitos entre os Habsburgo e as comunidades das montañas, que trataban de defender o seu status privilexiado como rexións reichsfrei. Os tres estados fundadores da Eidgenossenschaft Suíza, nome que recibiu a confederación, uníronse a principios do século XIV ás cidades estado de Lucerna, Zúric e Berna, conseguindo derrotar aos exércitos dos Habsburgo en numerosas ocasións. Tamén sacou partido o Sacro Imperio Xermánico que durante a maior parte do século XIV estivo baixo a influencia da Casa de Luxemburgo, que lles consideraba aliados potenciais contra os Habsburgo. En 1460 os confederados controlaban a maior parte do territorio ao sur e ao oeste do río Rin até os Alpes e a cordilleira do Xura. A finais do século XV e tras librar dúas guerras, a confederación estendeuse até sumar trece cantóns (os Dreizehn Orte): na Guerra de Borgoña da década de 1470 os confederados aseguraron a súa hexemonía na fronteira occidental e a súa vitoria na Guerra Suaba en 1499 contra os exércitos do emperador Habsburgo Maximiliano I proporcionoulles a independencia de facto do imperio. Durante o seu involucramento nas Guerras Italianas os suízos conseguiron o control sobre o Cantón do Tesino. No século XIV floreceron dúas federacións similares nos Alpes: no actual Cantón dos Grisóns fundouse a federación das Tres Ligas (Drei Bünde), e no actual cantón do Valais, os Sete Décimos (Sieben Zenden), que se formaron como resultado dos conflitos coa Casa de Savoia. Ningunha destas dúas federacións foi parte da Eidgenossenschaft, pero ambas as dúas estaban estreitamente relacionadas con ela.

Desenvolvemento territorial[editar | editar a fonte]

A Ponte do Diaño foi construída no século XIII para completar a estrada sobre o Paso de Sankt Gotthard.A ponte orixinal foi danada pola guerra e destruída por unha inundación en 1888. A imaxe amosa a segunda ponte construída en 1826 e, sobre ela, a terceira ponte, de 1958.

Baixo a dinastía Hohenstaufen do Sacro Imperio Romano Xermánico, as tres rexións de Uri, Schwyz e Unterwalden (os Waldstätten ou "comunidades do bosque") conseguiran o Reichsfreiheit. As dúas primeiras porque os emperadores querían ter o estratéxico Paso de San Gotardo baixo control directo e a última porque a maior parte do seu territorio pertencía a mosteiros reichsfrei. Tamén gañaran este status as cidades de Berna e Zúric ao extinguírense a dinastía dos seus patróns, os Zähringer. Cando Rodolfo I de Habsburgo foi elixido "Rei dos Xermanos" en 1273 pasou tamén a ser o señor feudal directo destas rexións reichsfrei. Dende este cargo exerceu un dominio estrito e elevou os impostos para financiar guerras e adquisicións territoriais, medidas que lle gañaron a impopularidade na rexión. Cando morreu, en 1291, o seu fillo Alberto I de Habsburgo viuse involucrado nunha guerra política con Adolfo de Nassau polo trono xermánico, o que debilitou o goberno dos Habsburgo sobre os territorios alpinos. Entón apareceron insurxencias contra os Habsburgo en Suabia e Austria, pero foron extinguidas rapidamente por Alberto en 1291. Como Zúrich participara nestas revoltas Alberto cercou a cidade, que finalmente tivo que aceptalo como patrón. Estes tempos tumultuosos propiciaron que os Waldstätten cooperasen máis activamente, intentando preservar ou recobrar o seu Reichsfreiheit. Uri e Schwyz conseguiron que o seu status se reconfirmase por Adolfo de Nassau en 1297. Adolfo conseguira chegar a rei porque Alberto, en principio o candidato máis probábel, non foi elixido pola Dieta dado o seu aspecto descoidado e os seus rudos modais. Con todo, ao ano seguinte Alberto matou a Adolfo na Batalla de Göllheim, co que o inimigo natural dos cantóns do bosque foi proclamado emperador. Daquela, os estados do bosque volveron perder o seu status privilexiado.

O núcleo[editar | editar a fonte]

O Bundesbrief ou Carta Federal de 1291.

O Bundesbrief de 1291 considérase o documento escrito máis antigo que se conserva da alianza entre Uri, Schwyz e Unterwalden, os cantóns fundadores da Antiga Confederación Suíza. A súa autenticidade está suxeita a controversias, pois a maioría dos historiadores involucrados consideran que foi escrita algunhas décadas máis tarde. Así que é moi probábel que existise un contrato anterior entre as tres "comunidades do bosque", poida que até dende tempos do interregnum. Trala morte do emperador Alberto I, en 1308, os emperadores xermanos procederon da casa de Luxemburgo (agás Lois IV de Baviera) até 1438, reconfirmaron o Freibriefe das tres comunidades e ,polo xeral, consideraron a súa status como reichsfrei, desexosos de controlar directamente o paso de San Gotardo e de debilitar a posición da casa rival de Habsburgo. Unterwalden conseguiu finalmente este status da man do sucesor de Alberto I, Henrique VII en 1309. Isto non impediu aos duques de Habsburgo, orixinarios de Argovia, o intentar adxudicarse a soberanía sobre os territorios ao sur do Rin. Na loita pola coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico de 1314 entre o duque Frederico I de Habsburgo e o rei de Baviera Lois IV, os Waldstätten aliñáronse cos Wittelsbach por temor a que os Habsburgo intentasen anexionar os seus territorios de novo, como xa fixera Rodolfo I. Cando o conflito largamente xestado entre Schwyz e a abadía de Einsiedeln desatouse, os Habsburgo responderon enviando un poderoso exército de cabaleiros contra os campesiños para extinguir a insurrección, pero o exército austríaco do irmán de Frederico, Leopoldo I de Habsburgo, foi finalmente derrotado na Batalla de Morgarten de 1315. Trala vitoria, os tres cantóns renovaron a súa alianza e Lois IV confirmou o seu Reichsfreiheit.

Expansión dos Acht Orte[editar | editar a fonte]

Nos anos seguintes as tres comunidades (os seus territorios non correspondían aínda ás áreas dos cantóns modernos) desenvolveron unha lenta política de expansión. Uri pactou co val de Urseren en 1317. En 1332, a cidade de Lucerna, intentando alcanzar o Reichsfreiheit por parte dos Habsburgo, uniuse á alianza. En 1351, estas catro comunidades do bosque (Vier Waldstätten, un nome que permanece no nome alemán e español do Lago dos Catro Cantóns) uníronse á cidade de Zúric, onde a cidadanía cobraría poder debido ao estabelecemento das Zunftordnung (leis de gremio) e a expulsión da nobreza en 1336. A cidade buscaba tamén apoio contra a cidade Habsburgo de Rapperswil, que tratara de derrocar ao alcalde de Zúric Rudolf Brun en 1350. Coa axuda dos seus novos aliados, Zúrich foi capaz de resistir o sitio do duque Alberto II de Austria. A campaña foi tan exitosa que os confederados chegaron até conquistar a cidade de Zug e o val de Glaris en 1352. Con todo, en 1356 tiveron que retornar tanto Glaris como Zug aos Habsburgo a consecuencia da sinatura do tratado de Ratisbona. A cambio, o emperador Carlos IV de Luxemburgo recoñeceu as Zunftordnung de Zúric e confirmou o seu status de reichsfrei malia prohibir calquera confederación interna no imperio na súa Bula de Ouro, promulgada en xaneiro dese ano. A Casa de Luxemburgo favorecía os intereses dos confederados porque vía neles un aliado contra a casa rival dos Habsburgo.

Ilustración de finais do século XV da Batalla de Laupen. As forzas confederadas amósanse á dereita.

O Eidgenossenschaft asinara alianzas perpetuas tanto con Glaris como con Zug en 1352 e, xa que logo, esta data considérase o punto de entrada destes cantóns na confederación, aínda que ficaran baixo control dos Habsburgo durante uns cantos anos máis.Glauser, T.: 1352 – Zug wird nicht eidgenössisch, Arquivo estatal do Cantón de Zug; Tugium 18, pp. 103–115; 2002. (fichero PDF, 359 KB; en Alemán). No oeste, os Vier Waldstätten formaran unha alianza coa cidade de Berna en 1321, e até enviaron un destacamento para axudar ás forzas bernesas na súa expansión territorial contra a Casa de Savoia e a dos Habsburgo na Batalla de Laupen en 1339. En 1353, Berna asinou unha alianza "eterna" coa confederación, completando a "alianza dos oito lugares" (Bund der Acht Orte). Esta alianza dos Acht Orte non constituía un estado homoxéneo, senón un conglomerado de oito cidades e territorios independentes, que se sostiñan non por un mesmo pacto, senón por unha rede de seis pactos "eternos" diferentes. Cada unha das oito partes perseguiría os seus intereses particulares, especialmente no caso das poderosas cidades de Zúric e Berna. Zúric formaba tamén parte dunha alianza de cidades situadas ao redor do Lago Constanza que tamén incluía Constanza, Lindau e Schaffhausen, e durante algún tempo incluíu a outras cidades tan afastadas como Rottweil ou Ulm, e Berna seguía a súa propia política hexemónica, participando sucesivamente en varias alianzas con outras cidades como Friburgo, Murten, Biel/Bienne ou Soleura. Esta "Confederación Borgoña" bernesa foi unha sucesión de alianzas volátiles pois, por exemplo, na Batalla de Laupen, Friburgo chegou a estar enfrontado a Berna. A posición de Berna trala devandita batalla trocouse tan forte que as alianzas acababan frecuentemente coa asimilación do aliado baixo a dependencia de Berna, como pasou, por exemplo, con Burgdorf e Payerne.

Consolidación[editar | editar a fonte]

En 1364, Schwyz reconquistou a cidade de Zug e renovou a alianza ao ano seguinte. Na década de 1380, Lucerna expandiu o seu territorio de forma agresiva, conquistando Wolhusen, reclamando a soberanía do val de Entlebuch e Sempach, anteriormente situada baixo o dominio Habsburgo Sempach. En represalia Leopoldo III de Habsburgo armou un exército e enfrontouse á Eidgenossenschaft preto de Sempach en 1386, onde sería decisivamente derrotado e morto durante a Batalla de Sempach. Aproveitando estes acontecementos, Glaris declarouse independente e constituíu o seu primeiro Landsgeimende (dieta) en 1387. Na Batalla de Näfels, de 1388, un exército austríaco baixo o mando de Alberto III de Austria, sucesor de Leopoldo, foi derrotado e no tratado de paz asinado ao ano seguinte determinouse que Glaris mantería a súa independencia dos Habsburgo. A folgada federación de estados reforzouse con acordos adicionais entre os asinantes. Na Pfaffenbrief de 1370, os seis estados asinantes (sen Berna nin Glaris) referíronse a si mesmos por primeira vez como unha unidade territorial (unser Eydgnosschäft). Con este documento asumiron a autoridade sobre os clérigos, poñéndoos baixo a súa lexislación. Ademais, o Pfaffenbrief prohibiu os feudos, e as partes comprometéronse a garantir a paz da estrada de Zúric ao Paso de San Gotardo. Outro tratado importante foi a Sempacherbrief de 1393. Non só foi o primeiro documento asinado polas oito partes do Acht Orte (máis a asociada Soleura), senón que ademais determinou que ningún deles empezaría unha guerra sen o consentimento do resto. Os confederados apoiaron a insurrección de Appenzell, que empezou en 1401, contra a abadía de Sankt-Gallen e Frederico IV de Habsburgo, duque de Tirol e Austria Anterior. Appenzel pasou a ser un protectorado dos Acht Orte en 1411, o que acabou cunha paz de 50 anos con Frederico IV en 1412. O emperador Sexismundo do Sacro Imperio Romano Xermánico expulsou a Frederico IV en 1415 polo seu apoio ao antipapa Xoán XXIII no Concilio de Constanza e animou a outros a tomar as posesións do duque, entre as que se atopaba Argovia. Tras conseguir que o emperador lles garantise os seus privilexios (todos os cantóns eran reichsfrei) e un decreto que inhabilitaba o tratado de paz de 1412, os eidgenossen conquistaron Argovia. Unha gran parte acabou baixo o control bernés, mentres que o País de Baden sería administrado pola confederación como propiedade común até 1798. Só Fricktal seguiu baixo o control dos Habsburgo.

A Antiga Confederación Suíza desde 1291 ao século XVI.

No Valais, o conflito entre o Obispado de Sión e o Ducado de Savoia, que vira a separación en 1301 (o bispado controlaría o Valais superior e os Savoia a parte inferior), desatouse de novo. Por dúas veces os savoianos ocuparían o Valais enteiro, pero ambas as dúas veces serían derrotados. Os dous tratados de paz de 1361 e 1391 restabelecerían o status quo de 1301. Como resultado destas loitas, os pobos do Valais superior organizáronse nos Sieben Zenden ("sete décimos") ao redor de 1355, acabando estas guerras coma pequenos estados practicamente independentes: unha situación similar á dos cantóns do Eidgenossenschaft. Nos Grisóns, chamados entón Churwalchen, o bispo de Chur e moitas familias nobres locais competiron polo control da rexión, que contaba con moitos pasos alpinos. Ao longo do século XIV apareceron tres ligas de comunidades libres. A Gotteshausbund ("Liga da Casa de Deus"), que cubría os arredores de Chur e o Engadin, fundouse cando o bispo planeou en 1367 entregar a administración da súa diocese aos Habsburgo. Mercou a súa liberdade pagando a débeda do bispo e nas décadas seguintes incrementou o seu control sobre a administración do bispado, até que o rexente do bispo foi deposto en 1452. No val superior do Rin fundouse a Grauer Bund ("Liga Gris") en 1395 baixo a dirección do abade da Abadía de Disentis, e incluía non só as comunidades de campesiños senón tamén a nobreza local, o que acabou co feudo desta última. Para 1424 a Liga Gris estaba dominada polas comunidades libres, e estabeleceu uns estatutos máis democráticos.

Crise interna[editar | editar a fonte]

As relacións entre os cantóns individuais da confederación non estaban libres de tensións. Evitouse por un chisco un primeiro encontro entre Berna e os Vier Waldstätten a causa do conflito de Raron (Berna apoiaba aos baróns de Raron, mentres que os cantóns do bosque se aliñaban cos Sieben Zenden) Valais superior. Os baróns locais de Raron situáronse como a familia dominante do Valais superior a finais do século XIV e competiron co bispo de Sión polo control do val. Cando o emperador Sexismundo lles nomeou condes en 1413 e ordenou ao bispo que entregase os seus territorios aos von Raron en 1414 desatouse unha revolta. Para o ano seguinte ambos contendentes perderan pois os von Raron non conseguiran expulsar ao bispo, que como contrapartida concedera grandes privilexios aos Sieben Zenden mediante a firma do Tratado de Seta de 1415. A Vella Guerra de Zúric , que empezou como unha disputa acerca da sucesión do conde de Toggenburg, foi unha proba máis seria para a unidade dos Acht Orte. Zúric non aceptaba as reivindicacións de Schwyz e Glaris, que estaban apoiados polo resto dos cantóns, e en 1438 declarou un embargo, interrompéndolles o fornezo de gran. O resto de membros da confederación expulsaron a Zúric da mesma en 1440 e declaráronlle a guerra. En represalia, Zúric pactou cos Habsburgo en 1442. O resto de cantóns invadiron Zúric e sitiaron a cidade, pero foron incapaces de capturala. En 1446 ambas partes dos contendentes estaban exhaustas e asinouse unha paz preliminar. En 1450, as dúas partes asinaron a paz definitiva e Zúric foi admitida de novo na confederación, pero tivo que disolver a súa alianza cos Habsburgo. Este conflito é significativo, pois demostra que a confederación crecera ata formar unha alianza política tan estreita que non toleraba tendencias separatistas dos seus membros. O final da dinastía dos condes de Toggenburg en 1436 tivo tamén efectos nos Grisóns. Nos seus antigos territorios de Prättigau e Davos, os (inicialmente once, trala fusión só dez) pobos fundaron a Zehngerichtebund ("Liga das Dez Xurisdicións"). Para 1471, as tres ligas xunto coa cidade de Chur, formaran unha federación de estreitos lazos, baseada na asistencia militar e pactos de libre comercio entre as partes, que incluía unha dieta federal común: as Drei Bünde (Tres Ligas) naceran, aínda que a alianza non se concluiría oficialmente en forma de contrato escrito até 1524.

Expansión posterior[editar | editar a fonte]

Na segunda metade do século XV a confederación expandiu os seus territorios. No norte, as cidades anteriormente controladas polos Habsburgo de Schaffhausen e Stein am Rhein pasaran a ser reichsfrei en 1415, trala expulsión de Frederico IV. As dúas cidades, de importancia estratéxica, ofrecían as dúas únicas pontes fortificadas sobre o Rin entre Constanza e Basilea que non só estaban enfrontadas cos baróns da veciña Hegau senón tamén se atopaban baixo a presión dos duques de Habsburgo, que buscaban reintegrar as cidades baixo o seu dominio. O 1 de xuño de 1454 Schaffhausen pasou a ser un membro asociado (Zugewandter Ort) da confederación ao aliarse con seis dos oito cantóns (Uri e Unterwalden non participaron). Coa axuda dos confederados repeleron un exército de dous mil homes dos Habsburgo ao leste de Thayngen. Stein am Rhein pactou unha alianza similar o 6 de decembro de 1459. A cidade de Sankt Gallen pasara a ser libre en 1415, pero mantiña un conflito coa abadía, que intentara que caese baixo a súa influencia. Pero como os duques de Habsburgo foron incapaces de apoiala, de ningún xeito foi forzado a pedir axuda aos confederados, e a abadía pasou a ser un protectorado da confederación o 17 de agosto de 1451. A cidade foi aceptada como estado asociado o 13 de xuño de 1454. Friburgo, outra cidade dos Habsburgo, pasou a estar controlada polo Duque de Savoia durante a década de 1440 e tivo que aceptar ao duque como o seu señor en 1452. Con todo, tamén se aliou con Berna en 1454, pasando a ser un estado asociado. Outras dúas cidades que pediron axuda aos Eidgenossen contra os Habsburgo foron Rottweil, que pasou a ser estado asociado o 18 de xuño de 1463 e Mülhausen, que fixo o propio o 17 de xuño de 1466, mediante unha alianza con Berna (e Soleura). En Rapperswill, un enclave Habsburgo no Lago de Zúrich dentro do territorio confederado, un golpe de estado de 1458 favorábel á confederación levou á cidade a ser un protectorado da Eidgenossenschaft en 1464. O duque Sexismundo de Austria viuse envolto nunha loita polo poder co Papa Pío II polo nomeamento dun bispado en Tirol en 1460. Cando o duque foi expulsado polo Papa produciuse unha situación similar á de 1415. A confederación sacou vantaxe dos problemas dos Habsburgo e conquistou Thurgau e a rexión de Sargans no outono de 1460, que pasaron a ser propiedades administradas en común. Nun tratado de paz do 1 de xuño de 1461, o duque non tivo máis alternativa que aceptar a nova situación. Os suízos tamén amosaron interese en estender a súa influencia ao sur dos Alpes para asegurar a ruta comercial a través do Paso de San Gotardo cara a Milán. En 1331 comezaron a estender a súa influencia mediante acordos pacíficos, pero no século XV involucráronse militarmente. En 1403 o alto Leventina, o val ao sur do paso, pasou a ser un protectorado de Uri. A través do século XV produciuse unha loita de resultados variábeis entre os suízos e o Ducado de Milán. En 1439 Uri asumiu o control completo do alto Leventina, rexión sobre a cal o Ducado de Milán abandonou as súas reivindicacións dous anos máis tarde. Os suízos conquistaron violentamente e dúas veces o actual Cantón do Tesino e o val de Ossola, pero as dúas veces foron reconquistados polos milaneses todos os territorios, excepto Leventina. Tamén os suízos conseguiran, pese á súa derrota, negociar tratados de paz favorábeis aos seus intereses.

As Guerras de Borgoña[editar | editar a fonte]

Carlos o Temerario.

As Guerras de Borgoña foron un conflito entre a Dinastía Valois e a Casa de Habsburgo. O expansionismo agresivo do duque de Borgoña, Carlos ou Temerario, enfrontoulle ao rei Lois XI de Francia e ao emperador Frederico III de Habsburgo. Os embargos políticos contra as cidades de Basilea, Estrasburgo e Mulhouse fixéronlle acudir a Berna en busca de axuda. Os conflitos culminaron en 1474, trala sinatura dun tratado de paz por parte de Sexismundo de Austria e dos confederados en Constanza (máis tarde chamado Ewige Richtung). Os confederados, unidos ás cidades Alsacianas e a Sexismundo nunha "liga contra Borgoña", conquistaron parte de Xura burgundia (ou Franco Condado) e, ao ano seguinte, forzas Bernesas conquistaron e arrasaron o Vaud, que pertencía ao Ducado de Savoia, aliado con Carlos ‘’O Temerario’’. Os Sieben Zenden, coa axuda de Berna e outras forzas confederadas, expulsaron aos de Savoia do baixo Valais tras unha vitoria na Batalla de Planta en novembro de 1475. En 1476 Carlos contraatacou e marchou cara a Grandson co seu exército, pero sufriu tres grandes derrotas seguidas. Primeiro na Batalla de Grandson, máis tarde na Batalla de Murten e finalmente na Batalla de Nancy, onde morreu en 1477 mentres loitaba contra a conxunción dos confederados e un exército de René II de Lorena.Sieber-Lehmann, C.: Modelo:DHS; 18 de Janeiro de 2005. Hai un proverbio que resume estes acontecementos da seguinte forma: "Bi Grandson s'Guet, bi Murte de Muet, bi Nancy s'Bluet" (hät de Karl de Küeni verloore) ("(Carlos ou Temerario perdeu) os seus bens en Grandson, a súa temeridade en Murten e o seu sangue en Nancy"). Como resultado das Guerras de Borgoña, a dinastía dos Duques de Borgoña extinguiuse. Berna devolveu o Vaud ao Duque de Savoia a cambio dun rescate de 50.000 floríns holandeses en 1476, e vendeu as súas reivindicacións sobre o Franco Condado a Lois XI de Francia por 150.000 floríns en 1479. Os confederados só retiveron baixo o seu control pequenos territorios ao leste da cordilleira do Xura, especialmente Grandson e Murten, como dependencias comúns de Berna e Friburgo. Valais, con todo, sería independente a partir de entón, e Berna reconquistaría Vaud en 1536. Mentres que os efectos territoriais das Guerras de Borgoña foron menores, marcaron o inicio do emprego dos mercenarios suízos nos campos de batalla europeos.

Mercenarios suízos[editar | editar a fonte]

Mercenarios suízos cruzando os Alpes (Luzerner Schilling).

Nas Guerras de Borgoña, os soldados suízos gañaron a reputación de ser case invencíbeis, e os seus servizos mercenarios foron requiridos cada vez con máis frecuencia polas potencias europeas da época. Desta forma, os soldados adestrados nas batallas pola independencia dos seus territorios, dos reis e os emperadores, pasaron a loitar ao servizo dos grandes señores a cambio dunha paga. Pouco despois das Guerras de Borgoña, os cantóns estabeleceron acordos individuais para a contratación de mercenarios con moitos interesados, incluíndo o Papa. A Garda Suíza papal fundouse en 1505 e comezou a operar ao ano seguinte. Asináronse máis contratos con Francia (unha garda suíza de mercenarios sería destruída no asalto do Palacio das Tullerías en París en 1792), o Ducado de Savoia, Austria e outros. Os mercenarios suízos desempeñarían un papel inicialmente importante, pero máis tarde secundario, nos campos de batalla de Europa até finais do século XVIII. As forzas suízas víronse pronto involucradas nas Guerras Italianas entre os Valois e os Habsburgo polo control do norte de Italia. Cando o poder do Ducado de Milán desvaneceuse por mor destas guerras os suízos conseguiron finalmente o control do Tesino completo. En 1500 ocuparon as fortalezas de importancia estratéxica de Bellinzona, que o rei Lois XII de Francia, que gobernaba Milán naquela época, cedeu definitivamente en 1503. De 1512 en diante, os confederados loitaron no bando do Papa Xullo II e o seu Liga Santa contra os franceses nos territorios ao sur dos Alpes. Logo duns primeiros éxitos, e tras conquistar gran parte do territorio do Ducado de Milán, foron derrotados finalmente polo exército francés na Batalla de Marignano en 1515, o que puxo fin ás intervencións militares da confederación, exceptuando os servizos mercenarios baixo bandeiras estranxeiras. O resultado destas manobras foi a obtención do Tesino como rexión administrativa común da confederación e a ocupación do val do río Adda (Veltin, Bormio e Chiavenna) polas Drei Bünde, que seguirían dependendo dos Grisóns ata 1797, cunha breve interrupción durante a Guerra dos Trinta Anos.

Os Dreizehn Orte[editar | editar a fonte]

Tanto Friburgo como Soleura, que participaran nas Guerras de Borgoña, querían unirse á confederación trala guerra, o que desequilibraría a balanza a favor dos cantóns urbanos. Os cantóns rurais opuxéronse fortemente. En 1477 fixeron unha marcha cara ás cidades como protesta. En Stans tivo lugar un Tagsatzung para resolver o contencioso en 1481, mais a guerra parecía inevitábel. Un ermitán local, Niklaus von der Flüe, foi consultado sobre a situación. Pediu que se transmitise unha mensaxe aos membros do Tagsatzung da súa parte. Os detalles da mensaxe non se coñecen a día de hoxe, pero acougou os temperamentos. Friburgo e Soleura foron admitidos na confederación. Tempo despois de que se estabelecesen pactos bilaterais illados entre as ligas dos Grisóns e algúns cantóns da confederación desde principios do século XV, a federación das Tres Ligas en conxunto pasou a ser un estado asociado da confederación en 1498, ao asinar alianzas cos sete cantóns orientais. Cando os confederados rexeitaron aceptar as resolucións do Reichstag de 1495 en Worms, desatouse a Guerra Suaba (Schwabenkrieg, ou Schweizernkrieg en Alemaña) en 1499, enfrontando á confederación á Liga Suaba e ao emperador Maximiliano I de Habsburgo. Tras algunhas batallas nos arredores de Schaffhausen, no Voralberg austríaco e nos Grisóns, onde os confederados colleitaron máis vitorias que derrotas, a Batalla de Dornach, na que pereceu o comandante do Emperador, puxo fin á guerra. En setembro de 1499 asinouse un tratado de paz en Basilea que estabelecía a independencia de facto da Eidgenossenschaft, aínda que seguiría sendo nominalmente parte do Sacro Imperio Romano Xermánico até logo da Guerra dos Trinta Anos e non se incluíu no sistema de Círculos Imperiais en 1500. Como consecuencia directa da Guerra Suaba, os estados previamente asociados de Basilea e Schaffhausen uníronse á confederación en 1501. En 1513, Appenzell seguiu o mesmo camiño, pasando a ser o décimo terceiro membro. As cidades de Sankt Gallen, Biel/Bienne, Mulhouse e Rottweil, así como as Tres Ligas nos Grisóns foron asociados da confederación (Zugewandte Orte). Valais sería un estado asociado en 1529.

Mitos e Lendas[editar | editar a fonte]

Xura do Rüthli, Henry Fuseli, 1780.

Os acontecementos contados na saga de Guillermo Tell, que terían lugar ao redor de 1307, non están apoiados por evidencias históricas. Este relato, como a de Rütlischwur (xúraa do Rütli), un prado sobre o Lago Lucerna, parece datar de finais do século XV, e formar parte dunha colección de relatos populares de 1470, o Weisse Buch von Sarnen. Considérase xeralmente unha glorificación ficticia das loitas da independencia dos Waldstätten. A lenda de Arnold von Winkelried aparece rexistrada a mediados do século XVI; as primeiras crónicas da Batalla de Sempach non o mencionan. Dise que Winkelried abriu unha fenda nas liñas da infantería austríaca lanzándose cara ás súas lanzas e derribándoas co seu corpo, de forma que os confederados puideron atacar a través da abertura.

Desenvolvementos sociais[editar | editar a fonte]

Os cambios sufridos ao redor do século XIII exerceron unha profunda influencia na sociedade. Gradualmente, a poboación de servos foi volvéndose unha agrupación de campesiños libres e cidadáns. Nas cidades que eran pequenas, segundo os criterios actuais, pois Basilea tiña 10.000 habitantes mentres que Zúric , Berna, Lausana e Friburgo tiñan uns 5.000 cada unha—o desenvolvemento foi natural, e os señores feudais pronto as dotaron dunha certa autonomía, en particular sobre a súa administración interna. A principios do século XIV os artesáns das cidades empezaron a formar gremios e foron tomando o control político, especialmente nas cidades situadas ao longo do Rin, como Alsacia, Basilea, Schaffhause, Zúric ou Chur. (Pero non, por exemplo, en Berna, Lucerna ou, en Frankfurt onde unha aristocracia forte inhibiu tal desenvolvemento). As cidades gremiais tiñan unha estrutura relativamente democrática, co goberno dun concilio elixido polos cidadáns. Nas áreas rurais a poboación en xeral gozaba de menos liberdades, pero algúns señores levaron a cabo a colonización de áreas remotas outorgando privilexios aos pioneiros. Un movemento de colonización bastante coñecido foi o de Walser, do Valais aos Grisóns, que produciu asentamentos nalgúns vales no século XIV. Nas áreas montañosas, a comunidade dirixía comunalmente a explotación dos campos comúns, os Alpes e os bosques (importantes como protección contra avalanchas). As comunas do val cooperaban estreitamente e empezaron a mercar propiedades aos terratenentes da nobreza ou simplemente a desposuílos das súas terras pola forza. Formáronse dietas rexionais; os Landsgmeinden formáronse para tratar a administración das comunas, e tamén se utilizaban como alta corte e para elixir representantes, os Landamann.

Representación contemporánea da cerimonia de inauguración da Universidade de Basilea. na Catedral de Basilea o 4 de abril de 1460.

Aínda que tanto os cidadáns pobres coma os ricos e os campesiños tiñan os mesmos dereitos (aínda que non o mesmo status), non todos eran iguais. Os emigrantes que chegaban a unha cidade non tiñan dereitos políticos e eran chamados Hintersassen. En áreas rurais, tiñan que pagar para traballar as terras comúns. Só se lles garantían plenos dereitos cando adquirían a cidadanía, cuestión que non dependía só da súa riqueza (pois tiñan que mercar a cidadanía), senón que ademais tiñan que vivir alí por algún tempo, especialmente si vivían en áreas rurais.Holenstein, A.: Modelo:DHS; 5 de setembro de 2005. As cidades seguiron unha política de expansión territorial para conseguiren o control das áreas rurais circundantes, das que dependían, empregando o poder militar ou, a miúdo, medios máis sutís como a merca das súas terras, ou a aceptación como cidadáns dos servos (liberándoos xa que logo: "Stadtluft macht frei" "o aire da cidade liberal") dun señor feudal. Os campesiños posuían a súa terra, os pobos administraban as súas propiedades comúns e os viláns participaban como xurado na corte da cidade. Tiñan con todo que servir militarmente á cidade, o que por outra banda incluía o dereito a posuír as súas propias armas. Basilea pasou a ser o centro educativo e científico na segunda metade do século XV. A cidade albergou o Concilio de Basilea de 1431 a 1447 e, en 1460, fundouse a Universidade de Basilea que atraería a moitos pensadores notábeis, como Erasmo ou Paracelso.

Economía[editar | editar a fonte]

A poboación dos cantóns era dunhas 600.000 almas ao redor do 1400 e medrou até 800.000 para 1500. A produción de gran era suficiente só nalgunhas das rexións menos elevadas, mentres que a maior parte do territorio dependía da importación de trigo, avea ou cebada. Nos Alpes, onde a colleita de gran sempre foi particularmente baixa debido ao clima, produciuse unha transición cara á produción de queixo e manteiga de leite de vaca. A medida que as estradas foron mellorando e volvéronse máis seguras, foi florecendo o comercio entre as cidades. As cidades tiñan mercados e centros de comercio de importancia, e atopábanse nas estradas que atravesaban os Alpes. Desenvolveuse a manufactura téxtil, sobre todo en Sankt Gallen. O queixo (especialmente o emmental e o gruyère) foi un produto moi exportado. As exportacións das cidades suízas chegaban a gran distancia, até o Levante e Polonia. No século XV, os servizos mercenarios pasaron a ser un importante factor económico. O Reisläuferei (servizo mercenario), atraía a numerosos mozos aventureiros suízos que vían nel un xeito de escapar á pobreza dos seus fogares. As pagas non só eran recibidas polos mercenarios, senón que os seus cantóns orixinarios tamén recibían unha parte, e o Reisläuferei, malia ser fortemente criticado na época por diminuír os recursos humanos da confederación, volveuse popular entre os mozos campesiños dos cantóns rurais.

Organización política[editar | editar a fonte]

Inicialmente, a Eidgenossenschaft non estaba unida por un pacto singular, senón por conxunto completo de pactos solapados e tratados bilaterais separados entre varios membros, de esixencias mínimas. As partes xeralmente acordaban loitar para preservaren a paz nos seus territorios, axudárense cos contenciosos militares e definir unha certa arbitraxe para as súas rifas. A Sempacherbrief de 1393 foi o primeiro tratado que uniu os oito cantóns e, por conseguinte, estabelecer unha asemblea federal. O Tagsatzung desenvolveuse no século XV. O segundo tratado de unificación sería o Stanser Verkommnis de 1481. O Tagsatzung reuníase normalmente moitas veces ao ano. Cada cantón delegaba en dous representantes, o que normalmente incluía tamén aos estados asociados. Inicialmente, o cantón no que se reunían os delegados presidía o encontro, pero no século XVI Zúrich asumiu a presidencia (Vorort) de forma permanente, e Baden pasou a ser o lugar de encontro. Würgler, A.: Modelo:DHS; 1 de setembro de 2004. O Tagsatzung trataba todos os asuntos entre cantóns e exercía tamén como corte de arbitraxe onde dirimir as disputas entre os estados membros, ou onde sancionar aos membros que disentisen, como ocorreu na Vella Guerra de Zúrich. Tamén organizaba e supervisaba a administración das propiedades comúns, como o País de Baden, Freiamt, o Turgovia, o val do Rin entre o Lago Constanza e Chur ou en Tesino. Os administradores destas propiedades comúns exercían o seu cargo durante dous anos, e pertencían cada período a un cantón diferente. Malia o seu carácter informal (non había unha base legal formal que describise as competencias), os Tagsatzung eran un importante instrumento dos inicialmente oito, e máis tarde trece cantóns, para decidir sobre materias intercantonais. Tamén demostrou ser un importante instrumento no desenvolvemento do sentimento de unidade entre cantóns en ocasións moi individualistas. Lentamente, fóronse definindo como o Eidgenossenschaft e fóronse considerando a si mesmos como trece estados separados con febles lazos de unión.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]