Antigo Exipto
|
Serie de artigos sobre a
|
| Historia de Exipto |
| Historia do Exipto Antigo |
| O Exipto greco-romano |
| O Exipto árabe |
| O Exipto otomán |
| Muhammad Alí e os seus sucesores |
| Historia do Exipto contemporáneo |
O Antigo Exipto foi unha civilización do noreste de África que se desenvolveu ao redor do curso medio e baixo do río Nilo, nos territorios que hoxe en día ocupan o actual estado de Exipto e o norte de Sudán. A civilización constituiose cara a 3150 a.C.[1] coa unificación do Alto e Baixo Exipto baixo o primeiro faraón e persistiu durante os seguintes tres milenios[2] ata a época romana.
Entre todas as antigas civilizacións do Oriente Próximo a exipcia destaca pola súa singularidade; constituída por poboacións de orixe norteafricano, engadíronse pobos semitas procedentes da rexión de Siria e Palestina, libios vindos do oeste e individuos de Nubia, que descenderon Nilo abaixo.
A súa historia divídese nunha serie de períodos estables ("imperios"), separados por períodos de relativa inestabilidade ("períodos intermedios"). Tralo fin do último imperio, o Imperio Novo, a civilización do antigo Exipto entrou nun período dun lento e constante declive, durante o cal Exipto foi conquistado por unha sucesión de poderes estranxeiros. O dominio dos faraóns acabouse o ano 31 a.C. cando o entón recente Imperio Romano liderado por Pompeu conquistou a Exipto Ptolemaico e incorporou o territorio como unha provincia romana de Exipto.[3]
A civilización do antigo Exipto prosperou adaptándose ás condicións da val do río Nilo. Os antigos exipcios controlarón a irrigación dun val fértil que, ao producir excedente de colleitas, impulsou un gran desenvolvemento social e cultural. Cos recursos aforrados, a administración investiu na explotación mineral da zona, desenvolveuse un sistema de escritura, realizáronse construcións colectivas e proxectos agrícolas, impulsouse o comercio coas rexións veciñas, e formouse un poderoso exército que consolidou o dominio exipcio. Exercendo o control destas actividades había unha burocracia de escribas de elite, líderes relixiosos e administradores baixo a xerarquía do divino faraón, que garantía a cooperación e a unidade dos exipcios a través dun elaborado sistema de crenzas relixiosas.[4][5]
Entre a gran cantidade de progresos conseguidos pódense destacar a creación dun sistema matemático, do traballo na pedra, das técnicas de enxeñaría e arquitectura que facilitaron a construción de pirámides monumentais, templos e obeliscos, así como o desenvolvemento dunha actividade artesanal de faienza e vidro, [6] un sistema sanitario práctico e efectivo, novas formas de literatura, sistemas de irrigación, técnicas de produción agrícolas e o tratado de paz máis antigo. [7]
Exipto deixou un legado duradeiro. A arte e a arquitectura foron imitados por outros pobos, e as ruínas monumentais que sobreviviron durante séculos inspiraron a imaxinación de turistas e escritores. O descubrimento das antigüidades e varias escavacións realizadas desde os inicios da Idade Moderna dirixiron a atención científica cara á civilización exipcia e espertouse un gran interese en todo o mundo.[8]
Índice |
Marco xeográfico[editar]
Principalmente, Exipto sitúase dende o delta no norte seguindo o val do río Nilo ata a Primeira Catarata (Asuán), na Baixa Nubia, aínda que as fronteiras variaron constantemente ao longo de trinta e tres séculos. Tan só 60 quilómetros de ancho e 1200 quilómetros de longo constituían este val de terras fértiles rodeado en gran parte polo deserto do Sáhara. Exipto é un oasis no medio dos desertos de Libia e Arabia. As inundacións periódicas do Nilo fecundan as terras exipcias. Distínguense en Exipto tres rexións, de sur a norte:
- Alto Exipto ou Tebaida (Tebas, Carnac, Luxor...).
- Exipto Medio ou Heptanómida (Hermópolis, Abidos...).
- Baixo Exipto ou o Delta (Menfis, Heliópolis, Sais, Alexandría, Cairo...).
Cronoloxía[editar]
A obtención dunha cronoloxía exacta do Antigo Exipto é unha tarefa complexa. Existen diversos criterios de datación entre exiptólogos, con divergencias dalgúns anos nos últimos períodos, de décadas ao principio do Imperio Novo e de case un século durante o Imperio Antigo (véxase: Cronoloxía do Antigo Exipto).
O primeiro problema xorde polo feito de que os exipcios non utilizaron un sistema de datación homoxéneo: non tiñan un concepto dunha era similar ao Anno Domini, ou o costume de nomear os anos, como en Mesopotamia (véxase Limmu). Databan con referencia aos reinados dos diversos faraóns, solapando posiblemente os interregnos e as épocas de correxencia. Un problema engadido xorde ao comparar as distintas Listas Reais de faraóns, pois están incompletas ou con datos contradictorios, ata no mesmo texto. As obras do mellor historiador sobre Exipto, Manetón, perdéronse e só as coñecemos a través de epítomes de escritores posteriores como Flavio Xosefo, Eusebio de Cesarea, Sexto Xulio Africano ou o monxe Xurxo Sincelo. Desafortunadamente as datas dalgúns reinados varían dun a outro autor.
Historia[editar]
Artigo principal: Historia do Exipto Antigo
- Véxase tamén: Historia de Exipto.
Paleolítico e Neolítico[editar]
Cara ao período paleolítico tardío, o clima árido do nordeste de África converteuse quente e seco, forzando as poboacións do área a concentrarse no val do Nilo. Desde que, durante o Plistoceno, os cazadores-recolectores nómades comezaron a vivir na rexión fai uns 1,8 millóns de ano atrás, o Nilo foi o eixe vital de Exipto[9] As fértiles terrazas do Nilo fixeron posible desenvolver unha economía agrícola sedentaria e unha sociedade máis sofisticada e centralizada que se converteu nunha parte fundamental da historia da civilización humana.[10]
Restos desta xente primitiva aparece en forma de artefactos e rochas talladas polas terrazas do Nilo e nos oasis. As probas arqueolóxicas indican que unha sociedade e cultura exipcias desenvolvéronse e estendéronse nun territorio do chamado Exipto predinástico.
A través do Nilo, no 11º milenio a.C, unha cultura recolledora de gran utilizando o tipo máis antigo de fouce fora substituída por outra cultura de cazadores, pescadores, e recolledores que utilizaban ferramentas de pedra. As probas tamén indican ocupación humana e pastoreo no recuncho suroeste de Exipto, preto da fronteira sudanesa, antes do 8000 a.C. As probas xeológicas e os estudos por ordenador de modelos climáticos suxiren que os cambios climáticos naturais dos alrededores do 8000 a.C. comezaron a desecar as extensións de terras de pastoreo da África setentrional que posteriormente forman o Sahara (c.2500 a.C.). Pronto as tribos da rexión naturalmente tenderon a agregarse cerca do río Nilo onde desenvolveron unha economía agrícola sedentaria e unha sociedade máis centralizada. Hai probas de pastoreo e cultivo de cereai no Sahara oriental o 7º milenio a.C.
Ao redor do 6000 a.C., xa aparecera no val do Nilo a agricultura organizada e a construción de grandes poboados. Ao mesmo tempo, no suroeste dedicábanse á gandería e tamén construían. O morteiro de cal usábase no 4000 a.C. É o denominado período predinástico, que empeza coa cultura de Naqada, aínda que algúns exiptólogos sitúano antes, cara o Paleolítico Inferior.
Período predinástico[editar]
- Artigo principal: Período pre-dinástico.
Entre o 5500 e o 3100 a. C., durante o período pre-dinástico, os asentamentos pequenos, pequenas tribos, prosperaron ao longo do val do Nilo e desenvolveran unhas series de culturas únicas manifestando control firme da agricultura e da gandería e así mesmo identificables pola súa cerámica e obxectos persoais únicos, como peitees, pulseras, e colares. No 3300 a. C., momentos antes da primeira dinastía, Exipto estaba dividido en dous reinos, coñecidos como Alto Exipto Ta Shemau e Baixo Exipto Ta Mehu.[11] A fronteira entre ambos situabase na actual zona do Cairo, ao sur do delta do Nilo.
O antigo pobo exipcio estaba formado por dúas etnias principalmente: os camitas (do Val do Nilo) e os semitas (procedentes da Palestina). Exipto dividíase administrativamente en 22 nomos ou provincias no delta e outros 20 no resto do transcurso do río. A unidade do reino é atribuída ao rei Menes, que uniu o Alto e o Baixo Exipto e fundou a cidade de Menfis. Os períodos máis destacados son:
- Imperio Antigo: capital en Menfis, dez primeiras dinastías.
- Imperio Medio: capital en Tebas, dinastías da X á XVIII.
- Imperio Novo: ata a dinastía XXI.
- Período Saíta: con capital en Sai, dinastías da XXI á XXVI.
Logo viñeron a dominación persa, a helénica de Alexandre Magno que instalou aos Ptolomeos (considerados faraóns), e a conquista romana. Déixase de falar de Antigo Exipto coa súa inclusión no Imperio Romano de Oriente.
Demografía[editar]
Os Antigos Exipcios foron o resultado dunha mestura das varias poboacións que se fixaron no Exipto ao longo dos tempos, oriúndas do nordeste africano, da África Negra e da área semítica.
A cuestión relativa á etnia dos antigos Exipcios é por veces xeradora de controversia, aínda que á luz dos últimos coñecementos da ciencia falar de razas humanas revélase un anacronismo. Até mediados do século XX, por influencia dunha visión eurocéntrica, considerábase os antigos Exipcios practicamente como brancos; a partir dos anos 1950 do século XX as teorías do "afro-centrismo", segundo as cales os Exipcios eran negros, afirmáronse nalgúns círculos.[12] Importa tamén referir que as representacións artísticas son frecuentemente idealizacións que non permiten retirar conclusións neste dominio.
Os Exipcios tiñan consciencia da súa alteridade: nas representacións artísticas dos túmulos os habitantes do val do Nilo aparecen con roupas de liño branco, en canto que os seus veciños libios e semitas con roupas de la.
A lingua dos Exipcios (hoxe unha lingua morta) é un ramo da familia das linguas afro-asiáticas (camito-semíticas). Esta lingua é coñecida grazas á descuberta e descifrado da Pedra Rosetta, onde se encontra inscrito un decreto de Ptolomeo V Epifanio (205-180 a.C.) en dúas linguas (exipcio e grego) e en tres escritas (caracteres xeroglíficos, escrita demótica e alfabeto grego). En 1822 o francés Jean-François Champollion descifrou a escrita xeroglífica e a demótica que se encontraban na pedra, permitindo así o acceso aos textos do Antigo Exipto e o comezo da Exiptoloxía.
O número de habitantes do Antigo Exipto oscilou segundo as épocas. Durante o período predinástico (4500-3000 a.C.) a poboación rondaría os centenas de milleiros; durante o Imperio Antigo (século XVII a XII a.C.) situaríase nos dous millóns, atinxindo os catro millóns por altura do Imperio Novo. Cando o Exipto se tornou unha provincia romana a poboación debeu ser cerca de sete millóns. Esta poboación habitaba nas terras agrícolas situadas nas marxes do Nilo, sendo escasas as poboacións que vivían no deserto. Ao contrario das civilizacións da Mesopotamia, o Antigo Exipto non desenvolveu unha importante rede urbana.
Notas[editar]
- ↑ Só despois de o 664 a.C. son datas seguras. Para máis detalles véxase cronoloxía exipcia. "Chronology" (en inglés). Digital Egypt for Universities, University College London. http://www.digitalegypt.ucl.ac.uk/chronology/index.html. Consultado o 25-03-2008.
- ↑ Dodson (2004) pàx. 46
- ↑ Clayton (1994) pàg. 217
- ↑ James (2005) páx. 8
- ↑ Manuelian (1998) páx. 6–7
- ↑ A faienza é barro vernizada ou esmaltada.
- ↑ Clayton (1994) páx. 153
- ↑ James (2005) páx. 84
- ↑ Shaw (2002) páx. 17
- ↑ Shaw (2002) páx. 17, 67–69
- ↑ Adkins, L. and Adkins, R. (2001). The Little Book of Egyptian Hieroglyphics. Londres: Hodder and Stoughton. ISBN 0-340-79485-2.
- ↑ The Question of Race in ancient Egypt, Dygital Egypt for Universities
Véxase tamén[editar]