Evaristo Pérez de Castro Colomera
Evaristo Pérez de Castro Colomera, nado en Valladolid en 1778 e falecido en Madrid o 28 de novembro de 1849, foi un político español, secretario de Estado (1820-1821) e presidente do Consello de Ministros (1838-1840), Gran Cruz da Orde de Carlos III.
Traxectoria [editar]
Foi deputado nas Cortes de Cádiz, onde tivo un papel activo ao reclamar a soberanía nacional para as mesmas trala invasión napoleónica. Como primeiro secretario das mesmas, subscribiu o célebre Decreto de constitución de Cortes de 24 de setembro de 1810, onde aquelas se reclamaban depositarias da mesma.
Foi enviado como extraordinario en Lisboa en 1809-10, e a xunta de goberno comisionouno para ir a Baiona a entrevistarse con Fernando VII, cautivo de Bonaparte. Foi deputado a Cortes en 1814, e entre 1817 e 1820 ministro de España nas cidades hanseáticas. Como Ministro de Graza e Xustiza durante o Trienio Liberal (18 de marzo de 1820 - 2 de marzo de 1821), decretou a amnistía do 23 de abril de 1820, que permitiu o regreso a España dos afrancesados que se exiliaran como consecuencia da represión e persecución exercida contra eles por Fernando VII. Trala década ominosa e o falecemento do rei, volveu á diplomacia.
Coa promulgación da Constitución de 1837 evoluiu cara a posturas moderadas. En momentos particularmente turbulentos, a raíña rexente María Cristina chamouno para encomendarlle a presidencia do Consello de Ministros, á fronte dun gabinete que combinaba moderados e progresistas. Estivo un ano e medio á fronte do goberno (9 de decembro de 1838 - 20 de xullo de 1840), con dúas reorganizacións en novembro do 39 e marzo do 40. Baixo o seu mandato, Baldomero Espartero firmou no seu nome e no da rexente o Convenio de Oñate, que puxo fin á Primeira Guerra Carlista.
O goberno de Pérez de Castro promulgou unha lei electoral que creaba pequenos distritos (favorables aos moderados) e usou da iniciativa lexislativa para presentar ante as Cortes a Lei de Concellos (1840), que preconizaba un modelo centralista de corte francés, coa designación dos alcaldes por parte do goberno. A aprobación desta lei dividiu a sociedade política da época e terminou coa renuncia da rexente María Cristina, por non avirse a negar a súa sanción da lei. Con Espartero encumiado como rexente, Pérez de Castro emigrou a Francia e non regresou até a súa caída en 1843.
Realizou a edición de Una correspondencia de Godoy con la reina María Luisa (Madrid, 1814) e foi un dos principais protectores de Francisco de Goya, que o inmortalizou nun retrato, así como á súa sobriña Sabasa García.
| Reinado de Isabel II de España | ||
|---|---|---|
Segue a: Bernardino Fernández de Velasco |
Evaristo Pérez de Castro Colomera | Precede a: Antonio González y González |
| Presidente do Goberno de España | ||