Euzko Gudarostea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Eusko Gudarostea»)
Soldados do Batallón Amaiur composto por veciños de Gabiria en Guipúscoa en 1937.

Euzko Gudarostea ("O Exército Vasco" en vasco, consonte a ortografía usada na década de 1930; hoxe Eusko Gudarostea) foi a denominación utilizada polo exército do goberno autónomo vasco durante a guerra civil española.

A comezos de agosto de 1936 fundouse o Euzko Gudarostea. Mandábao o capitán de intendencia Cándido Saseta e controlábao os deputados do Partido Nacionalista Vasco Manuel de Irujo, José María Lasarte e Telesforo Monzón. O 25 de setembro constituíuse formalmente o Euzko Gudarostea, a fronte do cal estivo Ramón Azkue, chegando a formar 28 batallóns.

Dispuña así mesmo dunha forza naval formada por bous armados e outros pesqueiros convertidos en dragaminas. A frotiña de bous chegou enfrontarse ao Cruceiro Canarias no combate do cabo Matxitxako. Contou tamén cunha exigua forza aérea, aludida ironicamente como o «circo Price» (un circo famoso na época) debido ao variado dos aparellos de voo.

Estaba controlaba polo EBB (Euskadi Buru Batzar, Comisión Executiva de Euskadi do PNV), e un dos seus obxectivos era manter a orde pública. Tivo varios enfrontamentos con batallóns anarquistas e da Unión Xeral de Traballadores (UXT).

No cuartel de Bidarte, dirixido polo escritor Esteban Urkiaga, Lauaxeta, formaron miles de gudaris ('guerreiros' en vasco). O seu primeiro batallón foi o Arana Goiri, formado polo PNV a partir da súa organización paramilitar Euzko Aberkoi Batza, que sae á fronte o 24 de setembro, un día antes da constitución formal do Euzko Gudarostea.

Compúñano basicamente nacionalistas vascos e actuaba en coordinación co exército da Segunda República Española.

Loitou na Fronte do Norte contra as tropas de Franco desde 1936 a 1937, cando, unha vez ocupada Biscaia polas tropas nacionais, se rende en Santoña, (Cantabria) ao Corpo Truppe Volontarie italiano. Os termos da rendición, acordados no Pacto de Santoña, no foron aceptados por Franco, e a maioría dos gudaris foron encarceados. Algúns conseguiron fuxir para Francia en pesqueiros e regresaron por Cataluña para alistarense nas tropas republicanas.