Etiquetaxe enerxética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Etiqueta enerxética dunha lavadora

A etiqueta enerxética que mostran algúns electrodomésticos de uso doméstico (frigoríficos e conxeladores, lavadoras, secadoras, lavalouzas, quentadores de auga e acumuladores de auga quente, fornos eléctricos, aparatos de aire acondicionado e lámpadas eléctricas) ten como función informar ós consumidores da eficiencia enerxética do aparato, ademais de engadir outra información complementaria de interese para o usuario. Esta fórmula de etiquetaxe pretende orientar ó usuario na elección no momento da compra e estimulalo a adquirir electrodomésticos máis eficientes.

Aplícase ós aparatos de uso doméstico, incluso cando se vendan para usos non domésticos, cuxa utilización teña unha incidencia directa ou indirecta no consumo de enerxía e doutros recursos esenciais, como a auga. Non se aplicará nos produtos de segunda man nin nos medios de transporte de persoas ou mercancías.

O sistema de etiqueta enerxética clasifica os electrodomésticos en sete categorías, de máis a menos eficiente, utilizando letras –do A ó G- e cores. A diferenza de consumo enerxético entre unha clase e a seguinte é dun 10-15%. Os aparatos máis eficientes, con consumos por debaixo do 55% do consumo medio, identifícanse coa letra A e a cor verde. Os de eficiencia media, con consumos situados na media (entre o 90 e 0 110%), identifícanse coas letras D e E. Os menos eficientes, con consumos por riba do 125% do consumo medio, identifícanse coa letra G e a cor vermella.

Para os frigoríficos e conxeladores creáronse tres categorías adicionais: A+, A++ e A+++, sendo esta última a máis eficiente.

Información da etiqueta enerxética[editar | editar a fonte]

Segundo o tipo de aparato a información pode variar, pero basicamente contén estes datos:

  • Nome ou marca comercial do fabricante e identificación do modelo.
  • Clase de eficiencia enerxética, mediante unha frecha da cor correspondente e unha letra no corpo da frecha.
  • Etiqueta ecolóxica, só cando a empresa obtivo este selo, segundo o Regulamento 1980/2000.
  • Consumo enerxético: expresado na forma que corresponda a cada tipo de aparato (por exemplo, kWh no caso dun forno eléctrico; kWh por ciclo de lavado, no caso dunha lavadora) [1].
  • Tamaño do aparato, medido en volume ou capacidade. No caso dun forno eléctrico establécense 3 tipos: pequeno: entre 12 e 35 litros; mediano: entre 35 e 65 litros; grande: máis de 65 litros. No caso dunha lavadora indícase a capacidade en quilogramos de roupa de algodón.
  • Nivel de ruído medio do aparato. Nunha lavadora, por exemplo, engádese o consumo de auga nun ciclo de lavado estándar.
  • Data na que se validou a información (que pode ir só no manual ou folletos que acompañen ó equipo).

Normativa aplicable[editar | editar a fonte]

O obxectivo da normativa europea e nacional que regula a etiquetaxe enerxética é armoniza-las medidas relativas á etiquetaxe dos electrodoméstricos e a información adicional que os acompaña, de modo que se ofreza ós usuarios os datos de consumo de enerxía e doutros recursos esenciais, cvoa fin de que os consumidores dispoñan da información suficiente para elixi-los aparatos de maior eficiencia enerxética.

O obxectivo final é conseguir un aforro do 20% no consumo de enerxía na Unión Europea para o ano 2020. Para a consecución deste obxectivo, a Unión estableceu tamén outras medidas para o desenvolvemento de enerxías renovables e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, insta ós Estados membros a desenvolver campañas informativas de carácter informativo destinadas a promove-la eficiencia enerxética e un uso responsable da enerxía por parte do usuario final.

  • Directiva 2010/30/UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 19 de maio de 2010, relativa á indicación do consumo de enerxía e outros recursos por parte dos produtos relacionados coa enerxía, mediante a etiquetaxe e unha información normalizada (DOUE nº L 153, de 18.6.2010) [1].
    • Derroga a Directiva 92/75/CEE do Consello, de 22 de setembro de 1992, relativa á indicación do consumo de enerxía e doutros recursos dos aparatos domésticos, por medio da etiquetaxe e dunha información uniforme sobre os produtos (DOCE nº L 297, de 13.10.1992) [2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O consumo enerxético pode variar segundo as condicións de uso. O valor que dá a etiqueta é o medido en condicións estándar: nunha lavadora, por exemplo, sería a enerxía consumida nun ciclo de lavado de algodón a 60ºC.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]