Etanol (combustible)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo bioetanol refírese comunmente a un combustíbel líquido que contén etanol (alcohol etílico) producido a partir de biomasa, ben sexa en parte mesturado con gasolina ou en forma pura. As mesturas gasolina-etanol máis estendidas son as coñecidas como E10 e E85, co 10% de etanol e a restante parte de gasolina no primeiro caso, e co 85% de etanol e a restante parte de gasolina no segundo caso. Todos os motores de automóbiles a gasolina poden tolerar mesturas con etanol de até o 10% sen modificación algunha [1].

O bioetanol considérase unha fonte de enerxía renovable, xa que é posible obtelo a partires de fontes que se asumen infinitas, como cultivos e residuos de varios tipos.

Planta de bioetanol a partir de millo en Teixeiro-Curtis.

Materias primas[editar | editar a fonte]

O bioetanol, por definición, ha de ser producido a partires de biomasa. O proceso de produción implica a utilización das moléculas de glucosa e outros azucres presentes na estrututra da biomasa (ben sexa como monómeros ou polímeros) e a súa conversión en etanol por medio de microorganismos como a levadura ou outros.

Nesta categoría atópanse materiais como a cana de azucre (amplamente empregada no Brasil para este fin), cereais como o millo (nos Estados Unidos de América), e outras plantas con alto contido en azucre ou amidón. Nos últimos anos, a investigación centrouse na utilización de materiais celulósicos como residuos agrícolas ou forestais.

Produción no mundo[editar | editar a fonte]

Até este momento, o Brasil e os Estados unidos coparon aproximadamente un 80% da produción mundial de bioetanol. O Brasil foi o país líder até o ano 2006, cando a súa produción foi sobrepasada pola dos EUA [2].

En 2011, a produción mundial de bioetanol foi de 22 mil millón de galóns [3]. Os Estados Unidos contribuíron nun 62.2% a esta cifra, polo case 24.9% do Brasil e o 5.23% da Unión Europea. Os seguintes países como grandes produtores foron China e Canadá.

En Galicia, existe unha planta de etanol a partires de millo situada no polígono industrial de Teixeiro, en Curtis. A planta, contruída en 2001, ten unha capacidade de 196 millóns de litros ao ano, cun consumo de 340.000 toneladas de cereais[4].

Emisións[editar | editar a fonte]

Desde un punto de vista medioambiental, as mesturas etanol-gasolina poden reducir a maioría de emisións de contaminantes en comparación coa combustión de gasolina pura. Entre estes, atópanse materiais particulados, dióxido de carbono, monóxido de carbono, hidrocarburos e ozono. Por outra banda, non se aprecia unha redución significativa de óxidos de nitróxeno, e apreciouse un aumento nas emisións de acetaldehidos. [5].

Aínda así, un estudo sobre o ciclo de vida dos combustibles, determinou que as mesturas de gasolina con etanol ocasionan menores índices de emisión de gases de efecto invernadoiro e dióxido de carbono. Esta redución de contaminantes depende da materia prima da que se derive a produción do etanol usado. Neste sentido, o uso de materiais forestais amosan o balance máis positivo [6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.nrel.gov/docs/fy05osti/37135.pdf
  2. A Walter, F Rosillo-Calle, P Dolzan, E Piacente, K Borges da Cunha (2008). "Perspectives on fuel ethanol consumption and trade". Biomass and Bioenergy 32: 70–748. DOI:10.1016/j.biombioe.2008.01.026. 
  3. http://www.afdc.energy.gov/data/tab/fuels-infrastructure/data_set/10331
  4. http://www.abengoabioenergy.com/web/es/acerca_de/oficinas_e_instalaciones/bioetanol/europa/bioetanol_gali/index.html
  5. A K Agarwal (2007). "Biofuels (alcohols and biodiesel) applications as fuels for internal combustion engines". Progress in Energy and Combustion Science 33: 233–271. DOI:10.1016/j.pecs.2006.08.003. 
  6. R K Niven (2005). "Ethanol in gasoline: environmental impacts and sustainability review article". Renewable and Sustainable Energy Reviews 9: 535–555. DOI:10.1016/j.rser.2004.06.003. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]