Estruturador da información

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un dos marcadores do discurso xunto cos conectores, reformuladores, operadores argumentativos, e marcadores conversacionais. Serven para desenvolver a información contida nun discurso e poden ser:

  • Comentadores, pois "presentan un novo comentario": pois (sen pausa despois), pois ben , (que asume o anterior para o que segue) así as cousas (que non asume o anterior para o que segue), dito isto/iso etc.
-¿Coñecía a Soleiro?
-¿Un coxo que ía a Mondoñedo ao mercado?
-O mesmo. Pois aparecéuselle á súa muller en forma de corvo.
  • Ordenadores, que "agrupan varios membros como partes dun só comentario; de uso máis frecuente no texto escrito ca no oral. Polo xeral baséanse na numeración (primeiro.. segundo) no espazo (por unha banda, doutra banda..., por unha banda... por outra; dun lado... doutro) ou no tempo (despois, logo, en fin, finalmente...). Algúns deles forman pares correlativos, ata mixtos de espazo e número ou tempo.

Hai de tres tipos:

  • Ordenadores que marcan apertura. Serven para abrir unha serie: en primeiro lugar, primeiramente, por unha banda, por unha banda, dunha parte, dun lado...
  • Ordenadores que marcan continuidade. Indican que o membro ao que acompañan forma parte dunha serie da que non é nin o principio: en segundo/terceiro/cuarto... lugar, por outra (parte), por outro (lado), pola súa banda, doutra (parte), doutro (lado), así mesmo, igualmente, de igual forma/modo/xeito, logo, despois...
  • Ordenadores que marcan pechadura. Sinalan a fin dunha serie discursiva: Para rematar, en último lugar, en último termo, en fin, por fin, finalmente.

Algúns ordenadores, se van en incisos, aproxímanse aos digresores, como é o caso de por outra banda, doutra banda e polo demais.

"Pola súa banda" carece de marcador de apertura e non se atopa totalmente gramaticalizado como tal.

O marcador de pechadura "polo demais" xerarquiza o seu membro como de menor importancia cós anteriores.

"En parte" repítese no discurso como marcador de apertura, o primeiro, e de continuidade, o segundo.

"De igual modo/forma/xeito/sorte" están tamén pouco gramaticalizados.

  • Digresores, "introducen un comentario lateral en relación co tópico principal do discurso": Por certo, á mantenta, a todo isto (que introduce un membro que pide información que nese momento do discurso xa se debería coñecer), e, menos gramaticalizados, "dito sexa de paso", "dito sexa", "entre parénteses", "outra cousa" (que serve para introducir outro tema sen ceder a quenda de palabra etc.