Estirpe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estirpe
Autor Xosé Luís Méndez Ferrín
Ilustrador Gonzalo Araúxo
País Galiza
Lingua galego
Xénero(s) Poesía
Editorial Edicións Xerais
Data de pub. Xuño 1994
Formato Tapa dura. 26 x 19,5 cm
Páxinas 152
ISBN ISBN 978-84-7507-807-9


Estirpe é un libro de poesía escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín en lingua galega, e publicado por Edicións Xerais en 1994 acompañado de debuxos de Gonzalo Araúxo. Gañou o Premio da Crítica de poesía galega en 1994 e mailo Premio Losada Diéguez de creación poética de 1995.

Características[editar | editar a fonte]

O libro iníciase co poema "Adicatoria", unha dedicatoria inicial en verso en inglés, francés, castelán e galego, para Seamus Heaney, Derek Walcott e Antonio Gamoneda.

Estirpe inclúe os poemas "Escrito na pedra", "Concheiro", "Serpe", "Illas", "Cervo", "Cabalos", "Espada", "Labirinto" e "Disidencia e fin". Despois seguen "Jerry Lee Lewis", "Quai des Brumes" (11 poemas co mar como nexo), "Testamento do Ghebo", "Despedida ao Crasto Laboreiro", "Pontevedra" (adicado a Gonzalo Adrio Barreiro, onde fala da represión acontecida en 1936 tralo alzamento nacional), "Buscalque", "En las orillas del Sar", "Sorga", "Homenaxe a Fidel Castro", "Dume", "Acougo", "A gorda que Desata", "Don García, Rei", "O Cambedo", "Perceval", "Seitura", "Curro de Morgadáns", "Miña casiña, meu lar", "Prisciliano", "Irlanda" e "Colofón".

Cinco destes poemas ("Quai des Brumes", "Despedida a Crasto Laboreiro", "Buscalque", "En las orillas del Sar" e "Sorga") apareceran xa publicados en 1992[1].

Estilo[editar | editar a fonte]

O libro alterna poemas con estrofa libre e outros con estrofas clásicas.
Respecto á rima, é libre e polirrítmica, con versos de arte maior na maior parte.
Entre os recursos estilísticos empregados aparecen a enumeración, os encabalgamentos, a anadiplose, a aliteración ('vista vidrada') e o refrán[2].

Linguaxe[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa obra, o autor adoita obviar nos seus escritos a normativa oficial do galego. Malia que na data da publicación estaban vixentes as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (acordadas en 1982 entre a RAG e o ILG), son comúns as desavinzas no vocabulario empregado. Ao tempo, aparecen numerosos estranxeirismos ('sports') e cultismos. Tamén aparecen castelanismos, como o 'ai Dios Mio!' repetido como refrán en "Miña casiña, meu lar".

Temática[editar | editar a fonte]

Hai temas recorrentes das orixes prehistóricas de Galiza, como as representacións dos petróglifos con figuras como as serpes, cervos (figura estudada por Ferrín no estudo Cancioneiro de Pero Meogo, publicado en 1968), espadas e labirintos. Homenaxéase a autores clásicos da poesía da literatura galega, como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Antonio, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro.

A temática política está tamén presente, criticando duramente a represión sufrida en Galiza en diversos momentos históricos. Tamén hai lugar para a política internacional, con mencións ao réxime comunista en Cuba. A historia de Galiza aparece reflectida con personaxes como Prisciliano, o rei Don García. Amais, faise mención decote á xeografía de Galiza, tanto urbana como rural. Mención especial merecen os lugares nos que viviu Ferrín, como Ourense, Vilanova dos Infantes ou barrios de Vigo como O Berbés ou Teis.

O mar é o protagonista dos once poemas de "Quai des Brumes", facendo mención a clásicos da literatura universal como Victor Hugo ou Daniel Defoe, a persoeiros galegos como Benito Soto ou Urbano Lugrís, e a lugares como Lisboa, Londres, as illas Ons e Cíes, Aldán ou A Moureira.

Ilustracións[editar | editar a fonte]

Os textos aparecen acompañadas de numerosos debuxos de Gonzalo Araúxo, con técnicas como a pintura e o gravado. A maioría usan a cor negra en diferentes escalas, se ben hai algunha ilustración policromada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Boletín galego de literatura nº 7 (maio de 1992), pp. 149-154.
  2. Salgado, X. M. (2006): "Cando a poesía é vida. En las orillas del Sar de X. L. Méndez Ferrín". Madrygal. Revista de Estudios Gallegos: 9, 115-120.