Estereopticón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O estereopticón (tamén chamado biógrafo-estereopticón) é un aparello proxector similar á lanterna máxica, aínda que proporciona maior claridade e tamaño na proxección. O dispositivo dispón de dúas lentes, que permiten fundir as imaxes.

O termo estereopticón foi habitualmente mal empregado para referirse ao estereoscopio. Con todo, un estereopticón non proxecta nin mostra imaxes estereoscópicas ou tridimensionais (3-D). As dúas lentes son usadas para fundir as imaxes cando son proxectadas. Así, todos os estereopticones poden ser clasificados como lanternas máxicas, pero non todas as lanternas máxicas son estereopticones.

Historia[editar | editar a fonte]

Estes aparellos remóntanse a mediados do século XIX e eran unha forma popular de entretemento e educación antes da chegada das imaxes en movemento e do cine propiamente dito.

Os americanos William e Frederick Langenheim introduciron a tecnoloxía de diapositiva do estereopticón (as exposicións de diapositivas de fotografías proxectadas sobre o cristal) en 1850. Por só dez centavos, a xente podía ver fotografías realistas sobre natureza, historia e temas científicos.

Ao principio, se mostraban as imaxes de forma aleatoria; pero co tempo empezáronse a colocar as diapositivas nunha orde lóxica, creando unha narrativa. Esta narración visual precedeu directamente ao desenvolvemento das primeiras imaxes en movemento.

Fabricado industrialmente pola empresa francesa Pathé Frères (dos irmáns Émile e Charles Pathé), o estereopticón acapararía a cinematografía mundial até a primeira guerra mundial, cando a produción norteamericana comeza a rexer.