Estadio El Sadar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Estadio Reyno de Navarra")
El Sadar
ReynodeNavarra.JPG
Datos
Localización Pamplona
España España España
Construción
Inauguración 2 de setembro de 1967
Arquitecto Tomás Arrarás
Custo 61.000.000 ptas
Estadio
Superficie Céspede
Dimensións 105 x 67,5 m
Capacidade 19.800
Propietario CA Osasuna
Localía CA Osasuna

El Sadar (coñecido como Reyno de Navarra entre 2005 e 2011 por motivos publicitarios) é un estadio situado en Pamplona (Navarra, España), onde xoga como local o CA Osasuna, equipo de fútbol de Primeira División.

O estadio, inaugurado o 2 de setembro de 1967, ten unha capacidade máxima de 19.800 persoas, todas sentadas (no seu día tivo un aforamento de 30.000 persoas aínda que a maioría eran localidades do montón). As dimensións do campo son 105 metros de longo e 67,5 de ancho.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi remodelado en 1989 coa construción da Tribuna de Preferencia Alta.

En 1998 acolleu a primeira tenda oficial do club, e o 29 de maio de 1999 inauguráronse as oficinas na parte traseira do estadio, situadas anteriormente na Praza do Castelo de Pamplona. En xaneiro deste ano instalouse un videomarcador no ángulo norte, e o 13 de novembro inaugurouse a nova sede social e a sala de xuntas.

Na tempada 99-00 instaláronse dous restaurantes no exterior do estadio, e a sala de prensa cambiou de localización.

Na tempada 02-03 estreáronse novas cabinas de prensa, que foron recolocadas na zona máis alta do estadio, e a antiga zona transformouse en localidades VIP. Tamén se instalou un novo túnel de vestiarios telescópico, e no exterior montáronse dúas lonas con imaxes osasunistas.

Máis adiante, ampliáronse as oficinas coa construción de tres novos despachos e unha nova sala de reunións, e o 14 de maio de 2003 inaugurouse un local para a Federación de Penas Osasunistas. No verán acometeuse unha remodelación total da bancada, alzando a parte baixa case 2 metros do céspede, retirando o mítico valo de separación co terreo de xogo, mellorando así a visibilidade do campo. Ampliáronse as bandas e os fondos, e os vellos bancos substituíronse por uns modernos de metacrilato. Instaláronse novos videomarcadores en cada fondo, e ademais inaugurouse a nova sede da Fundación Osasuna na fachada do estadio.

Desde a súa inauguración ata finais de 2005 recibiu o nome de Estadio do Sadar en honra ao río Sadar que atravesa a capital navarra moi preto do estadio. A partir de 2006 cambiou o seu nome polo de Reyno de Navarra, tras alcanzar Osasuna e Goberno de Navarra un acordo de patrocinio mediante o cal Osasuna recibiría 1,5 millóns de euros durante tres anos. Reyno de Navarra é a marca creada polo Executivo foral para promocionar o turismo en Navarra. Un partido entre a selección de Navarra e a selección da China, disputado o 29 de decembro de 2005, foi o primeiro partido que acolleu o estadio coa súa nova denominación.[1]

En decembro de 2006[2] o club propuxo un ambicioso proxecto de reforma do estadio, consistente en derrubar as 4 esquinas para construír novos palcos, oficinas e locais comerciais, a derriba da anticuada cuberta para ser substituída por outra que mellore a visibilidade do campo e evite as pingueiras, a construción de novos boxes privados e a total reforma da fachada e do aspecto interior e exterior do estadio. O club ten a intención de pagar as obras cos beneficios que adquirirá do aluguer de oficinas, locais comerciais e boxes. A reforma debe ser aprobada polo concello de Pamplona.

O día 4 de maio de 2008, por primeira vez na historia, un equipo proclamábase campión da Primeira División Española no Reyno de Navarra, era o Real Madrid, que gañou por 1-2.

Notas[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]