Estación de autobuses

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estación de autobuses de Pontevedra.
Estación de autobuses interurbanos cataláns en Granollers (Cataluña).
Unha estación de autobuses moi importante, en Ancara (Turquía).
Dársena na Estación de autobuses de Kusatsu-Onsen (Xapón).

Unha estación de autobuses,[1] tamén denominada terminal de autobuses, é unha estrutura de correspondencia entre varias liñas de transporte público que circulan por estradas (autobuses ou trolebuses), na que se verifican as saídas de vehículos a diferentes cidades ou vilas, así como as entradas doutros procedentes dos mesmos lugares.

Poden implicar redes de diferentes tamaños, e así, poden ser urbanas/suburbanas, rexionais, interrexionais ou incluso internacionais. Cando proporcionan unha correspondencia cun modo de transporte público diferente (ferrocarril, metro, tranvía), cualifícase como estación intermodal.

Os autobuses colócanse en dársenas nas que se apean e soben os pasaxeiros.

As estacións de autobuses poden pertenceren ao transporte privado ou público.

Algunhas destas terminais tamén inclúen outros servizos comerciais para servir aos pasaxeiros como restaurantes e tendas, entre outras cousas.

Características[editar | editar a fonte]

Unha estación de autobuses difire dunha simple parada de autobús polo seu tamaño e polas infraestruturas que posúa, que poden ser en forma dun edificio que alberga tanto as dársenas como diversos servizos para os pasaxeiros como: sala de espera, quioscos de prensa, despachos de tabaco, bebidas, restaurante, caixa de venda de billetes e tarxetas de bono, servizos hixiénicos (lavabos, urinarios, retretes) etc.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia destas estacións comezou en 1830 a partir da invención do autobús (bus en inglés) en Londres, Inglaterra.

Despois de varios anos en que se usaron experimentalmente, chegaron aos Estados Unidos de Norteamérica en 1920 e, na seguinte década, desenvolveuse a construción de terminais polo resto dos países.

A maior estación do mundo é a Estación Central de Autobuses de Tel Aviv en Israel, aberta en 1993, que ocupa unha superficie de 44.000 m².[Cómpre referencia]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. estación, 2ª acep. no dicionario da RAG.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]