España 2000
| España 2000 | |
|---|---|
| Partido político de España | |
| Fundación | xullo de 2002 |
| Sede | Gran Vía Marqués del Turia, 28, 7ª, Valencia |
| Ideoloxía | Ultradereita Populismo Nacionalismo español |
| Representación | 2 concelleiros |
| Publicación oficial | En Marcha |
| Páxina web | Web oficial de España 2000 |
España 2000 é un partido político español de extrema dereita que se autodefine como patriótico, social e populista. Na actualidade non ten representación parlamentaria, tendo certa presenza na Comunidade Valenciana e cunha popularidade menor en Cataluña, Granada e Madrid.
Homólogos en Europa serían a Fronte Nacional de Le Pen (que asiste ós congresos de España 2000) en Francia ou o Partido Liberal de Haider en Austria.
Ideoloxía[editar]
España 2000 aboga por un conservadurismo con matices, centrándose na defensa do modelo de familia e matrimonio tradicional. Algúns dos seus puntos básicos son a loita contra movementos independentistas, okupas ou antifascistas, a defensa da unidade de España, o endurecemento do control de fronteiras para impedir a inmigración ilegal así como a expulsión dos inmigrantes ilegais que se atopen no país, o fomento da inversión en gastos policiais e militares, o endurecemento das penas para delitos de terrorismo, e a discriminación cara a residentes extranxeiros á hora de acceder a un traballo, outorgando prioridade ós cidadáns españois.
Clasifícase pola súa radicalidade como estrema dereita, aínda que se autodefine como un partido populista, social e democrático. Os seus líderes son os empresarios José Luis Roberto e Salvador Gamborino. José Luis Roberto, presidente actual do partido, é á súa vez avogado e secretario xeral técnico de ANELA, a Asociación Nacional de Empresarios de Locais de Alterne (a maior organización de proxenetas de España, demandante da legalización da prostitución) e dono da empresa de seguridade "Levantina".
España 2000 foi o nome dunha plataforma que albergaba a varios partidos, como Democracia Nacional, que a abandoou ó coñecer que José Luis Roberto tiña lazos co negocio da prostitución. Este mismo feito é actualmente o que provoca as maiores discrepancias e o rexeitamento de varios sectores da estrema dereita cara a España 2000, tales como o xa citado partido Democracia Nacional ou a agrupación neonazi Alianza Nacional.