Esfírnidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esfírnidos
(Sphyrnidae)
Peixes martelo

Rango fósil: mioceno medio actualidade [1]

Sphyrna lewini
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Superorde: Selachimorpha
Orde: Carcharhiniformes
Familia: Sphyrnidae
T. N. Gill, 1872
Distribución dos esfírnidos
Distribución dos esfírnidos

Distribución dos esfírnidos
Xéneros

A dos esfírnidos (Sphyrnidae) é unha familia de tiburóns da orde dos carcarriniformes (Carcharhiniformes) que agrupa 9 especies coñecidas vulgarmente como peixes martelo,[2][3] e tamén como martelos,[2] cornudas[2][4] e tiburóns martelo,[4][5] debido á súa peculiar característica de teren a cabeza prolongada cara aos lados, adoptando unha forma de "T", cos ollos situados en cada un dos extremos. Esta forma lles proporciona unha mellor visión,[6] tanto do campo visual como na visión esteroscópica,[7], así como un olfacto máis desenvolvido.[8]

A familia está constituída por dous xéneros e foi descrita en 1872 polo zoólogo estadounidense Theodore Nicholas Gill (1837-1914).

Características[editar | editar a fonte]

Porción anterior de dous peixes martelo (Sphyrna zygaena).

Os tiburóns martelo son mariños e costeiros, adentrándose ocasionalmente en augas salobres. Viven en todos os océanos, pero especialmente nos cálidos.

Teñen a cabeza moi expandida lateralmente, cos ollos e os orificios nasais moito máis amplamente separados que nos demais tiburóns. Non teñen espiráculos.

O tiburón martelo xigante (Sphyrna mokarran) pode superar os 6 m de lonxitude e pesar case media tonelada.[9] A gama das nove especies coñecidas vai de 0,9 a 6 m de longo.

En xeral son de cor gris clara, con tonalidades verdosas, no dorso, sendo o ventre abrancazado.

A forma de martelo da cabeza pode que evolucionara, polo menos en parte, para mellorar a visión do animal. O posicionamento dos ollos, situados nos lados do martelo distintivo, poden dar unha visión binocular, así como un campop visual de 360º no plano vertical, o que significa que estes animais poden ver arriba e debaixo deles en todo momento.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Tiburón martelo nadando en augas de Costa Rica.
Grupo de tiburóns martelo nas augas das illas Galápagos.

Aliméntanse dunha ampla variedade de peixes óseos, elasmobranquios, cefalópodos, crustáceos etc. Os xuvenís, que nacen totalmente desenvolvidos, son coñecidos por comeren unha gran variedade de produtos, entre eles peixes, luras, polbos, crustáceos e outras especies de tiburóns martelo; as raias son unhas das súas presas favoritas.

Estes tiburóns encóntranse moitas veces nadando ao longo do fondo do océano, espreitando ás súas presas. Utilizan a súa cabeza como unha arma máis para cazar.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os tiburóns martelo só se reproducen unha vez ao ano e, en xeral, esta función prodúcese cando o macho morde á femia con violencia até que ela acepta aparearse con el. Ao igual que noutros tiburóns, a fecundación é interna e o esperma masculino transfírese á femia a través dun dos dous órganos copuladores do macho.

Son ovovivíparos. Os embrións ao principio mantéñense a expensas do saco vitelino e, cando a subministración da xema do ovo se esgota, o empobrecido saco vitelino transfórmase nunha estrutura similar a unha placenta dos mamíferos (chamada "saco vitelino placenta" ou "pseudoplacenta"), a través da cal a nai proporciona o alimento ao embrión até o nacemento.

Unha vez que os tiburóns martelo nacen, non son atendidos polos pais. En xeral as camadas son de 12 a 15 crías, a excepción do tiburón martelo xigante, que ten de 20 a 40 crías.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Os esfírnidos inclúen dous xéneros e nove especies:[10]

En Galicia[editar | editar a fonte]

En augas próximas á nosa comunidade tan só aparece citada a especie Spyrna zygaena.[2][3][5][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sepkoski, Jack (2002): "A compendium of fossil marine animal genera" (Chondrichthyes entry). Bulletins of American Paleontology, 364: 560. [1] Arquivado 10 de maio de 2012 en Wayback Machine.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Ríos Panisse (1977), pp. 185-186.
  3. 3,0 3,1 Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 42.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 183.
  5. 5,0 5,1 Rodríguez Villanueva et al. (1992), pp. 68-69.
  6. "Hammer" heads give sharks super vision: study. World Science.
  7. McComb D. M.; Tricas, C. e Kajiura, S. M. (2009): "Enhanced visual fields in hammerhead sharks". Resumo J. Exp. Biol., 212: 4010-4018.
  8. Jayne M. Gardiner & Jelle Atema (2010): "The Function of Bilateral Odor Arrival Time Differences in Olfactory Orientation of Sharks", Current Biology, 10 de xuño de 2010.
  9. Características de Sphyrnidae Arquivado 29 de maio de 2020 en Wayback Machine. Froese, R. e D. Pauly. (eds.) (2009): FishBase. World Wide Web electronic publication. Versión 10/2009.
  10. Lista de especies de Sphyrnidae Froese, R. e D. Pauly (eds.) (2009): FishBase. World Wide Web electronic publication. Versión 10/2009.
  11. Solórzano et al. (1988), p. 13.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Moreno, Juan A. (2004): Guía de los tiburones de aguas ibéricas, Atlántico nororiental y Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 978-84-282-1367-7.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1997): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Comnpostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]