Escudo dos Estados Federados de Micronesia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coat of arms of the Federated States of Micronesia.svg

O escudo dos Estados Federados de Micronesia é un selo de forma circular, e figura nel unha palmeira sobre un illote representado esquematicamente de cor marrón. A palmeira e o illote están situados sobre un fondo de cor azul escura que simboliza o Océano Pacífico. Sobre o océano aparecen representados, de cor azul clara, o ceo e a bandeira da Federación coas súas catro estrelas brancas, de cinco puntas cada unha, que simbolizan os catro grupos de illas que se uniron para formar os Estados Federados de Micronesia.

Baixo a palmeira, nunha fita de cor branca, pode lerse o lema nacional, “Peace, Unity, Liberty” (“Paz, Unidade, Liberdade”). Debaixo da fita figura o número 1979, ano no que catro dos distritos do Territorio Fiduciario ratificaron unha nova Constitución para converterse nos Estados Federados da Micronesia.

O fondo de cor azul (claro e escuro) está rodeado por un bordo de cor branca, limitado na súa parte exterior por unha trama de cor azul. Neste bordo aparece escrita a lenda: “Government of the Federated States of Micronesia” (“Goberno dos Estados Federados de Micronesia”).