Escudo de Cataluña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de Cataluña

O escudo de Cataluña é o símbolo heráldico do territorio catalán. O seu derivado, a senyera de Cataluña é un símbolo oficializado pola Generalitat catalá incluído no Estatuto de Cataluña. O escudo, con todo, non é oficial.

Blasonado[editar | editar a fonte]

En campo de ouro catro paus de goles. Por timbre unha coroa de rei pechada.

Historia[editar | editar a fonte]

Dado que a configuración de Cataluña non se dá na súa forma actual até o século XV, non se desenvolveu un único símbolo heráldico para o conxunto do territorio catalán. Neste territorio, a diferenza doutros da Coroa de Aragón, os condados cataláns e os seus titulares mantiveron un alto grao de presenza política, e cuxa heráldica perdurou nas áreas nas que se estenderon, como no caso das armas do Condado de Urgell ou de Empúries.

A heráldica da Coroa outorgaba os permisos para que algunhas cidades selectas puidesen levar nalgún campo os catro paus de goles así como a institucións da coroa. Este é o caso da Generalitat de Cataluña que adoptou practicamente desde os seus inicios o escudo de armas do monarca. Con todo tamén comezou a empregarse, na medida que a Generalitat ía gañando peso político a cruz de San Xurxo (en campo de prata, unha cruz de goles), sendo este santo moi venerado e patrón de Cataluña. Este símbolo foi inicialmente usado pola cidade de Barcelona no seu escudo como símbolo da cidade (que tamén combinaba coas armas do rei), e que por extensión simbolizaría ao Condado de Barcelona. A miúdo a representación da Generalitat catalá facíase mediante dous escudos separados, un o real e outro o de San Xurxo (coherente quizais coa doutrina pactista deste órgano de goberno), así como, posteriormente, combinándoos mediante cuartelado en cruz. Posto que esta representación coincidía coa da súa cidade capital e condado principal, durante os séculos XVI e XVII aparecen símbolos territorializados que representan este escudo como símbolo do conxunto de Cataluña. Outras argumentacións xustifican esta coincidencia coa atribución deste signo da cidade de Barcelona nalgúns mapas e portolanos posteriormente reproducidos sen contrastar.[1]

Durante a guerra de sucesión española a Generalitat adopta o símbolo real da Coroa como propio, en tanto que a institución considerábase soberana do poder real. Tras a perda dos foros e institucións propias debido á vitoria borbónica, pérdese o uso do símbolo.

Posteriormente, a Renaixença revisou os símbolos propios de Cataluña, adxudicando o escudo real como o territorial, e sería o símbolo da demanda de autogoberno tal como foino o uso da bandeira derivada, a senlleira. Ademais, daríase por seguro a orixe das armas reais á Casa de Barcelona, previa á súa unión coa casa do reino de Aragón, sendo este un obxecto de discusión actual.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]