Escola alemá de esgrima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Loita con espadas longas recollido no Cod. I.6.2º.1 mandado recopilar por Paulus Hector Mair arredor de 1561, copiado dun manuscrito escrito por Hans Talhoffer entre 1446 e 1459

A escola alemá de esgrima (en alemán Deutsche Fechtschule) é o sistema histórico de combate ensinado no Sacro Imperio Romano Xermánico durante a Baixa Idade Media, o Renacemento e ata o comezo da Idade Moderna, nun período que abranque entre os século XIV ao XVII tal como se describe nos Fechtbücher ("manuais de combate") escritos durante ese tempo. Na época coñecíase como Kunst des Fechtens ("Arte da loita") e difería considerablemente da esgrima moderna. Desenvolvía principalmente técnicas para o uso da espada longa con dúas mans, aínda que tamén describía moitos outros tipos de combate, combate de a cabalo, loita corpo a corpo, loita con armas de hasta, con dagas, con messer con ou sen broquel, e con varas.

Fundamental na conformación da escola foron as ensinanzas do mestre de armas do século XIV Johannes Liechtenauer, o manuscrito coñecido como Ms. 3227a e datado en 1389 é o máis antigo que recolle as súas ensinanzas pero ao longo do XV e XVI viron a luz moitos outros tratados inspirados nas súas técnicas, o libro de Joachim Meyer "Gründtliche Beschreibung der Kunst des Fechtens" dado ao prelo en 1570 consideráse o manual máis completo seguindo a tradición de Liechtenauer, aínda que tamén achega moitas novidades. Desde o século XVII á escola alemá substituíuna a escola italiana de esgrima con estoque. A partir do século XIX co inicio dos movementos de reconstrución, iniciado por Alfred Hutton, da esgrima histórica a espada longa alemá converteuse nun dos seus focos máis senlleiros.

Historia[editar | editar a fonte]

Imaxe dun combate procedente do manuscrito coñecido como Royal Armouries Ms. I.33

primeiro documento que amosa técnicas de esgrima alemás é o coñecido como Royal Armouries Ms. I.33, escrito arredor de 1300. Pero foron as técnicas e ensinanzas de Johannes Liechtenauer as que conformaron o inicio do que se coñece como a escola alemá, deixando un bo número de discípulos que espallaron os seus métodos polo mundo xermánico, recolléndoas tamén por escrito en varios manuscritos, o máis antigo é o Ms. 3227a de 1389 que menciona tamén varios mestres que seguían as técnicas de Liechtenauer: Hanko Döbringer, Andres Jud, Jost von der Nyssen e Niklaus Preuss. Outros famosos discípulos foron Peter von Danzig, Sigmund Ringeck e Paulus Kal. No século XV xurdiu a Irmandade de San Marcos (Marxbrüder) que gozou dun monopolio case absoluto do ensino da esgrima no espazo xermano entre 1487 ata 1570 [1], salientando a fins do século XV mestres como Johannes Lecküchner, Hans von Speyer, Peter Falkner e Hans Folz. No século XVI a tradición converteuse máis nun exercicio deportivo e menos nunha arte marcial designada para duelos xudiciais ou para a guerra, aínda así seguiu a utilizarse para a autodefensa e non chegou a converterse completamente nun combate deportivo, sería máis tarde a fins do século XVIII canda a utilización do termo 'Versportlichung' que describe esa mudanza dun sistema de combate para un sistema de artes marciais deportivas, caracterizado pola utilización de espadas pequenas.[2]

A mediados do século XVI realizáronse as primeiras tentativas de preservación e reconstrución do que viña sendo a escola alemá, en especial grazas aos esforzos de Paulus Hector Mair. A fundación do Federfechter en Viena en 1570 insírese neste último período. A fase final da tradición vai do século XVI a principios do XVII, con mestres como Joachim Meyer e Jakob Sutor. No século XVII a esgrima con estoque da escola italiana convértese no referente, con figuras como Salvator Fabris', e a tradición alemá decaeu, considerándose algo vello e sen refinamento entre a nobreza da época barroca, e lentamente quedou arredada das escolas de esgrima da nobreza. O estoque tiña a avantaxe que se adaptaba ben á moda de vestir do seu tempo, mentres que as espadas longas eran grandes de máis para andar con elas e como constatou Jean Daniel L'Ange en "Deutliche und gründliche Erklärung der adelichen und ritterlichen freyen Fecht-Kunst" (1664) é máis fácil matar un home armado cunha pistola cá cun estoque a cortas distancias utilizando unha boa técnica que facelo cunha espada longa antes que o adversario faga o primeiro tiro.[3] Non obstante, fóra da nobreza a escola alemá aínda seguía a ter certo predicamento, o derradeiro mestre coñecido en seguir a tradición alemá foi Theodori Verolini[4] que en 1679 publicou o libro Der Kůnstliche Fechter baseado no de Joachim Meyers.

Tamén hai pinturas de mediados do XVIII[5] nas que se ve a tiradores usando longas espadas da época en escolas Marxbrüder e Federfechter, pero non hai certeza se son anacronismos ou esgrimistas da época que aínda seguían a tradición de Liechtenauer.[6] En 1726, Gottfired Rudolf Pommer auf Bugenhagen menciona na súa obra "Sammlung von Merktwurdigkeiten"[7] o uso de espadas longas no seu tempo en escolas Marxbrüder e Federfechter. Pero tamén é certo que moitos esgrimistas do XVIII vían as espadas longas como unha curiosidade e é probable que só se ensinase nunhas poucas escolas Marxbrüder e Federfechter e nalgunha escola teatral.[8][9] Os últimos tiradores de espada longa deberon desaparecer coa disolución do Marxbrüder e Federfechter a fins do XVIII e principios do XIX.[10][11]

Difusión[editar | editar a fonte]

A escola alemá practicouse ao longo de todo o Sacro Imperio Xermánico, pero tamén tivo difusión fóra; o mestre italiano Fiore di Liberi fai mención ao seu mestre alemán que fora estudante de Nicholai de Toblem."[12] Sábese que en Francia, España e Inglaterra houbo mestres alemáns que ensinaron a súa arte.[13] Mesmo Karl Ludwig Blum comenta que houbo mestres que deron leccións á nobreza no Gran Ducado de Moscova.[14] Karl Wassmannsdorff escribiu que a escola alemá era moi popular en Europa, e mesmo en 1614 moitos mestres de armas baseaban os seus estilos de loita nesa tradición (por exemplo Joachim Meyer baseou o seu estilo de estoque nos principios de Lichtenauers), que estaba considerada a máis efectiva e eficiente.[15][16]

Disciplinas[editar | editar a fonte]

Á esquerda tirador na posición coñecida como pflug mentres o da dereita está na posición coñecida como ochs. Folla 1 do Cod. 44 A 8 (1452)

Johannes Liechtenauer baseou o seu sistema de esgrima no uso da espada longa que requería as dúas mans, usándoa para exemplificar varios principios xerais que tamén se aplicaban a outras disciplinas dentro da tradición. Ensinábase tamén a loita corpo a corpo (Ringen), así como a loita co messer e co caxato. Tamén formaban parte da formación a daga Degen (especialmente a daga rondel) e as armas hastadas. Outras dúas disciplinas ademais da Blossfechten tiñan que ver coa espada: esgrima con espada utilizando unha soa man e con broquel (ou un longo escudo no caso de combates xudiciais dacordo coa lei suaba), e a loita con armadura (Harnischfechten), reservada só á nobreza.

Na folla 2. á esquerda o tirador está na posición coñecida como vom tag e o da dereita na alber

A disciplina principal era a Blossfechten, a loita sen armadura utilizando unha espada longa. O sistema baseábase en cinco golpes denominados Meisterhäue (golpes do mestre) que eran golpes clave que tiñan como función manter a iniciativa ou romper a garda do opoñente, doce 'pezas mestras' ("hauptstücke") que categorizan os principais compoñentes da arte, e cinco palabras (fünf Wörter) relacionadas con conceptos de sincronización e avantaxe estratéxica:'antes', 'despois', 'feble', 'forte' e mentres que son o alicerce e centro de todo combate, a pé ou de a cabalo, con ou sen armadura. Os termos 'antes' (vor) mais 'despois' (nach) corresponden a accións ofensivas e defensivas. Así vor, un dita as accións do seu opoñente e así leva o control pola contra en nach, un responde ás decisións realizadas polo seu opoñente. Co sistema de Liechtenauer un combatente ha sempre procurar levar o control da loita, isto é estar en vor. Os termos 'forte' (stark) e 'feble' (swach) están en relación coa cantidade de forza que se aplica na bater das espadas. Aquí precísase contrarrestar a acción do opoñente cunha reacción complementaria; a fortaleza contrarréstase coa febleza e a febleza con fortaleza. 'mentres' (inde) refírese ao tempo que precisa o opoñente para realizar unha acción. No intre do contacto coa folla do opñente, un tirador experimentado usa o 'sentimento' (fühlen) para sentir inmediatamente a presión do opoñente para saber se ha utilizar a forza ou a febleza contral el e entón atacará usando o "vor" ou permanecerá á espera ata que o seu opoñente actúa, dependendo do que sinte que é máis acertado. Cando o seu opoñente comeza a actuar, o tirador actúa "indes" (mentres) e volve ao "vor" antes que o seu opoñente remate a acción.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Karl Friedrich Wilhelm Wander (Hrsg.): Deutsches Sprichwörter-Lexikon, Band 3. Leipzig 1873, Sp. 476
  2. Wir lernen Fechten. skg-im.net
  3. Deutliche und gründliche Erklä – Titel – Digitale Sammlungen. Digital.ub.uni-duesseldorf.de. Consultado o 2-9-2013.
  4. Theodori Verolini – Wiktenauer, the world's largest collection of HEMA resources. Wiktenauer.com (2013-02-02). Consultado o 2-9-2013.
  5. JPG image. files.wordpress.com
  6. Fechtschule; Germany, 18th ct. | The Secret History of the Sword. Fencingclassics.wordpress.com (2010-01-22). Consultado o 2-9-2013.
  7. Projekt Literaturkritik. Phf.uni-rostock.de. Consultado o 2-9-2013.
  8. Heidemarie Bodemer (2008) as Fechtbuch. Thesis. Institut für Kunstgeschichte. uni-stuttgart.de
  9. 1745 a Fechtschul of the Marxbrüder in Frankfurt « Hans Talhoffer. Talhoffer.wordpress.com. Consultado o 2-9-2013.
  10. Alexander Kiermayer. Geschichte deutschen Fechtkunst bis 1900. schwertkampf-ochs.de
  11. Marxbrüder und Federfechter « Stahl auf Stahl » Schwertkampf und Ringen. Stahlaufstahl.de (2013-02-05). Consultado o 2-9-2013.
  12. Journal of Western Martial Art. Ejmas.com. Consultado o 2-9-2013.
  13. Schematismus für das Königreich Böheim. Schönfeld-Meißnerische Buchh.. 1789. pp. 265–. http://books.google.com/books?id=EbAAAAAAcAAJ&pg=PA265. 
  14. Karl Ludwig Blum Ein russischer Staatsmann: Des Grafen Jakob Johann Sievers Denkwürdigkeiten zur Geschichte Rußlands, Band 1
  15. Aufschlüsse über Fechthandschriften und gedruckte Fechtbücher des 16. und 17. Jahrhunderts
  16. Friedrich Wilhelm Karl Sechs Fechtschulen (d. i. Schau- und Preisfechten) der Marxbrüder und Federfechter aus den Jahren 1573 bis 1614
  17. Abnemen. Higginssword.org. Consultado o 2-9-2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]