Esclerénquima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Esclereida»)
Fibras do esclerénquima.
Corte transversal dun talo de liño. As fibras do esclerénquima forman un anel.
Lenda:
1. medula
2. protoxilema
3. xilema I
4. floema I
5. fibras do esclerénquima
6. córtex
7. epiderme.

O esclerénquima (do grego scleros, duro, e enchyma, infusión, substancia) é un tecido de sostén vexetal formado por células de paredes duras e xeralmente lignificadas, que frecuentemente carecen de protoplasma vivo cando son adultas, que lle dan resistencia mecánica ás partes da planta que deixaron de crecer. Forma parte dos tecidos de sostén xunto co colénquima, pero este ten paredes primarias máis plásticas e células vivas, mentres que o esclerénquima ten paredes secundarias elásticas e duras, e frecuentemente as células están mortas.

Todas as células do esclerénquima teñen un sección poligonal e xeralmente un lume celular escaso. A lonxitude dalgunhas fibras do esclerénquima é extraordinaria, de ata varios cm (no liño ata 6,5 cm). Pola súa lonxitude e resistencia teñen aplicacións na industria téxtil. A resistencia á carga das fibras do esclerénquima na planta viva é comparable á do ferro, e a elasticidade é moito maior. Ao esclerénquima débese boa parte da resistencia dos troncos, raíces ou cascas e caguñas de froitos (drupas) e sementes.[1]

A forma, estrutura e orixe das células esclerenquimáticas é moi variada, pero xeralmente se distinguen dous tipos de células, chamadas fibras e esclereidas. En xeral as esclereidas son máis longas e en moitos casos orixínanse a partir da diferenciación de células parenquimáticas, e as esclereidas máis curtas e de orixe meristemática.

Tipos de células do esclerénquima[editar | editar a fonte]

Fibras do esclerénquima[editar | editar a fonte]

As fibras do esclerénquima forman cordóns espallados polo córtex ou están dispostos entre os tecidos vasculares, de modo tamén disperso ou formando vaíñas arredor dos feixes vasculares. Poden formar un sistema cilíndrico e ás veces poden chegar á epiderme formando costelas, como ocorre en gramíneas. Nalgunhas especies o parénquima está moi esclerotizado.

As fibras poden ter diversas procedencias. Poden orixinarse a partir do procámbium e cámbium (as asociadas aos vasos condutores) ou do meristema fundamental (as demais). As fibras orixinadas durante o crecemento primario xeralmente son de maior lonxitude ca as secundarias e inícianse antes de que o órgano se alongase.

Existen dous tipos de fibras do esclerénquima segundo a posición na que se atopen: fibras xilemáticas (situadas no xilema) e fibras extraxilemáticas (fóra do xilema).[2]

  • Fibras xilemáticas. Forman parte do xilema e orixínanse a partir dos meristemas que orixinan o resto do xilema. As súas paredes celulares están lignificadas, pero varía moito o grosor e as punteaduras que presentan. Parécense ás traqueidas e poderían ter evolucionado a partir delas, pero as fibras teñen punteaduras máis simples e son máis longas. Nalgúns casos conservan protoplatos vivos. Distínguense tres tipos: fibrotraqueidas, fibras libriformes e fibras septadas.
  • Fibras extraxilemáticas. Non forman parte do xilema e poden aparecer asociadas ao floema, estar arredor do cilindro vascular ou no córtex e poden formar aneis. Nas monocotiledóneas son o principal tecido de sostén, e poden formar aneis ou cordóns subepidérmicos ou corticais, ou vaíñas arredor dos feixes vasculares. Son fusiformes e longas, aínda que pode haber variacións. As paredes son moi grosas ata o punto que no liño poden supoñer o 90% da área da célula en sección, e, segundo as especie, poden estar lignificadas ou non. Presentan puntuacións simples e laminacións concéntricas.

Esclereidas[editar | editar a fonte]

Esclereida.

Poden atoparse esclereidas no córtex e na medula de ximnospermas e dicotiledóneas, situadas en grupos ou illadas ou formando, mesturadas coas fibras, un cilindro perivascular. Poden aparecer esclereidas tamén nas follas, sementes e froitos, nas que poden formar cascas duras (casca de noces, caguñas) ou estar espalladas pola polpa (granulacións das peras).[2]

As paredes secundarias varían en grosor e están normalmente lignificadas. Nalgunhas a cavidade celular está chea polo gran crecemento da parede, pero tamén as hai con paredes máis finas. Presentan puntuacións xeralmente simples. Poden conservar o protoplasto de adultas ou ser células mortas.

As esclereidas orixínanse ou ben a partir de células que se individualizan moi cedo na vida da planta para diferenciarse en esclereidas ou ben máis tarde a partir da esclerose de células parenquimáticas. Nos tecidos vasculares orixínanse a partir de células do procámbium e cámbium. As células pétreas incluídas no súber fórmanse a partir do felóxeno. As macroesclereidas que forman as cascas de sementes son de orixe protodérmica. Mesmo o parénquima do mesofilo da folla pode orixinar esclereidas. Nalgunhas plantas o crecemento das esclereidas non parece estar moi coordinado co do resto das células.

As esclereidas son extraordinariamente variadas en forma, tipo de parede e tamaño, polo que hai vairos tipos. Aínda que hai moitas formas de transición entre os distintos tipos, adoitan distinguirse os seguintes:

  • Braquiesclereidas ou células pétreas. Curtas, isodiamétricas, presentes en córtex, medula, floema e polpa das froitas.
  • Macroesclereidas. Grandes e alongadas. Por exemplo, na epiderme das sementes de leguminosas.
  • Osteoesclereidas. Rectas e cos extremos agrandados, polo que parecen ósos. Por exemplo, as que hai en cubertas de sementes e follas.
  • Astroesclereidas. Con moitas ramificacións e formas estrañas. Por exemplo, en follas de Camelia.
  • Filiformes. Longas e delgadas. Por exemplo, na folla de Olea europaea.
  • Tricoesclereidas. Parecidas a pelos, pero con ramificacións estendidas polos espazos intercelulares.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Strassburger, E. Tratado de Botánica. 7ª edición. Omega, Barcelona, Páxinas 134-135. ISBN 84-7102-990-1.
  2. 2,0 2,1 Esau, K. 1976. Anatomía Vegetal. Omega. Páxinas 226-246. ISBN 84-282-0169-2.