Escala Douglas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Escala Douglas é unha escala que clasifica os diferentes estados do mar en 10 graos tomando como referencia o tamaño das ondas. Foi creada polo vicealmirante inglés Henry Percy Douglas en 1917 en canto dirixía o Servizo Meteorolóxico da Armada Británica.

A escala ten dous códigos, un para estimar o estado do mar e o outro para describir a altura do mar. Esta escala adaptouse nos demais países recorrendo na maioría dos casos a nomes tradicionais que describían os diferentes estados do mar.

Descrición do estado do mar segundo o vento[editar | editar a fonte]

O "mar de vento" é o movemento das ondas xerado polo vento a soprar directamente sobre a área de mar observado ou na súa proximidade inmediata.

Grao Descrición do estado do mar Altura das ondas (m)
0 A superficie do mar está lisa coma un espello. Sen ondas
1 O mar comeza a rizarse por partes. 0 a 0,10
2 Fórmanse ondas curtas pero ben marcadas; comezan a romper as cristas formando unha escuma que non é branca senón de aspecto vidroso (ovellas). 0,10 a 0,5
3 Fórmanse ondas longas con cristas de escuma branca ben caracterizadas. O mar de vento é ben definido e distínguese facilmente do mar de fondo que puidera existir. Ao romper, as ondas producen un murmurio que se apaga axiña. 0,5 a 1,25
4 Fórmanse ondas máis longas, con cristas de escuma por todos os sitios. O mar rompe cun murmurio constante. 1,25 a 2,5
5 Comezan a formarse ondas altas; as zonas de escuma branca cobren gran superficie. O mar ao romper produce un ruído xordo como de arrolar cousas. 2,5 a 4
6 O mar alborótase. A escuma branca que se forma ao romper as cristas comeza a dispoñerse en bandas na dirección do vento. 4 a 6
7 Aumentan notablemente a altura e a lonxitude das ondas e das súas cristas. A escuma disponse en bandas estreitas na dirección do vento. 6 a 9
8 Vense ondas altas con longas cristas que caen como cadoiros; as grandes superficies cubertas de escuma dispóñense rapidamente en bandas brancas na dirección do vento; o mar colle todo el un aspecto abrancazado. 9 a 14
9 As ondas fanse tan altas que por veces as naves á vista desaparecen nos seus senos. O mar está cuberto de escuma branca disposta en bandas na dirección do vento e o ruído que se produce é forte e enxordecedor. O aire está tan cheo de salseiro, que a visibilidade dos obxectos afastados faise imposible. Máis de 14

Estado do mar[editar | editar a fonte]

As ondas do "mar de fondo" xérannas os ventos cando sopran sobre unha área do mar lonxincua e viaxan rapidamente sobre a superficie cun período regular e cumios chans. Son chamadas tamén "lombos de mar".

Grao Descrición Outras descricións, coloquiais e formais[1][2]
0 mar chan; mar calmo[3] calma finada, calma branca, calma podre, mar estañado, mar espellado, mar en calma
1 mar rizado[4] mar bo, mar liso, mar raso, mar manso
2 mar ovellado[5] de carneirada, mar teso, mar rixo, mar de vento, mar rizo
3 marusía[6] maraxiña, mar picado
4 forte marusía[7] mar roleiro, mar pescador, de pequena vaga
5 media vaga[8] mar gordo
6 vaga[9] mar duro, de vaga grosa, mareira
7 vagallón, mar arborado[10] mar bravo, tempestuoso
8 vagallón campal[11] mar moi bravo, moi tempestuoso
9 mar enorme[12] mar desfeito, mar confuso

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Núñez Singala, Manuel et al. (1988) "Vocabulario sobre o Medio Físico e o Asentamento Humano". Pontevedra: Xunta de Galicia.
  2. Brañas Pérez, P. (1991) Vocabulario das Ciencias Naturais Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Política Lingüística
  3. "mar chan". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  4. "mar rizado". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  5. "mar ovellado". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  6. "marusía". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  7. "forte marusía". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  8. "media vaga". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  9. "vaga". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  10. "mar arborado". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  11. "vagallón campal". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 
  12. "mar enorme". TERGAL. Consultado o 15/12/2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]