Lume bacteriano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Erwinia amylovora»)
Lume bacteriano (Erwinia amylovora)

Lume bacteriano da pereira.
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gamma Proteobacteria
Orde: Enterobacteriales
Familia: Enterobacteriaceae
Xénero: Erwinia
Especie: E. amylovora
Nome binomial
'Erwinia amylovora'
(Burrill 1882) Winslow et al. 1920

O lume bacteriano[1] (fire blight en inglés) é unha doenza que afecta a diversas especies de plantas da familia das rosáceas entre as cales se atopan diversas especies froiteiras, tales como pereiras (Pyrus), maceiras (Malus), marmeleiros (Cydonia) e nespereiras (Eryobotrya e Mespillus), así como a outras plantas ornamentais e silvestres: Amelanchier, Chaenomeles, Crataegus (estripeiros), Cotoneaster, Photinia davidiana, Pyracantha, Sorbus (sorbeiras) e as variedades ornamentais de Pyrus e Malus. O patóxeno causante é a bacteria Erwinia amylovora.[2]

A sensibilidade da enfermidade é moi diversa segundo especies e variedades. Os danos causados poden ser moi graves, especialmente en pereira, pode producir a morte da planta afectada nun período moi curto de tempo. Isto aumenta pola gran facilidade de propagación da doenza e porque non hai tratamentos químicos curativos.

Síntomas e danos do lume bacteriano[editar | editar a fonte]

Normalmente as segundas infeccións prodúcense na primavera. A partir da polinización das flores a doenza progresa de xeito descendente e vai afectando a follas e gomos; as flores e as follas toman un aspecto queimado, que dá nome á enfermidade. Os rebentos tenros murchan e, en ocasións, cúrvanse. A infección pasa ás franzas e pólas secundarias, ás principais e finalmente aos toros, causando finalmente que a árbore ou arbusto seque.

Medidas preventivas para evitar a propagación[editar | editar a fonte]

  • Vixilancia continua das plantacións: é imprescindíbel para localizar cedo o foco.
  • Esixencia do pasaporte fitosanitario: as partidas de vexetais susceptíbeis ao lume bacteriano que non vaian acompañadas do pasaporte fitosanitario CE co distintivo ZP poderán ser destruídas sen dereito a indemnización. Os fornecedores de material vexetal, así como as persoas físicas ou xurídicas que realicen plantacións con plantas susceptíbeis, deben conservar durante 3 anos os correspondentes rexistros.
  • Destrución de plantacións abandonadas: é de obriga arricar as plantacións de froiteiras desleixadas das especies sensíbeis.
  • Limitación da plantación de plantas ornamentais susceptíbeis: está prohibida a plantación de plantas susceptíbeis ao lume bacteriano en zonas axardinadas.

Medidas en caso de introdución da enfermidade[editar | editar a fonte]

En plantacións: arricar e destruír todas as plantas infectadas dentro dun radio mínimo 10 m da planta afectada.

Establecer unha zona de seguranza nun radio de 1 quilómetro, arrincando as plantas afectadas e prohibindo o transporte de vexetais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome como se recolle no Boletín Oficial del Estado (versión oficial galega)
  2. "Type strain NCPPB 683". Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2012. Consultado o 01 de outubro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]