Ernst Kretschmer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ernst Kretschmer

Ernst Kretschmer, nado en Heilbronn, Baviera o 8 de outubro de 1888 e finado en Tubinga o 8 de febreiro de 1964, foi un médico psiquiatra e neurólogo alemán.

Biografía[editar | editar a fonte]

Kretschmer estudou na Cannstatt Hochschule, unha das escolas de latín máis antigas de Stuttgart. De 1906 a 1912 estudou teoloxía, medicina e filosofía nas universidades de Tubinga, Múnic e Hamburgo. De 1913 a 1926 foi asistente en Tubinga, onde obtivo a súa praza en 1918.

Despois de ter estudado Medicina na Universidade de Tubinga, foi discípulo de Robert Gaupp e, posteriormente, profesor de Neuroloxía e Psiquiatría na mesma universidade.

Foi o primeiro en describir o estado vexetativo persistente, tamén coñecido como Síndrome de Kretschmer. Outro termo médico cuñado polo seu nome é a Paranoia Sensitiva de Kretschmer. Entre 1915 e 1921 desenvolveu o diagnóstico diferencial entre esquizofrenia e psicose maníaco-depresiva.

A partir de 1946, mentres se ocupaba do seu labor docente, tamén traballou na investigación. Reinstaurou en Alemaña, despois da guerra, os congresos neuropsiquiátricos e a Sociedade xermana de Neuroloxía e Psiquiatría (AÄGP), fundada o 12 de xaneiro de 1927, cunha presidencia que ocupou durante moitos anos. Tamén foi fundador e presidente da Sociedade de Investigacións Constitucionais e da revista de igual título. Nos últimos anos da súa vida realizou investigacións en psicoterapia e criminoloxía biolóxica.

Obra[editar | editar a fonte]

Foi coñecido sobre todo, polas súas investigacións sobre a relación que existe entre o temperamento e a constitución corporal. O labor de Kretschmer orientouse en tres direccións: as investigacións constitucionais, os problemas de psicoloxía médica e psicoterapia, e a investigación psiquiátrica. Estes traballos atópanse expostos nos seus libros: Körperbau und Charakter (Constitución e carácter, 1931), Medizinische Psychologie (Psicoloxía Médica, 1922), Geniale Menschen (Homes xeniais, 1929), Delirio sensitivo-paranoide, Hysterie, Reflex und Instinkt (Histeria, reflexo e instinto, 1927) e Psychotherapeuthische Studien (Estudos psicoterapéuticos, 1949).

En colaboración con Enke, escribiu A personalidade dos atléticos. Na súa obra Constitución e carácter ofrece a clasificación dos temperamentos, a cal alcanzou gran aplicación clínica. Parteu da observación de que a psicose maníaco-depresiva a padecían xeralmente aquelas persoas cun tipo corporal que el chamou pícnico, e de que a esquizofrenia se daba, polo contrario, noutro tipo morfolóxico oposto, que designou asténico. Logo ampliou esa mesma observación ao círculo familiar do enfermo e, despois, aos individuos normais. Aos tipos que encontrou no círculo familiar dos enfermos maníaco-depresivos e que estaban nas fronteiras do psicopático chamounos cicloides, e aos do esquizofrénico, esquizoides. Aos temperamentos normais dun e doutro grupo chamounos ciclotímicos e esquizotímicos respectivamente. Logo illou outro tipo corporal, o atlético, que relacionou co temperamento enequético.

En psicoloxía médica, estudou as funcións psíquicas utilizando os medios de investigación da psicoloxía evolutiva, e describiu os chamados mecanismos hiponoicos e hipobúlicos. Chamou mecanismos hiponoicos ás funcións psíquicas que se presentan con características parecidas no soño, nas hipnoses, no estado crepuscular do histerismo e nos trastornos mentais esquizofrénicos. Como estas funcións ofrecen analoxías con outras filoxeneticamente inferiores, considerounas como probables residuos destas. Os mecanismos hipobúlicos (movementos catatónicos do esquizofrénico, e tempestade de movementos e reflexo de inmobilización da histeria), que describe na esquizofrenia e a histeria, son reflexos peculiares da psicomotilidade que tamén puxo en relación con graos de expresión máis antigos da escala filoxenética.

En nosoloxía psiquiátrica contribuíu á revisión da teoría clínica da paranoia, concepto, segundo Kretschmer que engloba varias entidades clínicas afíns (o delirio sensitivo-paranoide, o delirio querulante e as psicose desiderativas). Ademais de describilas, fixo o diagnóstico diferencial coas parafrenias e personalidades psicopáticas. Na xénese destes grupos clínicos que describiu cita como factores coadxuvantes, principalmente, a predisposición paranoide da personalidade, pero tamén un conflito externo relacionado xeralmente coa insatisfacción sexual. Por iso mesmo teñen pronóstico favorable. Cursa sen alucinacións, nin destrución da personalidade; polo tanto, diferéncianse da esquizofrenia, aínda que hai casos que non se poden deslindar con exactitude das psicoses endóxenas.

Resultados[editar | editar a fonte]

Kretschmer parece ter demostrado que os caracteres morfolóxicos, tanto en psiquiatría como en tipoloxía, están en estreita conexión coas propiedades psicolóxicas. Así, substitúe a oposición entre o somático e o psíquico pola noción da unidade órgano-psíquica. Estes estudos foron un punto de partida para as investigacións ulteriores de William Herbert Sheldon, entre outros, e, máis recentemente, de Conrad.

A posición da psiquiatría actual fronte aos traballos de Kretschmer pódese resumir deste modo:

  1. Acéptase a descrición dos seus tipos somáticos, aínda que nalgúns casos hai dificultade para realizala.
  2. En liñas xerais, admítese a correspondencia de determinados caracteres psicolóxicos para cada un dos tipos morfolóxicos. En cambio, a relación entre o tipo constitucional e a enfermidade mental non é tan clara como pretende o autor; se ben é certo que o tipo inflúe na evolución do cadro clínico, o que máis se discute, é a maneira de establecer a graduación entre o temperamento esquizotímico e a esquizofrenia. A relación mellor fundada parece establecerse entre o ciclotímico e a psicose maníaco-depresiva.
  3. A nosoloxía psiquiátrica actual acepta o delirio sensitivo paranoide de Kretschmer como entidade clínica distinta da esquizofrenia e inclúeo dentro dos desenvolvementos delirantes. Tamén se aceptan os chamados mecanismos hiponoicos e hipobúlicos, aínda que non está clara a súa relación filoxenética.

Libros[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]