Eritrosa 4-fosfato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eritrosa 4-fosfato

Erythrose 4-phosphate.svg

Nome IUPAC (2,3-dihidroxi-4-oxobutil)
dihidróxeno fosfato
Outros nomes D-eritrosa 4-fosfato [1]
Fórmula empírica C4H9O7P
Masa molecular 200.084 g/mol
Estado físico/Cor
Número CAS 585-18-2
Propiedades
Densidade
Punto de fusión
Punto de ebulición
Solubilidade en auga

A eritrosa 4-fosfato [2] [3] ou eritrosa-4-fosfato [4] é o monosacárido derivado da eritrosa cun fosfato esterificado no carbono 4. Trátase dun azucre de 4 carbonos (tetrosa), cun grupo aldehido (aldosa) e un grupo fosfato no carbono 4. É un intermediario importante na ruta da pentosa fosfato e do ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese, e intervén tamén na síntese de aminoácidos aromáticos como tirosina, fenilalanina e triptófano.

Na ruta da pentosa fosfato[editar | editar a fonte]

A eritrosa 4-fosfato é un dos azucres que intervén na fase non oxidativa da ruta da pentosa fosfato. Orixínase na reacción entre a sedoheptulosa 7-fosfato e o gliceraldehido 3-fosfato catalizada polo encima transaldolase, na que se orixina frutosa 6-fosfato e eritrosa 4-fosfato [5].

sedoheptulosa 7-fosfato + gliceraldehido 3-fosfato eritrosa 4-fosfato + frutosa 6-fosfato

Na reacción final da ruta a eritrosa 4-fosfato reacciona coa xilulosa 5-fosfato, dando lugar a gliceraldehido 3-fosfato e frutosa 6-fosfato, pola acción da transcetolase.

eritrosa 4-fosfato + xilulosa 5-fosfato gliceraldehido 3-fosfato + frutosa 6-fosfato

No ciclo de Calvin[editar | editar a fonte]

No ciclo de Calvin da fase rexenerativa da fase escura da fotosíntese a eritrosa 4-fosfato orixínase na reacción do gliceraldehido 3-fosfato coa frutosa 6-fosfato, que é a mesma da ruta da pentosa fosfato, pero en sentido contrario.

gliceraldehido 3-fosfato + frutosa 6-fosfato eritrosa 4-fosfato + xilulosa 5-fosfato

Despois, a eritrosa formada reacciona coa dihidroxiacetona fosfato orixinando sedoheptulosa 1,7-difosfato [5]

eritrosa 4-fosfato + dihidroxiacetona fosfato sedoheptulosa 1,7-difosfato

Síntese de aminoácidos[editar | editar a fonte]

A eritrosa 4-fosfato intervén na síntese de aminoácidos aromáticos como fenilalanina, tirosina e triptófano. A fenilalanina é un aminoácido esencial para o home. As plantas sintetízana a partir de fosfoenolpiruvato e eritrosa 4-fosfato, as cales orixinan en varios pasos ácido siquímico, o cal nunha ruta de 5 reaccións orixina a fenilalanina. A partir de intermediarios da mesma ruta orixínanse nas plantas a tirosina e o triptófano. No home a tirosina pode sintetizarse a partir da fenilalanina, e o triptófano é esencial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ChemSpider d-erythose 4-phosphate
  2. PubChem compound Erythrose 4-phosphate
  3. CHEBI [1]
  4. MeSH erythrose-4-phosphate
  5. 5,0 5,1 A. Lehninger. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Páxinas 456-457, 665. ISBN 84-282-0738-0

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]