Enxeñaría de telecomunicación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A enxeñaría de telecomunicación é unha rama da enxeñaría, que usa a electrónica para resolver problemas de deseño electrónico, interconexión de redes e transmisión de sinais. O termo telecomunicación refírese á comunicación a distancia. Isto inclúe moitas tecnoloxías, como radio, telegrafía, televisión, teléfono, comunicacións de datos e redes informáticas.

A definición dada pola ITU (International Telecommunication Union) para telecomunicación é toda emisión, transmisión e recepción de signos, sinais, escritos e imaxes, sons e informacións de calquera natureza, por fío, radioelectricidade, medios ópticos ou outros sistemas electromagnéticos.

En Galiza impártese na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, da Universidade de Vigo, adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Historia[editar | editar a fonte]

Obviando posibles predecesores na mitoloxía grega, a mensaxería a cabalo e os sinais de fume, a Enxeñaría de Telecomunicación tal e como se concibe actualmente comezou coa telegrafía. Dende os seus inicios estivo profundamente vinculada á electrónica de sinal. Nalgúns países coñécese como enxeñaría electrónica.

Nos últimos anos, e aproveitando o desenvolvemento da informática, experimentou un auxe moi notable, aparecendo novas ramas baseadas nos sistemas dixitais de emisión e recepción, con novas ramas como a telemática e a telefonía móbil ou celular.

Áreas do coñecemento[editar | editar a fonte]

Os elementos dun sistema de telecomunicación son un emisor, un medio e un receptor. O emisor é un dispositivo que transforma ou codifica a mensaxe nun fenómeno físico, o sinal. O medio de transmisión, pola súa natureza física, tende a modificar ou degrada-lo sinal no seu traxecto dende o emisor ó receptor. O receptor pode requirir un mecanismo de decodificación para recupera-la mensaxe a partir do sinal recibido. Este mecanismo pode ser deseñado para tolerar unha degradación significativa do sinal. Nalgúns casos o receptor é o ollo ou o oído humano (ou outro órgano sensorial) e a recuperación do sinal realízaa o cerebro

A telecomunicación pode ser punto a punto, punto a multipunto ou broadcast (difundida), que é unha forma particular do punto a multipunto que vai só dende o transmisor ós receptores.

Campos de acción[editar | editar a fonte]

Uns dos papeis do enxeñeiro de telecomunicación en canto o deseño de novos sistemas de comunicacións é analiza-las propiedades físicas do medio de transmisión, e as propiedades estatísticas da mensaxe para deseña-los mecanismos de codificación e decodificación máis efectivos.

A outra, e que máis profesionais ocupan hoxe en día, son as redes dixitais e analóxicas ó longo do planeta (océanos incluídos) onde existan persoas que precisen comunicarse. O traballo do enxeñeiro de telecomunicación é deseñar, instalar, operar e manter redes de difusión de radio e televisión, redes telefónicas fixas (pares e coaxiais de cobre), celulares (celas de radio) e globais mediante teléfonos por satélite, redes de comunicación de datos privadas e públicas, utilizando tódolos medios dispoñibles (cobre, fibra óptica, radios e satélites), logrando redes escalables e racionalizando os investimentos en infraestrutura.

Nos tres últimos anos, as redes que máis creceron en capilaridade e capacidade de transporte son as redes de telefonía celular e de transporte de Internet, que empregan tódalas tecnoloxías antes citadas, creando unha revolución nas comunicacións entre persoas e institucións sen precedentes. Outro aspecto das telecomunicacións é a progresiva informatización da actividade humana, que fai posible o crecemento das demais ramas do saber e actividade humanas.

Os sistemas de comunicacións están deseñados para comunicarse a través de órganos sensorias humanos (principalmente os de Percepción visual e Percepción sonora), nos que se ten en conta as características psicolóxicas e fisiolóxicas da percepción humana. O exemplo máis común que podemos citar é o son de campaíña que escoitamos cando chamamos por teléfono, se ben tecnicamente non é preciso aínda que si o é para a persoa que espera ser atendida. Por outra banda, os sistemas deséñanse empregando a capacidade dos nosos órganos sensoriais para integra-la información, como por exemplo a transmisión de televisión que emprega a remanencia visual dos ollos para transmitir menos información, abaratando o custo dos receptores e dos transmisores. O mesmo acontece coa telefonía celular e a comunicación por VoIP (Voz por IP), que emprega Internet como vínculo de baixo custo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]