Entroido de Laza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Peliqueiros.

O Entroido de Laza é unha festividade de carácter tradicional que se realiza durante o ciclo do entroido na propia vila de Laza.

Características[editar | editar a fonte]

Este Entroido é o máis longo da provincia xa que comeza un mes antes do Domingo de estrea. Tres venres antes de que comece, a xente do lugar e dos arredores xúntanse para percorrer a aldea a ritmo dos chocos e dos bombos.

Seguindo coa tradición dos tres venres anteriores, no último venres tamén se celebra un folión, pero desta vez o máis grande de todos, coñecido como Folión grande. Neste día un home disfrazado de demo e situado nun altar de madeira percorre a aldea botando lume pola boca xunto cos fachóns incandescentes que portan os habitantes.

O sábado de Entroido está dedicado aos máis pequenos da casa, aínda que ningún adulto se resiste a participar. Neste día pola tarde na praza da Picota todos os participantes se somerxen nunha batalla branca, onde a fariña voa duns a outros ata tinguir a aldea e as xentes de branco.

E por fin chega o tan desexado Domingo de estrea para toda a xente do lugar e, sobre todo, para os peliqueiros. Ben cedo pola maña os mozos e mozas, homes e mulleres que van vestir o traxe comezan a prepararse. O peliqueiro é o personaxe principal do Entroido de Laza ao que todos veneran e respectan. Unha vez que están preparados e impolutos saen cara á praza da Picota para botar unhas carreiras pola beirarrúa, onde estarán a gran parte do día, ademais de percorrer as casas dos veciños para saudalos. Sobre a media mañá prodúcese a subida da bica do peliqueiro que, unha vez chega á Picota, reparten as galegas custodiadas polos peliqueiros.

O luns é denominado luns borralleiro. Pola maña a praza da Picota convertese nunha batalla campal coa denominada farrapada, que consiste en trapos impregnados en barro que se van tirando uns contra outros. E pola tarde chega a baixada da morena, un personaxe que consta dunha cabeza de vaca feita de madeira dirixida por un home da aldea. Xunto a ela, baixan tamén as formigas recollidas polos mozos e mozas do lugar que, ao chegar á Picota, as tiran a toda a xente que alí se atope.

E por último chega o martes de Entroido, un día triste para toda a xente da aldea. Pola mañá saen os peliqueiros máis veteranos a correr pola beirarrúa da praza, observados de cerca polos máis novos, que se fixan ben para saber como teñen que representar eles o traxe. Pola tarde xa se xuntan todos os peliqueiros do lugar para percorrer por última vez no ano a praza da Picota co traxe posto.

Entrada a noitiña, os peliqueiros van buscar ao testamenteiro e acompáñano ata a praza onde vai a ler o testamento que dá por finalizado o Entroido por ese ano. O testamento, tamén chamado repartimento do burro, trátase dunha serie de rimas que contan anécdotas que lles sucederon aos veciños da vila entre un Entroido e outro.

Despois da lectura do testamento, os peliqueiros volven a subir por última vez ata a Picota onde se queima un boneco de palla que simboliza o enterro do Entroido. Dende ese momento, os peliqueiros corren pola beirarrúa ata ben entrada a noitiña facendo soar as súas chocas por última vez ata o ano que vén.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]