Entrevista de Hendaia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A reunión ou entrevista de Hendaia tivo lugar na estación de trens da localidade francesa de Hendaia xunto á fronteira hispano-francesa o 23 de outubro de 1940, onde Francisco Franco entrevistouse con Adolf Hitler en presenza dos seus ministros de Asuntos Exteriores, Ramón Serrano Súñer (España) e Joachim von Ribbentrop (Alemaña).

Esta entrevista foi similar á celebrada por Franco con Benito Mussolini en Bordighera (Italia) o 12 de febreiro de 1941, aínda que neste caso o interese de Mussolini pola participación española na segunda guerra mundial foi menor. (Véxase Entrevista de Bordighera)

As negociacións previas[editar | editar a fonte]

Durante o verán de 1940 e por iniciativa española fóranse debuxando, por medio de contactos diplomáticos de alto nivel, as condicións para unha eventual participación española na guerra. As demandas territoriais sostidas como punto de partida por ambas ditaduras para afrontar as negociacións eran:

Estas posturas semellaban irreconciliables, xa que para Hitler resultaba pouco desexable estratexicamente incomodarse con Petain polo desmembramento do imperio francés, e con Mussolini que podería ver, nunha España excesivamente favorecida nas negociacións, unha competidora nas súas propias ambicións mediterráneas. Ademais, a estratexia de Franco era obter o máximo de concesións a cambio do mínimo de implicación na guerra. E é co fin de aumentar a presión sobre Franco polo que se acorda a entrevista de máximo nivel na cidade vasco-francesa.[1]

O vagón do Erika[editar | editar a fonte]

Ás 3:20 da tarde chegou o tren oficial “Erika” de Hitler desde París. Franco, pola súa parte, chegou oito minutos tarde e para cando descendeu do vagón, Hitler e von Ribbentrop agardábanlle ao pé da esqueira. Franco vestía uniforme militar con gorro cuarteleiro, namentres que Hitler usaba o uniforme do Partido, con gorra de prato. O barón von Stohrer fixo as presentacións e logo, xuntos, os dous xefes de Estado revistaron as tropas.

A entrevista celebrouse no coche-salón. No momento de subir comunicouselle ao embaixador de España en Berlín, Eugenio Espinosa de los Monteros, que nin el nin von Stohrer ían participar na reunión. Así pois, á entrevista asistiron unicamente Franco, Hitler, von Ribbentrop, Serrano Súñer e como intérpretes, por parte alemá Gross e por parte española o barón das Torres.[2]

Adolf Hitler fixo unha longa digresión sobre a Nova Orde europea na que España tería o seu lugar, se ben era necesario que participara de maneira activa na vitoria do Eixo. Ademais anunciou xa unha data precisa: os seus paracaidistas estaban preparados para lanzarse o 10 de xaneiro de 1941 sobre Xibraltar, segundo o planeado na Operación Félix. Cando rematou, o Xeneralísimo fixo tamén unha longa exposición. Falou de Marrocos e de subministracións, preguntando se Alemaña estaba en condicións de enviar a España 100.000 toneladas de trigo. As consideracións de Franco irritaron a Hitler.[3]

É importante precisar dous dos argumentos de Franco:

  • O Reino Unido non estaba vencido e se resistía con tanto empeño era porque agardaba unha intervención estadounidense.
  • España non podía ceder a ninguén o dereito a apoderarse de Xibraltar.

Con todo isto, contaba co consello de Wilhelm Canaris (quen lle asegurou a Franco, sen sabelo Hitler, que Alemaña non gañaría a guerra). Con todo, esixiulle condicións practicamente imposibles de cumprir. Entre elas as reclamacións territoriais que chocaban directamente cos intereses da Francia de Vichy, con quen Hitler non desexaba incomodarse, pero tamén entregas de material militar, especialmente aéreo, do que Hitler non podía prescindir. A longa lista de reclamacións de Franco fixeron que Hitler mencionara posteriormente a Mussolini que "antes que repetir a entrevista de novo, preferiría que me sacaran tres ou catro moas".[4]

A reunión, porén, non foi un absoluto fracaso, e Hitler conseguiu saír de Hendaia cunha promesa española de entrada na guerra baixo o brazo,[5] tras presións e ameazas veladas a Franco, a quen Hitler insiste en que "debe tomar unha determinación e non permanecer ignorante aos acontecementos, e a que as tropas se achan nos Pireneos". Rexeitando en primeira instancia por Serrano e Franco, o segundo protocolo constitúe un firme compromiso co Eixo, o que recoñece o mesmo Serrano Súñer, aínda que non deixa de ser vago e cede a criterio de España a data de entrada no conflito. O protocolo secreto español foi probablemente destruído con posterioridade ao conflito, e o mesmo se temía do alemán até a saída á luz en 1960 por parte do Departamento de Estado dos Estados Unidos. As posteriores negociacións establecidas principalmente con Mussolini, que, aínda que tiña máis vínculos ideolóxicos e culturais co Réxime Franquista víao como un potencial competidor, e o cambio de rumbo da guerra impediron a entrada española.

Se Hitler houbera exercido unha firme presión sobre España, é de prever que tarde ou cedo habería conseguido a súa entrada na guerra do lado do Eixo. Pero, abafado por asuntos máis urxentes, cambiou de plans.[6]

Consecuencias directas[editar | editar a fonte]

División Azul

En calquera caso non chegaron a un acordo, polo que España non entrou oficialmente nesta guerra. O movemento máis directo de apoio ao Eixo produciuse en xuño de 1941, cando Serrano Súñer, enfrontado a presións internas por sectores pronazis, promoveu o envío dunha división de voluntarios españois en apoio de Alemaña na invasión da Unión Soviética.[7] A voluntariedade destes soldados foi posta en dúbida. Probablemente a maioría acudiron, inflamados por ideais franquistas e ideas antisoviéticas, aínda que algúns soldados profesionais acudiron con eles (e incluso cando se presentaba un oficial voluntario adoitaba arrastrar a toda a súa unidade con el). O armamento e uniformes foron subministrados na súa totalidade por Alemaña. Foi coñecida como División Azul e operou principalmente na fronte central e na de Leningrado.

Así mesmo, existiu unha ampla tolerancia, incluso colaboración, ante a actuación dos axentes do Eixo, sobre todo alemáns, en España. Esta colaboración permitiu aos ingleses efectuar a operación Mincemeat, coñecida pola novela e película El hombre que nunca existió para poder efectuar o desembarco de Sicilia con pouca oposición alemá.

Outras lecturas[editar | editar a fonte]

As consecuencias e os protocolos adoptados en dita entrevista foron motivo de disputas:

  • Unhas versións afirman que o ditador alemán presionoulle para que entrase na guerra, despois da axuda prestada durante a guerra civil, pero que Franco argumentou que España non estaba en condicións de entrar de novo en guerra.
  • Outras fontes sosteñen que Franco desexaba entrar na guerra, aínda que a cambio de ocupar as posicións francesas en Marrocos, pero que Hitler negouse a pagar este prezo para non prexudicar as súas relaciones co réxime fascista francés de Vichy.
  • Existe outra versión combinación das dúas anteriores: había no contorno de Franco dúas posturas, a dos falanxistas, que querían entrar na guerra ao carón das potencias fascistas, e a dos católicos e os militares, que querían a neutralidade. Esta última postura foi plasmada por escrito nun informe do home de confianza de Franco, Luis Carrero Blanco. Ante isto, Franco decantouse polo informe de Carrero.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Javier Tusell, Historia de España en el siglo XX, vol.III, pp. 63-64, Ed. Taurus, Madrid, 1999
  2. Diario “Arriba”, 24 de outubro de 1940
  3. http://revista.libertaddigital.com/articulo.php/1275767998 Arquivado 24 de abril de 2008 en Wayback Machine. César Vidal ¿Qué sucedió en la entrevista de Hendaya? ENIGMAS DE LA HISTORIA
  4. "Hitler Stopped by Franco - Conservative Monitor". Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2008. Consultado o 07 de abril de 2010. 
  5. Javier Tusell, Historia de España en el siglo XX, vol.III, p. 64, Ed. Taurus, Madrid, 1999
  6. "La Aventura De La Historia". Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2007. Consultado o 07 de abril de 2010. 
  7. Ibáñez Hernández, Rafael "Españoles en las trincheras: la División Azul", Payne y Contreras