Endoproctos

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

(Redirixido desde "Entoprocta")


Entoprocta
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Pseudocelomatae
Filo: Entoprocta
Familias

Os endoproctos ou entoproctos (Entoprocta, do grego entos, interior, e proktos, ano) son un filo de animais acuáticos de 0,5 a 5,0 mm. Presentan uns tentáculos e pódense distinguir doutros animais semellantes pola posición do ano, que queda incluído na coroa tentacular. Son animais sésiles parecidos ao grupo dos hidroideos, a maioría deles mariños, aínda que existe algún xénero de auga doce (como Urnatella).

Índice

[editar] Morfoloxía

O corpo destes animais lembra a forma dun cáliz semiesférico co seu pedúnculo delimitado por unha coroa de tentáculos ciliados que contén no seu interior catro aberturas: a boca, o nefridioporo, o gonoporo e o ano. O pedúnculo fixa o animal ao resto da colonia e del saen outros pés para formar os estolóns que unen uns individuos con outros.

Ao ser animais pseudocelomados carecen de aparato circulatorio e tampouco teñen aparato respiratorio. O aparato excretor está formado por túbulos protonefridiais que se unen antes de acadar o nefridioporo.

[editar] Aparato dixestivo e alimentación

Os endoproctos son animais filtradores, de alimentación ciliar. A rexión glandular do estómago secreta enzimas e moco que van captando partículas (diatomeas, protozoos, detritos, etc.) que chegan á boca gracias aos cilios dos tentáculos que a rodean.

O tubo dixestivo está curvado en forma de "U" e ocupa case todo o cáliz. Está tapizado de cilios que provocan correntes que moven os alimentos que acaban por entrar na boca e son engulidos por contracción do esófago. A dixestión é de tipo extracelular e a absorción ten lugar no estómago e intestino. A continuación do intestino atopamos o recto separado por un esfínter e logo hai outro na zona do ano. O animal mantén alí retido o alimento ata que se atopa saciado, polo que se pensa que na rexión rectal tamén se produce algo de absorción.

[editar] Aparato reprodutor e reprodución

As colonias crecen asexualmente a partir de xemas. Reprodúcense tamén sexualmente; son hermafroditas). Liberan os espermatozoides á auga, que son captados por outro individuo, de modo que a fecundación é cruzada e interna. Na meirande parte dos casos, os embrións son incubados na cavidade atrial, situada no centro do cáliz. Do ovo xorde una larva que semella a trocófora dos anélidos e que, na maioría das especies, ten unha vida libre de só unhas horas. As larvas teñen fototropismo negativo, de modo que buscan lugares escuros para fixarse e transformarse en adulto.

[editar] Hábitat e distribución

Os endoproctos viven no litoral mariño, onde se instalan con frecuencia sobre outros organismos mariños como algas, fanerógamas ou algúns invertebrados bentónicos.

Coñécense máis de 150 especies, amplamente distribuídas e probabelmente aparecerán moitas máis no futuro.

[editar] Clasificacion

[editar] Taxonomía

Familia Barentsiidae

Familia Loxokalypodidae

Familia Loxosomatidae

Familia Pedicellinidae

[editar] Filoxenia e sistemática

O endoproctos son un grupo difícil de clasificar, xa que por un lado posúen características primitivas, como o pseudocele, e por outro características modernas como, por exemplo, a larva “trocófora” que semella a dos modernos anélidos. O problema está en si son animais que dexeneraron a partir de antepasados máis complexos ou, pola contra, descendentes máis evolucionados de antepasados máis simples[1]. Así temos diversas opinións no mundo científico, como son as seguintes:

O parentesco dos endoproctos cos briozoos, tamén chamados ectoproctos, para contrapoñelos a eles, e a súa pertenza aos lofoforados son cuestións polémicas entre os zoólogos, aínda non resoltas. Algúns dan máis importancia ás semellanzas entre ambos grupos e forman o filo Bryozoa (Entoprocta + Ectoprocta). Baixo este punto de vista, os endoproctos son auténticos lofoforados e tiveron polo tanto celoma.

Segundo outros autores, son só aparentemente similares aos ectoproctos, xa que o seu sistema de filtración é xustamente oposto (de abaixo a arriba), no posúen cavidade celomática entre a parede do corpo e o intestino, senón unha masa xelatinosa de mesoglea e a segmentación é espiral (radial nos briozoos). Segundo esta perspectiva, endoproctos e ectoproctos non están directamente emparentados e as súas semellanzas son debidas á converxencia evolutiva. Este é o punto de vista máis aceptado na actualidade. Segundo Hickman et al. os endoproctos pertencen aos Lophotrochozoa.

[editar] Notas

  1. Hickman, C. P., Ober, W. C. & Garrison, C. W. (2006): Principios integrales de zoología, 13ª edición. McGraw-Hill-Interamericana, Madrid XVIII +1022 pp. ISBN 84-481-4528-3.

[editar] Véxase tamén

Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe a especie: Endoproctos

[editar] Outros artigos

[editar] Bibliografía

  • Meglitsch P.A.: Zoología de invertebrados. Ed. Pirámide.
  • Grassé, P.P.: Zoología-1. Ed. Masson.

[editar] Ligazóns externas


Filos do Reino Animal
Acanthocephala | Acoelomorpha | Annelida | Arthropoda | Brachiopoda | Bryozoa | Chaetognatha | Choanomonada | Chordata | Cnidaria | Ctenophora | Cycliophora | Echinodermata | Echiura | Entoprocta | Gastrotricha | Gnathostomulida | Hemichordata | Kinorhyncha | Loricifera | Micrognathozoa | Mollusca | Monoblastozoa | Myxozoa | Nematoda | Nematomorpha | Nemertea | Onychophora | Orthonectida | Phoronida | Placozoa | Platyhelminthes | (Pogonophora) | Porifera | Priapulida | Rhombozoa | Rotifera | Sipuncula | Tardigrada | Vetulicolia† | Xenoturbellida
Ferramentas persoais