Enseada de Sidney

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Enseada de Sidney (en inglés: Sydney Cove) é unha pequena enseada na beira sur da Baía de Jackson, comunmente coñecida, aínda que incorrectamente, como a Baía de Sidney, na costa do estado de Nova Gales do Sur na Australia.

Esta pequena cala foi o lugar escollido polo capitán Arthur Phillip para fundar, o 26 de xaneiro de 1788, a colonia penal británica que agora é a cidade de Sidney. Nomeouna con este nome en honra de Thomas Townshend, Lord Sydney, o ministro do interior británico e a persoa que autorizou o estabelecemento do asentamento.

As instrucións do capitán eran estabelecer o asentamento na Baía de Botany, outra baía grande ao sur da Baía de Jackson, mais como non había boas fontes de auga doce e tampouco un lugar seguro no que poder aportar, navegou cara o norte achando as condicións ideais nesta pequena enseada. A Cala de Sidney oferecía ambas cousas, un lugar profundo e resguardado no que aportar e un regato de auga fresca que pronto sería coñecido como Tank Stream.

Hoxe en día, a zona está completamente urbanizada. O brazo esquerdo, que era onde estaba o regato, está baixo as rúas do distrito financeiro de Centro de Sidney, a parte central está ocupada pola terminal do transbordador de Circular Quay e o brazo dereito está baixo a Casa da Ópera.