Ensaio (rugby)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xogador de rugby lanzándose co balón á zona de marca rival para anotar un ensaio.

O ensaio é o principal xeito de anotación de puntos nos diversos códigos de rugby (rugby union, rugby league e rugby a 7). Para que un xogador acade un ensaio ten que pousar o balón co seu corpo sobre a zona de marca do equipo rival. Para que sexa válido, o xogador non pode ter ningunha parte do seu corpo fora do recinto de xogo.

Trala consecución dun ensaio, o equipo anotador ten dereito a unha tentativa de transformación ou conversión, que consiste nunha patada a paus. Esta patada pode realizarse dende calquera distancia na perpendicular do punto no que se acadou o ensaio.

O termo inglés "Try" ten a súa orixe no regulamento primitivo do rugby football do século XIX. Daquela o rugby consistía en acadar goals. O equipo atacante procuraba chegar á zona de marca rival para pousar o balón no chan, o cal non tiña valor por si mesmo, senón que daba dereito a patear o balón entre os paus do rival para anotar un goal, que si subía ó taboleiro, cun valor de 1 punto. Deste xeito, cando se pousaba o balón na zona de marca rival, o que se acadaba era un try at goal, é dicir, un "intento de anotación". Ese "try" pasou ó francés como "essai", que conduce ó galego "ensaio", co sentido de intento.

Valor[editar | editar a fonte]

O valor dun ensaio ten variado ó longo da historia, aumentando o seu valor a cada paso.

  • No rugby union o ensaio ten un valor de 5 puntos. Antes de 1992 valía 4 puntos, e antes de 1971 valía 3. A transformación supón 2 puntos máis.
  • No rugby league o ensaio ten un valor de 4 puntos. Antes de 1983 valía 3 puntos. A transformación supón 2 puntos máis.

Na maioría das competicións de rugby modernas, cando un equipo anota 4 ensaios ou máis nun encontro, acada un bonus ofensivo, que supón 1 punto máis para a clasificación desa liga.

Ensaio de castigo[editar | editar a fonte]

En tódolos códigos de rugby existe o ensaio de castigo. O árbitro pode conceder este tipo de marca cando estima que o equipo defensor está impedindo a anotación dun ensaio de xeito ilegal. Nese caso o árbitro considera que o equipo atacante tería acadado un ensaio de non terse producido a acción antideportiva do equipo defensor. O valor deste ensaio é o mesmo que se fose conseguido como froito da xogada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]