Endolimax

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Endolimax é un xénero de amebozoos[1] que se encontran nos intestinos de varios animais, onde xeralmente viven como comensais, e inclúe a especie E. nana que se encontra nos humanos. Antes pensábase que non era patóxeno, pero posteriores estudos suxeriron que pode causar diarrea crónica e intermitente.[2][3] Ademais, é significativo en medicina porque causa falsos positivos noutras probas, especialmente nas probas de detección da especie similar Entamoeba histolytica, o patóxeno responsable da disentería amebiana, e porque a súa presenza indica que o hóspede inxeriu material de procedencia fecal. Forma quistes con catro núcleos, que se abren no corpo e orixinan trofozoítos. Os trofozoítos viven no colon, e os quistes son infectivos. Os núcleos de Endolimax nana teñen un grande endosoma algo descentrado e pequenas cantidades de cromatina visibles ou ningunha.

Quiste[editar | editar a fonte]

Os quistes son pequenos, con forma de esférica a elipsoidal. Os quistes maduros conteñen catro núcleos; os quistes inmaturos raramente se ven. Estes quistes poden medir de 5-10 μm, e máis comunmente de 6-8 μm. Nas preparacións tinguidas, o núcleo ten un claro cariosoma (agregación de cromatina), que, aínda que non é tan grande como o que presenta o trofozoíto, é meirande que o cariosoma observado nas especies de Entamoeba. A cromatina periférica está ausente. Aínda que os núcleos non son visibles nas preparacións non tinguidas, os cariosomas son doadamente aparentes en preparacións húmidas tinguidas con iodo. O citoplasma pode conter glicóxeno difuso, e os corpos cromátidos están ausentes. Ocasionalmente, poden aparecer pequenos gránulos ou inclusións no citoplasma.

Trofozoíto[editar | editar a fonte]

Este estadio do ciclo vital mide de 6-12 µm, e os valores medios están entre 8 e 10 µm. Os trofozoítos vivos son lentos. O núcleo simple ás veces é visible nas preparacións non tinguidas. Nos organismos tinguidos, o cariosoma xeralmente é longo e de forma irregular, pero por veces pode ser fragmentado ou situado contra un lado da membrana nuclear. Non hai cromatina periférica preto da membrana nuclear. O citoplasma, que é bastamente granular e con frecuencia moi vacuolado, pode conter bacterias. [4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Silberman JD, Clark CG, Diamond LS, Sogin ML (1999). "Phylogeny of the genera Entamoeba and Endolimax as deduced from small-subunit ribosomal RNA sequences". Mol. Biol. Evol. 16 (12): 1740–51. PMID 10605115. 
  2. John Q. Stauffer MD & W. L. Levine (1974). "Chronic diarrhea related to Endolimax Nana". Parasitology Research 19 (1): 59–63. PMID 4809031. 
  3. Thaddeus K. Graczyk, Clive K. Shiff, Leena Tamang, Fair Munsaka, Anna M. Beitin and William J. Moss (2005). "The association of Blastocystis hominis and Endolimax nana with diarrheal stools in Zambian school-age children" (PDF). Digestive Diseases and Sciences 98 (1): 38–43. PMID 16249910. doi:10.1007/s00436-005-0003-0. 
  4. Ash, Lawrence R. Atlas of Human Parasitology/Lawrence R. Ash, Thomas C. Orihel.-3rd ed. ISBN 0-89189-292-3