Encoro do Eume
O Encoro do Eume é o máis grande dos dous que ten o río Eume. Áchase no seu curso medio ocupando unha superficie de 450 hectáreas dos concellos da Capela, As Pontes e Monfero. Ten unha lonxitude aproximada de 15 quilómetros e un volume de 123 hectómetros cúbicos.
A empresa concesionaria da explotación da central hidroeléctrica asociada ao encoro é a compañía ENDESA.
Índice |
[editar] A presa
A presa do encoro ten 110 metros de altura. Foi construída entre os anos 1955 e 1960 no corazón do Canón do Eume aproveitando a súa angostura.
No medio século de existencia do encoro nunca foi aberta a comporta da presa, o cal provocou que se fosen acumulando lodos altamente contaminantes no fondo do encoro procedentes do lavado na mina de As Pontes (durante 30 anos), da propia vila de As Pontes (ata o 2009 non tivo a súa primeira depuradora[1]), e da construción da autovía Ferrol-Vilalba (no 2009 produciu graves danos ao longo de 30 km do río[2]). Algunhas estimacións falan dun espesor de entre 30 e 40 metros de lodo.
En 2011 prodúcese unha alarma entre as xentes da comarca do Eume e grupos ecoloxistas, ante a posibilidade de que a empresa propietaria do encoro abra as comportas da presa.[3]
[editar] A central hidroeléctrica
O encoro alimenta mediante unha condución subterránea unha central hidroeléctrica que, con 54.400 Kw[4], é a que máis potencia ten da provincia de A Coruña. Está situada na marxe esquerda case tres quilómetros e medio augas abaixo da presa. Isto fai que o caudal do río entre a presa e a central sexa insignificante, recibindo practicamente só as augas dos regatos existentes neste tramo. Só nos escasos días nos que o encoro está cheo e soborda, pódese ver este tramo do río cun canle normal.
Antes da construción da presa actual funcionaba unha central hidroeléctrica, chamada de Ventureira, a escasos metros da actual pero na outra marxe, que recibía a auga sen represar por un impresionante canal que comezaba uns poucos metros abaixo da presa actual. Discorre practicamente colgado do canón e para a súa construción foi necesario construír varios túneles dada a sinuosidade do terreo. É facilmente visíbel desde o cumio da presa.
[editar] A polémica
Varias son as razóns que se apuntan para demandar unha solución á, cada vez máis, situación crítica provocada pola existencia do encoro. Algunhas destas razóns son:
- A eliminación dos lodos no fondo do encoro abrindo as comportas, como propón a empresa propietaria, provocaría un desastre ecolóxico de incalculábeis dimensións.
- O treito de 3.5 km entre a presa e a central está bioloxicamente morto debido a o seu exiguo canle.
- A extinción de especies piscícolas antano habitantes do río. Os salmóns desapareceron hai xa algunhas décadas, entre outras razóns, pola imposibilidade, por mor da construción da presa, de remontar ás súas zonas de desove. Nos finais oitenta e primeiros noventa fíxose un intento de reintroducir a especie que foi un completo fracaso. Sirva como dato que desde o ano 1995 non se ten constancia de que o río recibira ningún alevín.[5].
- Unha gran parte do canón do Eume, corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, quedou asolagado baixo as augas, privándonos dunha das zonas do Parque Natural máis espectaculares.
As solucións que se propoñen pasan todas pola eliminación sen custes ecolóxicos dos lodos e o restablecemento do canle normal no treito mencionado. Habería que buscar unha fórmula que permita soltar auga limpa desde a superficie do encoro ata a comporta para restablecer o caudal ecolóxico que esixe a lei. Simultaneamente, habería que dragar o fondo do encoro para eliminar os materiais perigosos.
Mesmo hai voces que piden a eliminación do embalse argumentando que nos últimos dez anos os datos oficias mostran unha capacidade media de almacenamento do 87%, o que indica a escasa capacidade do encoro e, máis grave, a nula capacidade de almacenamento ou regulación pois os niveis mínimos endexamais baixan do 65%.
[editar] Notas
- ↑ Adxudicación da depuradora de As Pontes en laopinioncoruna.es (en castelán)
- ↑ Vertidos das obras da autovía en lavozdegalicia.es (en castelán)
- ↑ Alarma polo baleirado de lodos en xornal.com
- ↑ Listado de grandes centrais hidroeléctricas galegas do Inega
- ↑ A recuperación do salmón nos ríos coruñeses en vadeando.com (en castelán)
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
Análise da situación do río Eume da Asociación Ríos con Vida