Encoro de San Martiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°23′26″N 7°10′24″O / 42.390469444444, -7.1732888888889

O encoro de San Martiño é unha presa artificial creado no río Sil, situado entre os concellos valdeorreses da Rúa e de Petín, e unha pequena parte en Quiroga, na banda oriental da provincia de Ourense. Debe o seu nome á aldea de San Martiño de Alvaredos (Montefurado, Quiroga).

Construción[editar | editar a fonte]

Construíuno en 1956 a empresa Dragados y Construcciones S.A. O seu propietario actual é a compañía Iberdrola. A altura da presa é de 25 m de altura, ocupando unha lonxitude de 125 m. Retén unha capacidade media de 10 hm³. No lugar a altura é de 290 msnm. A cola do encoro ten unha lonxitude de 1,7 km e un ancho máximo de 600 m.

Características bioxeográficas[editar | editar a fonte]

O encoro creou unha zona húmida interesante desde o punto de vista ecolóxico. Na beira dereita, correspondente ao concello da Rúa, a compañía eléctrica creou un bosque de chopos, para o que plantou varios miles de exemplares, a fin de protexer esa marxe das inundacións. Constitúe na actualidade unha área de recreo para a poboación da localidade.

Dadas as características climáticas do val, enclavado en zona de clima oceánico de influencia mediterránea, con temperaturas que oscilan entre os -5 °C en inverno e superan os 40 °C no verán, cunha pluviosidade media anual de 654 mm, o encoro, ás veces denominado tamén lagoa de San Martiño, atrae gran número de aves singulares, especialmente anátidos, capaces de aniñar aquí. Nos anos 1980 esta zona xunto con outras zonas húmidas da mesma comarca, foi cualificada como unha das máis interesantes de España, polo gran número de anátidos censados, con máis de 1.800 exemplares, cando só había vinte puntos españois que superasen os 1.500 exemplares. Ademais, entre outras, censábanse cegoñas, martiños peixeiros etc. Debe indicarse tamén a existencia dun bo número de réptiles e batracios, polo que hai anos se solicitara unha protección especial para o sitio.