Empoderamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A estratexia do empoderamento xurde das organizacións de mulleres dos países en desenvolvemento e consiste nun proceso mediante o cal as mulleres, individual e colectivamente, toman conciencia sobre a discriminación de xénero e gañan capacidade para participar e decidir en maior medida sobre as súas posibilidades vitais e as das súas comunidades.

O empoderamento non supón un proceso polo cal unhas persoas gañan poder exclusivamente en detrimento do poder doutras. Existen diferentes dimensións do empoderamento:

  • Cognitiva: a comprensión de que as condicións de subordinación das mulleres non son naturais, o coñecemento das súas causas e alternativas. Inclúe o coñecemento sobre a sexualidade.
  • Psicolóxica: a superación das propias autolimitacións que se impoñen as mulleres (opresión internalizada), a través do desenvolvemento da autoestima e a autoconfianza.
  • Económica: o acceso ao traballo remunerado, aos ingresos e á independencia económica en xeral.
  • Política: a capacidade de analizar a realidade en termos políticos e sociais, organizarse e promover cambios sociais.