Empire State Building
O Empire State Building é un rañaceos situado na intersección entre a Quinta Avenida e a Rúa 34 Oeste da cidade de Nova York, en Estados Unidos. A súa altura é de 381 metros, pero acada 443 metros contando coa antena. O nome do edificio deriva do alcume que ten o Estado de Nova York: "Empire State" (Estado do Imperio).
Índice |
[editar] Historia
A súa construción comezou oficialmente o 17 de marzo de 1930, no mesmo solar que ocupaba anteriormente o antigo Hotel Waldorf-Astoria, baseado no deseño Art Déco do arquitecto William F. Lamb. O proxecto foi financiado principalmente polos empresarios John Jacob Raskob e Pierre Samuel du Pont, ligados coa empresa química Du Pont e coa General Motors. 3400 traballadores participaron na obra, a maioría inmigrantes europeos, e moitos Mohawk especialistas no traballo co ferro. Segundo as contas oficiais, 5 persoas morreron na construción. O 1 de maio de 1931 foi inaugurado polo propio presidente dos Estados Unidos Herbert Hoover, quen premendo un botón dende Washington fixo que se acendesen tódalas luces do edificio en Nova York.
O Empire State Building foi o edificio mais alto do mundo dende a súa construción ate o ano 1972, cando foron inauguradas a dúas torres xemelgas do World Trade Center. Esta altura causou certos percances, como o sucedido o 28 de xullo de 1945, cando un bombardeiro B-25 Mitchell pilotado entre a néboa bateu co edificio entre os andares 79 e 80, causando 14 mortes.
Trala caída das torres xemelgas nos atentados do 11 de setembro de 2001, o Empire State converteuse de novo no rañaceos mais alto da cidade de Nova York, o terceiro mais alto dos Estados Unidos, e o 15º mais alto do mundo.
Actualmente é propiedade da empresa inmobiliaria W & H Properties, e está considerado un dos maiores atractivos turísticos do mundo, ademais de ser designado Monumento Histórico Nacional.