Emmeline Pankhurst

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Emmeline Pankhurst

Emmeline Pankhurst (4 de xullo de 185814 de xuño de 1928) foi unha das fundadoras do movemento sufraxista británico. O seu nome, antes que outro, está vencellado á loita pola liberación da muller no período que precedeu á Primeira Guerra Mundial. Nada como Emmeline Goulden en Manchester, Inglaterra. Filla do abolicionista Robert Goulden e a feminista Sophia Crane, casaría, en 1879, con Richard Marsden Pankhurst, un avogado de Salford. Richard Pankhurst era tamén un defensor movemento sufraxista, sendo o autor das Married Women's Property Acts (Leis de propiedade das mulleres casadas) de 1870 e 1882.

Fundación de organizacións sufraxistas[editar | editar a fonte]

En 1889, Pakhurst fundou a Women's Franchise League (Liga pola Liberación das Mulleres), pero a súa campaña viuse interrompida polo falecemento do seu esposo no 1898. En 1903 fundou a Women's Social and Political Union (Unión Social e Política de Mulleres), unha organización máis coñecida pola calidade dos seus militantes. Entre os seus membros incluíanse Annie Kenney, Emily Wilding Davison, que foi morta por un cabalo do rei no Derby de Epsom de 1913, como resultado dunha protesta sufraxista, e a compositora Dame Ethel Mary Smyth. A ela xuntaríanse as súas fillas, Christabel Pankhurst e Sylvia Pankhurst, que farían contribucións moi valiosas ás súas campañas e de diferentes xeitos. A súa outra filla Adela Pankhurst, emigrou a Australia, onde foi unha activista política, primeiro no Partido Comunista de Australia, e logo no Primeiro Movemento Australiano (Australia First Movement), de carácter fascista.

Emmeline Pankhurst Memorial.jpg

As tácticas adoptadas por Pankhurst para chamar a atención sobre o movemento, levárana a que fose encarcerada varias veces, mais debido a súa orixe de clase burguesa, non tivo que soportar as mesmas privacións cás sufraxistas pertencentes ás clases traballadoras. Con todo, tivo que ser alimentada á forza máis dunha vez por practicar a folga de fame. Por outra banda, a súa forma de levar a campaña sufraxista non era ben vista por todos, provocando algunha disensión no movemento. A súa autobiografía "My own Story" (A miña Historia), foi publicada en 1914.

En setembro de 1914 estourou a Primeira Guerra Mundial, mais Emmeline coidou que non debía interferir nos esforzos de guerra do país. Os seus pulos por gañar o voto para a muller foron apartados a un lado, centrándose máis ben en animar a coller os traballos deixados polos homes, que tiveran que ir combater. Con apoio de David Lloyd George, Pankhurst organizou un desfile de 30.000 mulleres, empregando 2.000 libras cedidas polo Goberno, para estimular aos empregados a deixar que as mulleres ocupasen os postos da industria. O 8 de setembro de 1914, Christabel Pankhurst reapareceu na London Opera House (Ópera de Londres), logo dun dilatado exilio, para proclamar unha declaración sobre o "Perigo Xermano". Emmeline viaxou polo país, dando arengas a prol do recrutamento. Os seus seguidores colocaban "plumas brancas" a cada mozo que atopaban en traxe civil, e aparecían de súpeto nos mitíns de Hyde Park con pancartas nas que se lía: "Encarcerémolos a todos" ("Intern Them All"). Cómpre ter en conta que a mobilización de soldados era voluntaria no Reino Unido.

Caracteristicamente, a Sra. Pankhurst botou toda a súa enerxía e toda a súa influencia no esforzo, que chamaba do alistamento a prol da guerra. Aínda que non todos os militantes pro-sufraxistas volvéronse belicistas, a influencia da Pankhurst convenceu a moitos a seguila. Envorcado todo o seu esforzo na continuación da guerra, chegou a atinxir extremos de furia, cun chauvinismo raro de ver en calquera outra asociación feminina.[1]

O Goberno británico comezou a preparar o dereito de voto para a muller, a través do que entón era o Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda, en marzo de 1918. Mentres a Representation of the People Act 1918 (Lei de representación do pobo, 1918) outorgaba só dereito de voto as mulleres maiores de 30 anos, e ademais con calidades especiais, a diferenza dos homes, os cales podían votar libremente se eran maiores de 21 anos. As sufraxistas non puideron aceptar isto como un gran triunfo. Pero en novembro de 1918, as mulleres maiores de 21 anos acadaron o dereito a ser elixidas para o Parlamento. En 1928, por fin, as mulleres obtiveron o mesmo dereito de sufraxio cós homes no Reino Unido.

Emmeline Pankhurst faleceu con 69 anos de idade, dez anos despois de ver, con fruición, o seu maior desexo cumprido.

Obras (selección)[editar | editar a fonte]

  • The Powers and Duties of Poor Law Guardians in Times of Exceptional Distress, 1895.
  • The Present Position of the Women’s Suffrage Movement in: The Case for Women’s Suffrage, hg.v. B. Villiers, 1907.
  • The Importance of the Vote, 1908.
  • Suffrages Speeches from the Dock, 1912.
  • My own Story (1914), Reissued by Greenwood Publishing Group, 1985.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pankhurst, Sylvia. The Suffragette Movement, p. 593.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]