Eloy Luís André

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Eloy Luís André [1], nado en Mourazos (Verín) o 21 de xuño de 1878 e finado en Madrid o 24 de maio de 1935, foi un filósofo e psicólogo español e galego, cuxa obra orixinal máis destacada se centra en problemas de mentalidade colectiva e no desenvolvemento do sistema educativo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fixo os seus estudos nos Escolapios de Celanova e no instituto de Ourense. Comezou o ciclo universitario en Santiago de Compostela, trasladándose logo para a Universidade de Salamanca, onde os rematou. Alí iniciou o seu trato con Unamuno. Pasou a Madrid, á Universidade Central, para efectuar a doutoramento, e estabelecendo contactos con Giner de los Ríos.

Volveu de novo a Salamanca para especializarse en Filosofía Superior, e desde alí trasladouse ás universidades europeas de Leuven, Bruxelas e París en 1899 - 1900, para ampliar estudos. Cando regresou a España intentou acceder a unha cátedra universitaria, mais ante a imposibilidade de lograr algunha, decidiu preparar oposicións a cátedra de bacharelato, obtendo en 1904 a de Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito do instituto de Soria, desde a cal se trasladou para o instituto de Ourense.

En 1909, a Junta de Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa de estudos, que utilizou para trasladarse á universidade alemá de Leipzig, onde foi discípulo de Wilhelm Wundt, sob cuxa dirección preparou un traballo de psicoloxía experimental. Posteriormente trasladouse á universidade de Jena, onde foi discípulo de Rudolf Eucken. André mantería, posteriormente, relacións profesionais de amizade e profesionais con ambos filósofos alemáns.

Volveu a España a fins de 1910 para tentar de novo acceder a algunha cátedra universitaria. Porén a concesión dunha nova bolsa pola Junta de Ampliación de Estudios fixo que retornase novamente a Leipzig. Ao regresar para España, retomou o seu posto en Ourense en 1912, onde creou un laboratorio de psicoloxía experimental. Dous anos despois, pasou ao instituto de Toledo. Neses anos interesouse polos movementos galeguistas, pero nunca tivo unha militancia activa. En 1918 opositou para o instituto madrileño Cardenal Cisneros, logrando por fin residir en Madrid, que era o que desexaba desde había anos.

Obra[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa vida Eloy Luís André publicou unha obra que se pode cualificar de extensa. As súas publicacións atenden a varias vertentes básicas: os manuais de ensino, as publicacións de psicoloxía, os problemas educativos e os libros de creación filosófica propia, destacando neste sentidos os seus ensaios sobre mentalidade colectiva, talvez influído polo interese de Wundt na psicoloxía dos pobos. Outra faceta de André levouno a escribir artigos de economía, espallados en revistas e xornais.

Selección de publicacións[editar | editar a fonte]

  • El histrionismo español. Barcelona. 1906
  • Solidadaridad y Galleguismo. 1907
  • Ética Española. Madrid. 1910 (2ª ed. 1925)
  • Mentalidad alemá. Madrid. 1914
  • Idea de la Naturaleza. Madrid. 1916
  • Educación de la adolescencia. Estudio crítico del estado de la segunda enseñanza y de sus reformas más urgentes. Madrid. 1916
  • Dos idearios y dos democracias. Madrid. 1919
  • Sistema de Filosofía de los Valores. Toledo. 1919
  • Elementos de Psicología. Madrid. 1920
  • Elementos de educación cívica, jurídica y económica. Madrid. 1921
  • Ética individual y social. Madrid. 1920 ( 2ª ed. 1923 ).
  • Sistema de Filosofía de los Valores. T. I. La Ética. Madrid. 1923
  • Sistema de la Filosofía de los Valores. T. II. Lógica. Morfología mental. Madrid. 1932.
  • Ética española. Problemas de Moral contemporánea. Madrid. 1910 (2ª ed. 1925)
  • Programa de Psicología y Lógica. Madrid. 1925.
  • Deontología. Breviario de Moral Práctica. Madrid. 1926
  • El espíritu nuevo en la educación española. Madrid. 1926
  • El Derecho español. Madrid. 1929.
  • Ideario político de Espinosa. Análisis, comentario y crítica del ‘Tratado Teológico Político’. Madrid. 1930
  • Programa de deberes éticos y cívicos. Madrid. 1931
  • Españolismo: prasologio: pueblo y conciencia nacional. Madrid. 1931
  • Galleguismo. Lucha por la personalidad nacional y la cultura. Ensaios. Madrid. 1931

André realizou ademais varias traducións, especialmente desde o alemán.

Outros aspectos[editar | editar a fonte]

Vilardevós.

O escritor galego Silvio Santiago, realizou un breve retrato humano dun André xa entrado en anos, no seu libro Vilardevós.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Luís é apelido, aínda que el adoitaba asinar como "Eloy L. André" e sempre foi coñecido como André.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castro, R. De; Castro, J.; Sánchez, R.: "Una aproximación biográfica a la figura de Eloy Luis André (1876-1935) desde la historia de la Psicología", in Rev. Hist. Psicología, vol. 14, nº 3-4, 1993.
  • De Santiago Pérez, M.J., Dosil Maceira, Agustín: "Juan Vicente Viqueira e Eloy Luís André: dous psicólogos galegos de principios de século", en Revista Galega do Ensino, nº 14, febreiro 1997.
  • López Vázquez, Ramón (2002). Eloy Luis André. ISBN 978-84-89803-90-9. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]