Elmet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Elmet foi un reino celta independente que ocupaba unha ampla área do que máis tarde se converteu na West Riding of Yorkshire durante a alta Idade Media, entre aproximadamente o século V e principios do século VII [1]. Malia seren pouco claras as súas fronteiras, parece que acadaban o Río Sheaf polo sur e o Río Wharfe polo leste. Lindaba con Deira polo norte e Mercia polo sur, e semella que a súa fronteira occidental estaba preto de Craven, que era probabelmente un reino britano menor.

Elmet foi invadido e conquistado por Northumbria no outono de 616 ou 626. Pouco fica para testemuñar a súa existencia anterior, pois hoxe existe escasa evidencia arqueolóxica e histórica. As únicas pegadas físicas que perduran deste reino, fóra dos textos nos anais posromanos, foron os terrapléns defensivos preto de Barwick-in-Elmet, os nomes doutras aldeas na zona (e.g. Sherburn-in-Elmet), e nas raíces celtas de varios topónimos locais.

Historia[editar | editar a fonte]

Yr.Hen.Ogledd.550.650.Koch.jpg

Elmet foi un do feixe de reinos britónicos posromanos da Britannia setentrional que existiron durante a Alta Idade Media. Ademais de Elmet, estes incluían Rheged, Strathclyde, Ebrauc, Bryneich e Gododdin. Non está claro como se constituíu este reino, pero tense suxerido que se tería creado a partir dun reino máis amplo gobernado polo semilendario Coel Hen. O historiador Alex Woolf suxire que a rexión de Elmet puidera ter sido ocupada por unha tribo na época prerromana que emerxería de novo despois da caída do poder romano.

A existencia de Elmet vén testemuñada por Nennio na súa Historia Brittonum, na que escribe que o rei Edwin de Northumbria "occupauit Elmet, et expulit Certic, regem illius regionis" ("ocupou Elmet e expulsou a Certic, rei dese país"). A Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda menciona que Hereric, o pai de Santa Hilda de Whitby, foi asasinado na corte do rei Ceretic. Suponse que Ceretic/Certic era na mesma persoa, coñecida tamén como Ceredig ap Gwallog. Con todo, Beda non fala de Elmet como o nome dun reino senón máis ben como o nome dun bosque (de) Elmet, silva Elmete. Menciona unha residencia real [2] e a batalla de Winwaed na rexión de "Loidis"[3] (quizais a zona ocupada polo actual distrito metropolitano da Cidade de Leeds).

Elmet semella ter ligazóns con Gales; unha antiga inscrición cristiá atopada en Gwynedd di "ALIOTVS ELMETIACOS HIC IACET", ou "Aliortus o Elmetiense xace aquí". Un cantref (división administrativa) de Dyfed chamábase tamén Elfed, o equivalente galés de Elmet. Nas fontes galesas recórdanse un número de reis de Elmet. Un dos poemas de Taliesin é para Gwallog ap Llaennog, que gobernou o reino cara finais do século VI.

A finais do século VI Elmet comezou a sufrir unha crecente presión polos expansionistas reinos anglosaxóns de Deira e Mercia. Forzas de Elmet uníronse á desafortunada alianza de 590 contra os anglos de Bernicia que fixeran frecuentes incursións masivas cara o norte. Pénsase que durante esta guerra o rei Gwallog de Elmet morreu asasinado. A alianza setentrional derrúbase tras a morte de Urien Rheged e xurdiu un enfrontamento entre dous dos seus principais integrantes. Semella que despois disto e da subsecuente unificación do reino anglo de Northumbria, Elmet se viu obrigado a construír unha serie de diques defensivos ao norte e oeste de Barwick-in-Elmet nun intento aparente de se faceren cunha liña de defensa extra para a fortaleza do rei – os seus restos pódense ver aínda nesta aldea.

Os de Northumbria invadiron e devastaron en 616. Non se sabe que foi o que realmente desencadeou a invasión pero tense suxerido que o casus belli foi a morte por envelenamento don obre northumbrio Hereric, que era un membro exiliado da casa real northumbria que residía en Elmet. Puido ser que Hereric fose envelenado polos seus anfitrións e Edwin de Northumbria invadise por vinganza; o use cadra o mesmo Edwin envelenou a Hereric e invadiu Elmet para castigar a Ceredig ap Gwallog por telo cobixado.

Despois da conquista de Elmet o reino incorporouse en Northumbria – o día de Pascua de 627 [4] - e os seus habitantes foron coñecidos como os Elmetsæte. Aparecen mencionados no Tribal Hidage de finais do século VII como os habitantes dun territorio menor de 600 hides. Son o grupo máis setentrional mencionado no Tribal Hidage. Os elmetsæte probabelmente continuaron a residir en West Yorkshire como grupo distinto durante todo o período anglosaxón e pode que conspirasen con Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd cando invadiu Northumbria e rexeu brevemente a área en 633. A Vida de Cathróe de Metz menciona Loidam Civitatem como a fronteira entre os normandos de Jórvík e os britóns cumbricos de Strathclyde: se isto se referir aLeeds, suxire que algúns ou todos os de Elmet puideran ter volvido a poder britón por un breve período na primeira metade do século X[5] antes da reconquista anglosaxoa, pero non como un estado independente.

A supervivencia da comunidade britónica local é probabelmente a responsábel d alonga serie de topónimos derivados do britónico desa área, e dos topónimos anglosaxóns que comezan por Eccles- (do anglosaxón ecles = "igrexa", tomado do celta) e Wal- (do anglosaxón wealh = "celta"). Críase que os habitantes de Elmet se autodenominaban os Loides, un nome que aínda aparece reflectido en topónimos: especialmente Ledston, Ledsham, Leathley e a moderna cidade de Leeds ("Ledes" en 1086 Domesday Book).

Reis de Elmet[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://web.archive.org/20080328132558/www.geocities.com/heartland/lane/8771/elmete.html |“Kingdom of Elmete”, por Heartland (24 October 2007) [en inglés]
  2. A referencia a unha residencia real é: "Reges posteriores fecere sibi villam in regione quae vocatur Loidis" "Os reis posteriores fixeron unha casa na rexión á que chaman Loidis"
  3. Nennio usa o termo "Loid".
  4. Upper Wharfedale, Harry Speight, 1900, páxina 29
  5. Anderson, Early Sources, vol. i, p. 441; Downham, Viking Kings, p. 121; Dumville, "St Cathroe of Metz", p. 177

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • David Rollason, Northumbria, 500-1100, Cambridge University Press (2003).
  • Christopher A Snyder, The Britons, Blackwell Publishing (2003).
  • Alex Woolf, "Romancing the Celts: a segmentary approach to acculturation", in Cultural Identity in the Roman Empire, ed. Ray Laurence, Joanne Berry. Routledge (1998).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]