Eliezer Ben-Yehuda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eliezer Ben-Yehuda
Nome completoEliezer Yitzhak Perlman-אליעזר יצחק פרלמן
Nacemento7 de xaneiro de 1858
Lugar de nacementoŁużki
Falecemento16 de decembro de 1922
Lugar de falecementoXerusalén
Causatuberculose
SoterradoCemiterio xudeu do Monte das Oliveiras
NacionalidadeImperio Ruso, Imperio Otomán e Mandato británico de Palestina
Alma máterDaugavpils State Gymnasium
Ocupaciónlexicógrafo, lingüista, xornalista, gramático e editor de periódico
CónxuxeDevora Ben-Yehuda e Hemda Ben-Yehuda
FillosItamar Ben-Avi e Dola Ben-Yehuda Wittmann
editar datos en Wikidata ]

Eliezer Ben‑Yehuda, en hebreo אֱלִיעֶזֶר בֶּן־יְהוּדָה ‎, nado o 7 de xaneiro de 1858 e finado o 16 de decembro de 1922, foi unha figura clave na revitalización do hebreo como lingua de uso cotián.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Eliezer Ben-Yehuda naceu como Eliezer Yitzhak Perlman nunha familia de xudeus ortodoxos en Luschki, pertencente á rexión de Vilnius no Imperio Ruso e hoxe parte de Belarús. Acudiu a un cheder desde os tres anos onde estudou hebreo e a Biblia como era costume entre os xudeus de Europa Oriental. Seu pai morreu cando el tiña cinco anos. Ós doce anos era xa capaz de ler unha gran parte da Torah, do Mishna e do Talmud. Seu tío enviouno á yeshiva do rabino Joseph Blücker en Polatsk coa esperanza que se fixera rabino. Pero alí ademais do estudo do hebreo antigo entrou en contacto cos textos en hebreo da Haskalá, relixiosos e seculares, e tivo que deixar a yeshiva tras lle atopar textos non relixiosos no seu cuarto. Con catorce anos non puido volver a casa polo enfado de seu tío e conviviu cunha familia xudía preto de Vitebsk. A filla máis vella, Debora, deulle clases de francés, alemán e ruso e acudiu a Dünaburg para realizar máis estudos. A través do xornal en hebreo HaShahar descubriu o sionismo e chegou á conclusión que a revitalización da lingua hebrea na Terra de Israel podería unir ós xudeus de todo o mundo.

Ben Yehuda casou dúas veces, a súa primeira dona, Debora, morreu en 1891 de tuberculose, nos dez días seguintes morreron de difteria tres dos cinco fillos do matrimonio. Seis meses despois casou coa irmá máis nova, Paula Beila,[1] que usou o nome hebreo "Hemda".[2]

En París[editar | editar a fonte]

Despois da graduación foi a París en 1878 para estudar na Sorbona, nos catro anos que estivo alí estudou, entre outras materias, a historia e a política do Próximo Oriente, pero a que lle deixou máis pegada foi o estudo do hebreo, especialmente as clases avanzadas que se daban en hebreo, e foi precisamente o uso do hebreo falado o que o convenceu da posibilidade de revivir o hebreo como a lingua de uso cotián dunha nación[1] tras séculos de usos case exclusivamente litúrxicos e literarios.

En Xerusalén[editar | editar a fonte]

En 1881 Ben-Yehuda viaxou a Palestina, entón unha provincia do Imperio Otomán, traballou como profesor da Alliance Israelite Universelle.[3] Motivado polos ideais de renovación e restauración do estilo de vida da diáspora xudía, Ben‑Yehuda dedicouse a desenvolver un hebreo moderno que puidera substituír o Yiddish e outras linguas empregadas polos xudeus como medio de comunicación de todos os xudeus que fixeran o aliyah desde diversas rexións do mundo.

Ben-Yehuda e a súa dona Hemda, 1912

Ben‑Yehuda educou o seu fillo, Ben‑Zion Ben‑Yehuda só en hebreo, converténdose no primeiro falante nativo do hebreo moderno.

Carreira xornalística[editar | editar a fonte]

Cabeceira de Hazewi

Ben-Yehuda foi o editor de varias publicacións en hebreo: Hazewi e Hashkafa. Hazewi pechouse por un ano pola oposición da comunidade ultraortodoxa de Xerusalén, que se opuña ó uso do hebreo, a lingua sagrada, para a conversación profana.[1]

Lexicógrafo[editar | editar a fonte]

Ben-Yehuda foi o impulsor do establecemento do Comité da Lingua Hebrea, convertida en 1953 na Academia da Lingua Hebrea e o autor do primeiro dicionario hebreo moderno que se coñeceu como o renovador da lingua hebrea, a pesar da oposición dalgunha das palabras que creou.[1] Moitas desas palabras convertéronse en parte da lingua, pero outras- arredor de 2000- nunca chegaron a formar parte do seu corpus.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Naor, Mordechai. "Flesh-and-Blood Prophet". Haaretz. Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2008. Consultado o 2008-10-01. 
  2. "Eliezer Ben-Yehuda (1858-1922)". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2007. Consultado o 14 de xaneiro de 2009. 
  3. http://www.haaretz.com/hasen/spages/1040214.html Arquivado 14 de abril de 2009 en Wayback Machine., Confessions of a polyglot
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2009. Consultado o 14 de xaneiro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fellman, Jack (1973). The revival of a classical tongue: Eliezer Ben Yehuda and the modern Hebrew language. The Hague, Netherlands: Mouton ISBN 90-279-2495-3
  • Robert St. John. Tongue of the Prophets, Doubleday & Company, Inc. Garden City, Nova York, 1952. ISBN 0-8371-2631-2
  • Yosef Lang. דבר עברית! חיי אליעזר בן יהודה (Biografía de Eliezer Ben Yehuda). Yad Ben-Zvi, 2 volumes, (en hebreo)
  • Ilan Stavans, Resurrecting Hebrew (2008)