Elia Kazan
| Elia Kazan | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | 7 de setembro de 1909 Kayseri, Imperio Otomán |
|||||||||||
| Falecemento | 28 de setembro de 2003 (94 anos) Nova York, EUA |
|||||||||||
| Profesión | Actor, director de cine, produtor de teatro, escritor | |||||||||||
| Cónxuxe(s) | Molly Day Thatcher (1932- 1963) Barbara Loden (1967-1980) Frances Rudges (1982-2003) |
|||||||||||
| Ficha na IMDb | ||||||||||||
|
||||||||||||
Elia Kazan, nado en Kayseri o 7 de setembro de 1909 e finado en Nova York o 28 de setembro de 2003, foi un director de cine e escritor estadounidense de orixe grega. O seu nome grego era Elias Kazanjoglou (Ηλίας Καζαντζόγλου).[1]
Índice |
[editar] Biografía
Naceu en Kayseri (Cesárea de Capadocia), no antigo Imperio otomán (actual Turquía). Era fillo dun comerciante de alfombras grego, polo que formaba parte da minoría de lingua grega e relixión cristiá ortodoxa do Imperio otomán.
A súa familia abandonou o seu país natal para trasladarse a Berlín cando Elia tiña só dous anos. Despois dunha breve estancia na capital alemá, que non mellorou a súa situación económica, en 1913 a familia trasladase a Nova York, onde o cabeza de familia montou un negocio de alfombras co que conseguiu enriquecerse con rapidez, até que a crise de 1929 puxo fin á súa prosperidade.
Interesado polo teatro, en 1930 Kazan ingresou na Universidade de Yale, onde cursou Arte Dramática durante dous anos, costeándose os estudos co seu traballo como porteiro de noite dun edificio. Montou a súa primeira obra teatral, The Second Man, de Samuel N. Behrman, en 1931, e en 1932 debutou como actor na obra Chrysalis, que tiña a Margaret O'Sullivan e Humphrey Bogart como protagonistas. Por ese mesmo tempo incorporou o Group Theatre, unha formación que entendía a arte escénica dunha maneira novidosa e experimental para a época. Levou á escena, entre outras obras, Death of a Salesman, de Arthur Miller.
Pronto se revelou como un dos directores máis innovadores do Group Theatre, o que lle valeu en 1943 o premio da crítica pola posta en escena de The Skin on our Teeth, de Thornton Wilder. En 1947 foi, xunto con Cheryl Crawford e Robert Lewis, un dos fundadores do Actor's Studio, mítica escola de formación de actores que tivo unha influencia decisiva no teatro estadounidense e dela saíron actores da talla de Marlon Brando, Montgomery Clift, Geraldine Page e Paul Newman.
En 1944 dirixiu a súa primeira longametraxe, A Tree Grows in Brooklyn. Seguírona Boomerang (1947) e The Sea of Grass (1947), que lle valeron dous premios da crítica; Gentleman's Agreement (1947) polo que obtivo o seu primeiro Óscar; Pinky (1949); Panic in the Streets (1950); e A Streetcar Named Desire (1951), pola que foi candidato ao Óscar. Os anos seguintes a estes feitos foron os máis prolíficos de toda a súa carreira. Sen desatender a dirección dramática nin a actividade literaria, realizou numerosas e célebres películas: Viva Zapata! (1952); Man on a Tightrope (1952); On the Waterfront (1954) pola que gañou o seu segundo Óscar en 1955; East of Eden (1955) o seu cuarto nomeamento ao Oscar como director; Baby Doll (1956); Wild River (1960); Splendor in the Grass (1961).
Máis tarde reduciu a súa actividade cinematográfica, até que a abandonou para dedicarse enteiramente á produción literaria desde finais dos setenta. As súas últimas realizacións foron America, America (1963), a partir dunha novela autobiográfica publicada en 1962; The Arrangement (1968); The Visitors (1972); e The Last Tycoon (1976).
Como autor literario tamén logrou o recoñecemento do público e da crítica. Aparte de America, America, publicou The Assassins (1972); The Understudy (1974); Acts of Love (1978); The Anatolian (1982); e Elia Kazan: a Life (1989), minuciosas memorias polas que desfilan numerosos personaxes de Hollywood.
[editar] Galardóns
Conseguiu doce Óscar, nos que destaca como mellor director. Tamén recibiu en 1999 un Honorífico ao conxunto da súa carreira. Ademais dos Óscar polas súas películas, Kazan recibiu numerosos galardóns como o Premio de Mestres do Cine, outorgado polo diario 'Times' en 1989 e, en febreiro de 1996, o Oso de Ouro especial polo conxunto da súa obra no Festival de Berlín.
[editar] Matrimonio
Casou tres veces. Con Molly Day Thacher en 1932, coa que tivo dous fillos e dúas fillas, e coa actriz Barbara Loden en 1967, ambas falecidas. En 1982 casou con Frances Rudge.
[editar] Testemuña na caza de bruxas
Conseguiu unha certa notoriedade tras o seu testemuño ante o Comité de Actividades Antinorteamericanas na época do mccarthismo e a caza de bruxas. Testificou contra os seus antigos compañeiros do Partido Comunista, delación coa que conseguiu manter o seu estatus pero que non esqueceron algúns actores e demais colegas da súa profesión. Ao recibir o seu Óscar honorífico, varios deles negáronse a aplaudirlle e a pórse en pé, para deixar así patente o seu rexeitamento.
[editar] Filmografía
- 1937: The People of the Cumberlands (curtametraxe)
- 1940: It's Up to You (documental)
- 1945: A Tree Grows in Brooklyn
- 1946: The Sea of Grass
- 1947: Boomerang
- 1947: Gentleman's Agreement
- 1949: Pinky
- 1950: Panic in the Streets
- 1951: A Streetcar Named Desire
- 1952: Viva Zapata!
- 1953: Man on a Tightrope
- 1954: On the Waterfront
- 1955: East of Eden
- 1956: Baby Doll
- 1957: A Face in the Crowd
- 1960: Wild River
- 1961: Splendor in the Grass
- 1963: America, America
- 1969: The Arrangement
- 1972: The Visitors
- 1976: The Last Tycoon
[editar] Premios
Premios Óscar:
| Ano | Categoría | Película | Resultado |
|---|---|---|---|
| 1947 | Mellor director | Gentleman's Agreement | Gañador |
| 1951 | Mellor director | A Streetcar Named Desire | Candidato |
| 1955 | Mellor director | On the Waterfront | Gañador |
| 1956 | Mellor director | East of Eden | Candidato |
| 1963 | Mellor director | América, América | Candidato |
| Mellor película | América, América | Candidato | |
| Mellor guión adaptado | América, América | Candidato | |
| 1998 | Oscar honorífico | Gañador | |
