Eleuterio González Salgado
Eleuterio González Salgado, coñecido como Leuter, nado en Ourense o 18 de abril de 1899 e finado na mesma cidade o 29 de marzo de 1977, foi un mestre e destacado político galeguista.
[editar] Traxectoria
Membro da sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos desde 1926, participou na escavación de varios castros. Militou nas Irmandades da Fala e no Partido Nazonalista Republicán de Ourense e estivo na mesa presidencial da asemblea constitutiva do Partido Galeguista. A súa militancia levouno a ocupar os cargos de concelleiro no Concello de Ourense (1931) e deputado provincial da Deputación de Ourense, onde formou parte da Comisión Xestora desta institución. Como deputado provincial foi membro activo do Comité pro-ferrocarril Zamora-A Coruña e cofundador da Caixa de Aforros de Ourense (1933).
Participou na creación da Editorial Galaxia e na fundación do Partido Socialista Galego (PSG).
Foi membro da redacción da revista Nós, e colaborador en A Nosa Terra, La Zarpa e Heraldo de Galicia, entre outras publicacións, así coma na emisión galega na BBC.