Estadio Municipal El Molinón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "El Molinón")
El Molinón
Datos
Localización Xixón, (Asturias) España
Construción
Inauguración 1908
Estadio
Superficie Herba
Dimensións 105x68 m
Capacidade 25.885
Propietario Concello de Xixón
Localía Real Sporting de Gijón
Eventos
Copa Mundial de Fútbol de 1982

O Estadio Municipal El Molinón atópase na cidade de Xixón, na comunidade autónoma de Asturias. Nel dispútanse os encontros de fútbol que o Real Sporting de Gijón xoga como local e en ocasións tamén é empregado para facer concertos musicais.

Está situado no Parque Isabel a Católica, flanqueado polo río Piles. O seu nome fai referencia a unha gran acea (muiño hidráulico) que se erguía no lugar cando foi construído.

Non se coñecen con exactitude as datas da súa construción e inauguración. A primeira referencia á súa existencia, no diario local El Comercio, data do 20 de maio de 1908, data en que se disputa un encontro cuxa nota na prensa non o presenta como algo excepcional, o cal fai sospeitar que o escenario xa era coñecido polos xixoneses e, por tanto, a existencia do estadio é aínda máis antiga.

A FIFA designouno como unha das sedes da Copa Mundial de Fútbol de 1982, disputada en España. Ademais, albergou oito encontros da selección española de fútbol.

Historia[editar | editar a fonte]

Téñense referencias da disputa de partidos no Molinón desde 1908, o que o converte no campo máis antigo do fútbol profesional español.[1]

O Sporting empezou a utilizalo como campo oficial en 1915. O primeiro partido de competición nacional disputouse o 22 de abril de 1917, entre o Sporting e o Arenas Club de Getxo, no Campionato de España.

O 20 de novembro de 1924, o club adquíreo en propiedade, xa que até entón tíñao en arrendamento.

En 1920 xogouse no campo a final da Copa do Rei de Fútbol entre o Athletic Club e o FC Barcelona. En 1931 a tribuna cuberta sufriu un incendio que a destruíu totalmente, e dada a precaria situación económica do Sporting e os custos da reconstrución, o Sporting devolve a titularidade ao concello en 1944.

En decembro de 1968 instaláronse 4 torretas que dotaron ao estadio de luz artificial, indispensable para a disputa de partidos polas noites. O primeiro partido disputado con iluminación artifial enfrontou ao Sporting e ao Valencia CF Mestalla. Un ano máis tarde inauguráronse as obras para cubrir a bancada xeral e posteriormente procedeuse a cubrir totalmente o estadio, o que lle permitiu ser o primeiro campo de fútbol de España totalmente cuberto.

O 8 de febreiro de 1970 produciuse a primeira retransmisión dun partido de segunda división en directo por televisión desde o Municipal xixonés, co partido Sporting - Osasuna.

Entre 1997 e 1998 realizáronse obras no campo para adecualo ás normativas de seguridade que marcaron a UEFA e a FIFA para os estadios de fútbol profesional. Desta forma, fixéronse todas as localidades de asento e retiráronse os valos de seguridade, pasando dunha capacidade para 45.000 espectadores a 25.885. Tamén se dividiron as bancadas en sectores independentes e instaláronse cámaras de seguridade. En 2006 anunciouse un proxecto de remodelación parcial do estadio que afectará principalmente á imaxe exterior do estadio, no que colaborou o artista Vaquero Turcios. A remodelación financiouse coa privatización dos locais existentes baixo as tribunas. O proxecto non cumpriu as condicións esixidas pola UEFA para que o estadio sexa homologado como estadio elite.

Partidos internacionais[editar | editar a fonte]

O 22 de abril de 1928 disputouse o primeiro partido de seleccións nacionais en Asturias, no Molinón, entre España e Italia. Por aquel entón, o estadio tiña unha capacidade de 6.000 localidades. Con motivo da designación do Molinón como subsede do Mundial 82, eleváronse con tribunas superpostas as bancadas Oeste e Fondo Sur, o que supuxo un aforamento de case 45.000 espectadores, dos que 16.600 era sentados. Na celebración de dita Copa do Mundo produciuse o partido con maior aforamento de Asturias, dado que nunca tantas persoas viron en directo un partido de fútbol en Asturias ao longo de toda a historia, sería no partido Alemaña contra Austria, con 45.000 espectadores nas bancadas. Esta cifra xa non será posible superala, tendo en conta que non existe campo no Principado de Asturias que alcance esta capacidade. No Molinón disputáronse os seguintes partidos:

Primeira rolda (Grupo B): Alemaña Federal v/s Alxeria, Alemaña Federal v/s Chile, Alemaña v/s Austria


Sete veces máis disputáronse partidos de seleccións nacionais absolutas no Molinón, entre España, e Noruega (1978), Checoslovaquia (1980), Grecia (1986), Brasil (1990), Illas Feroe (1997), Dinamarca (2004) e Uruguai (2005).

Curiosidades[editar | editar a fonte]

El Molinón.

Escándalo do Mundial 1982: O 25 de xuño de 1982 dispútase no estadio de El Molinón o último partido do grupo B da primeira rolda do Mundial 82, entre Alemaña e Austria. É o último partido do grupo, e os alemáns (tras a súa derrota ante Alxeria no primeiro partido) necesitan gañar para clasificarse para a segunda rolda. En caso de gañar os alemáns produciríase un empate a catro puntos entre Alemaña, Austria e Alxeria. Este empate resolveríase a favor dos alemáns e austríacos se Alemaña gañaba só por 1-0, deixando fóra aos africanos. E iso foi o que ocorreu, tras o primeiro gol alemán (Hrubesch, minuto 10) o partido converteuse nunha pachanga entre dous equipos que o único que querían era que pasase o tempo. A FIFA iniciou unha investigación sobre os feitos pero non puido chegar a ningunha conclusión, mais para evitar máis problemas no seguinte Mundial (México 86) estableceuse que na última xornada da primeira fase xogásense os dous partidos de cada grupo simultaneamente, como se fai actualmente.

Frase soada: O 25 de novembro de 1979 xerouse na bancada do Estadio El Molinón un dos berros máis populares do fútbol español, o "Así, así, así gana el Madrid" para expresar o seu malestar pola expulsión do sportinguista Enzo Ferrero nun lance co defensa madridista Isidoro San José, un berro que se fixo famoso para criticar as axudas arbitrais ao Real Madrid.[2] Posteriormente tamén seguidores madridistas utilizaron o mesmo berro para celebrar vitorias do seu equipo.[3]

Orixe do seu nome: El Molinón será así chamado porque naqueles terreos levantábase unha acea (muíño de auga) de gran tamaño, utilizada para moer millo, que fora propiedade dun cidadán inglés apelidado Rimmel. No mesmo levantouse posteriormente o Parador Nacional "Molino Viejo". No Dicionario toponímico do concello de Xixón, de Ramón d'Andrés, publicado polo Concello de Xixón/Xixón en 2008, pódese ler acerca da orixe do nome do Molinón:

"El Molinón" designa, ante todo, unha vella acea que existiu neste lugar, movida polas augas dun regato chamado O Molín, afluente do Piles. No século XIX formou parte das instalacións da fábrica de fariña «La Hormiga», fundada por Romualdo Alvargonzález. O lugar quedou abandonado cando esta industria desapareceu. Nos anos 70 do século XX o lugar restaurouse e recuperou, dando lugar ao actual «Parador Nacional del Molino Viejo». O nome de El Molinón aplicouse tamén a sitios próximos: a avenida do Molinón (l'avenida'l Molinón) e o campo do Molinón (o campu'l Molinón, en asturiano), estadio de fútbol do Real Sporting, que xa se usaba como tal desde comezos do século XX, inaugurándose oficialmente en 1917; pasou a titularidade do Concello en 1944. Ademais, El Molinón designa toda unha zona da cidade que ten como referencia o emprazamento do antigo muíño e o actual estadio de fútbol."

Concertos: O Estadio El Molinón albergou, ademais de acontecementos deportivos, todo tipo de concertos multitudinarios entre os que cabe destacar:

Bruce Springsteen.
The Rolling Stones.
Dire Straits.
Paul McCartney.
Sting.
Bon Jovi.
Tina Turner.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Artigo no Comercio dixital]
  2. http://www.realmadridfans.org/sanjose.htm San José, causante indirecto do 'Así, así, así gana el Madrid'
  3. A novena bañou Madrid de branco no diario ABC